TRABALLO E A ESCOLA DE ORGANIZACIÓN INDUSTRIAL IMPULSARÁN A INTERNACIONALIZACIÓN DAS COOPERATIVAS AGROALIMENTARIAS GALEGAS

  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, participou hoxe na Coruña na xornada inaugural e de presentación deste programa
  • Ao abeiro desta iniciativa, organizaranse tres xornadas máis, unha por provincia, e seleccionaranse a 30 cooperativas para asesoralas no deseño de plans estratéxicos de acceso a mercados exteriores
  • O departamento autonómico ten en marcha outros proxectos para favorecer o cooperativismo, como a rede Eusumo ou as ordes de axudas, nas que se inclúen subvencións específicas para as cooperativas xuvenís

 

A Coruña, 28 de setembro de 2015.- A Consellería de Traballo e Benestar e a Escola de Organización Industrial (EOI) están a promover un novidoso programa de impulso á internacionalización das cooperativas agroalimentarias galegas, que lles ofrecerá formación e asesoramento para que poidan acceder a mercados exteriores.

 

Así o adiantou hoxe a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, que participou na Coruña na xornada inaugural deste programa, xunto co director da Fundación EOI, Fernando Bayón.

 

Ao abeiro deste iniciativa, organizaranse catro xornadas en todas as provincias. Así, á celebrada hoxe na Coruña, sumarase mañá unha en Ourense; o mércores en Lugo; e o xoves en Silleda.

 

As cooperativas participantes poderán solicitar que se realice un diagnóstico sobre as súas capacidades de acceso a novos mercados exteriores. Posteriormente, seleccionaranse ás 30 que teñan maior potencial de internacionalización para asesoralas no deseño de plans estratéxicos.

 

“Ampliar os mercados das cooperativas supón un avance esencial para garantir a súa sostenibilidade e multiplicar as súas oportunidades de futuro”, subliñou Mato, quen considerou que as materias primas alimentarias galegas son dunha “calidade altísima”, polo que poden “chegar a ser obxecto dunha gran demanda internacional”.

 

Actualmente, en Galicia están funcionando 350 cooperativas agrarias, 21 de explotación comunitaria da terra e 43 do mar. En total, supoñen un terzo de todas as cooperativas da comunidade autónoma, que son a día de hoxe 1.268, un 13,5 por cento máis das que había en 2009. Deste total, forman parte 93.000 socios e xeran cerca de 21.000 postos de traballo directo, isto é, “máis do 2 por cento dos ocupados en Galicia están vinculados a esta fórmula de economía social”.

 

Ao respecto destas cifras, Mato fixo fincapé en que o número de cooperativas “segue aumentando ano a ano. Só en 2014 creáronse 69, a maior cifra de constitucións na última década”. Con todo, o obxectivo é que o sector continúe avanzando, de aí que a Xunta estea a impulsar distintas iniciativas para conseguilo.

Deste xeito, ademais do programa presentado hoxe, a conselleira puxo en valor outras iniciativas como a creación en 2012 da Rede Eusumo. Actualmente, conta con 72 entidades adheridas, ten organizado máis de 600 actividades formativas ata o momento, e ao seu abeiro téñense creado xa 100 cooperativas que xeran 400 empregos directos.

 

Ademais, estase promovendo esta fórmula entre a mocidade. Xa o ano pasado impulsouse a figura das cooperativas xuvenís (nas que a maioría dos seus membros son mozos e mozas), e neste exercicio consolidouse de novo esta aposta ao volverse a convocar axudas para o fomento e creación de cooperativas impulsadas pola mocidade, cun investimento de 200.000 euros. A esta convocatoria súmase a orde de fomento do cooperativismo para inscritos no sistema de Garantía Xuvenil, que dispón dun orzamento de 775.000 euros. Así, en total, destínase preto dun millón de euros para a promoción do cooperativismo entre os mozos e mozas galegas.

 

“En definitiva”, rematou Mato”, “imos seguir esforzándonos para garantir o presente e futuro do cooperativismo en Galicia e para ofrecer novas e mellores oportunidades a todos os socios e traballadores destas sociedades”.

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: