Curtocircuíto trae talento galego con Planeta GZ e Manolo González

O Teatro Principal acollerá o martes 6 de outubro os filmes galegos seleccionados. Na primeira sesión, inclúense os últimos dous traballos da documentalista Xisela Franco,Cruz Piñón, e Hyokakusha – Caminante sin rumbo, esta última asinada xunto a Anxela Caramés. Hai tamén espazo para a última ficción de Luis Avilés (Unary), cun excelente Antonio Durán Morris de protagonista; ou a nova animación de David Fidalgo,Preludio. Completa a sesión a ópera prima dunha da novas promesas do cine galego, Álvaro Fernández-Pulpeiro, que presenta Sol mihi semper lucet.
Na segunda, grandes referentes en Galicia do cine documental e experimental como Marcos Nine (Rorschach#1: Puntos de Autoridade), Miguel Mariño (O descubrimento de Américo) ou Jaione Camborda (Proba de axilidade), conviven coa novísima promesa da animación Borja Santomé (Historia Cerebro), ou co curioso encontro entre música e cine da banda coruñesa Volontè, cunha curta homónima na competición.
Manolo González presenta a súa historia do cine
A sala NUMAX acollerá o mércores 7 e o xoves 8 de outubro a Carta Branca de Manolo González, dedicada á historia do cine galego. Na selección que fixo para Curtocircuíto, inclúense obras xerminais do noso cine coma o documental Galicia, de Carlos Velo e Fernando G. Mantilla, un canto á nosa terra feito á altura da Segunda República;Mamasunción, o filme máis emblemático do grande renovador dos 80, Chano Piñeiro; ou varios títulos do recente Novo Cinema Galego: 1977 (Peque Varela), Os señores do vento (Xurxo Chirro) ou Ser e voltar (Xacio Baño), entre outros. González estará presente nas dúas sesións para falar dos detalles de cada película e discutir co público a súa escolma.