BENESTAR AVANZA NUN NOVO PLAN GALEGO DE MAIORES QUE SE CENTRARÁ NAS PERSOAS DE MÁIS DE 55 ANOS
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, participou hoxe en Teo no acto conmemorativo da celebración do Día Internacional das Persoas Maiores organizado pola Confederación Galega de Organizacións de Maiores (CO.GA.MA)
- Invitou a todos os asistentes a achegar as súas propostas e demandas para mellorar esta nova planificación
- A titular do departamento autonómico apostou por fomentar a participación dos maiores, as relacións interxeracionais, e o envellecemento activo
- O Goberno galego ten posto en marcha diversas iniciativas na materia, como a Estratexia para a prevención da dependencia, o modelo de carteiras, o Plan marco de atención sociosanitaria ou a Estratexia de cronicidade
Teo (A Coruña), 1 de outubro de 2015.- A Consellería de Traballo e Benestar está a avanzar actualmente na elaboración dun novo Plan galego das persoas maiores 2016-2020, que se vai centrar de forma especial no colectivo de máis de 55 anos, co obxectivo de que poidan manter a súa autonomía en condicións óptimas o máximo tempo posible.
Así o adiantou hoxe a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, durante a súa participación no acto conmemorativo do Día Internacional das Persoas Maiores que organizou a Confederación Galega de Organizacións de Maiores (CO.GA.MA) en Teo.
Alí, explicou que esta nova folla de ruta estase a redactar desde unha perspectiva de “planificación participativa e escoita dos colectivos implicados”, polo que Mato invitou aos asistentes a que achegasen á Xunta as súas propostas e demandas co fin de incorporalas a este documento.
“Os maiores poden e débennos aportar moito”, reflexionou. Precisamente por esta razón, apostou por consolidar e ampliar a súa participación na sociedade, para que “a experiencia que atesouran sexan un verdadeiro activo”.
Neste mesmo sentido, destacou a necesidade de seguir fomentando as relacións interxeracionais, dado que o intercambio de valores entre os maiores e a mocidade “faranos máis fortes”. Ademais, “é preciso tamén que vexamos o envellecemento en positivo, porque non é só unha etapa máis da vida, pode chegar a ser unha das máis plenas e felices”, considerou a conselleira.
Tamén apostou por seguir avanzando pola senda do envellecemento “activo e saudable” e da promoción da autonomía persoal, dado que é importante que as persoas vivan os máis anos posibles “libres de situación da dependencia”.
Estratexia para a prevención da dependencia
Para avanzar en todos estes obxectivos, Benestar está a impulsar diversas iniciativas. Así, por exemplo, elaborouse a primeira Estratexia para a prevención da dependencia da historia da autonomía, que inclúe case 400 medidas ata 2020.
Ademais, xa está en funcionamento a carteira para persoas en situacións de dependencia e estase a ultimar a das persoas con autonomía. “Grazas a este novo modelo de atención, os usuarios poderán acceder aos servizos que precisan, creando un traxe á medida das súas necesidades, ampliando e diversificando os servizos, e facéndoos máis eficientes e de maior calidade”, concretou Mato.
A estas actuacións, hai que sumar aquelas que se desenvolven nesta materia en colaboración con Sanidade. En concreto, elaborouse o Plan Marco de Atención Sociosanitaria e a Estratexia de Cronicidade.
“A calidade de vida dos maiores é, en definitiva, unha prioridade para a Xunta”, rematou a conselleira, quen engadiu que esta consideración debe estenderse a toda a sociedade galega.
Reblogueó esto en AsturGalicia Noticias.