“Cronocinemas”, de Xisela Franco, proxecto gañador convocatoria ARTISTAS

15.CryingpaintsCronocinemas, de Xisela Franco

Proxecto gañador da bolsa de produción ARTISTAS 2015

Convocada conxuntamente pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e o MARCO.

 

O proxecto Cronocinemas, da artista Xisela Franco, foi seleccionado como a proposta gañadora da convocatoria de axudas de produción ARTISTAS 2015, unha iniciativa conxunta da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e o MARCO, que ten como obxecto a realización dunha exposición individual como parte da programación do Anexo do MARCO en 2016.

Esta convocatoria de apoio á produción enmárcase no proxecto de visibilización ARTISTAS, que a Unidade de Igualdade ven desenvolvendo dende o ano 2011 —coordinado por Mar Caldas e Almudena Fernández Fariña, profesoras da Facultade de Belas Artes—, cuxo obxectivo é apoiar as alumnas que desexan comezar a súa andaina no campo da arte, facilitando a súa incorporación ao espazo artístico profesional, buscando novas redes de difusión, promovendo e dando visibilidade aos seus traballos, dadas as maiores dificultades que teñen respecto aos seus compañeiros. Esta é a primeira ocasión na que o proxecto se concreta en axudas á produción.

O xurado, composto por Mar Caldas, Almudena Fernández Fariña e Anabel González Penín como representantes da Universidade de Vigo; Agar Ledo Arias e Iñaki Martínez Antelo como representantes do MARCO; e a comisaria responsable da programación do Anexo en 2016, Chus Martínez Domínguez, tomou a súa decisión por unanimidade tras examinar polo miúdo todas as propostas recibidas en función da súa viabilidade e calidade.

Cronocinemas

Despois de 100 anos de historia, o cinema redefínese dentro da explosión de posibilidades que trouxo a revolución dixital. Hoxe en día existe, por exemplo, un interese cada vez maior polas orixes e o estudo das primeiras prácticas e inventos pre cinematográficos, e por investigar sobre a materialidade do cinema e as súas posibilidades pictóricas. A partir da experimentación e da tradición documental, a traxectoria de Xisela Franco foise orientando nos últimos anos cara ao documental de creación, buscando a poética do cotián, o cinema en primeira persoa, e o traballo pictórico e fotográfico a partir do negativo, utilizando formatos como Super8 ou 16 mm.

 

O cinema naceu como busca da captura do movemento, e grazas á cronofotografía os estudos do movemento influíron na arte moderna. Tomando como referencia os traballos de cronofotografía de Muybridge ou Marey, o zootropo, o traumatropo, o fenaquisticopio, e outros dispositivos fotográficos que precederon e posibilitaron a captura da imaxe en movemento, este proxecto expositivo inclúe unha serie de proxeccións cuxa temática é o estudo da locomoción humana, dos animais e dos obxectos. Distintos movementos captúranse e proxéctanse a cámara moi lenta, nunha presentación de escenas ou accións que busca descontextualizar estes xestos a través do seu ralentizado e instalalos como unha colección de películas curtas que se inspiran nos primeiros estudos fotográficos do movemento. Un uso da cámara lenta explorado por artistas como Bill Viola, Douglas Gordon, ou Michael Snow, referentes sen dúbida na historia da videoarte.

Xisela Franco (Vigo, 1978) é cineasta e investigadora, con ampla traxectoria no documental e o cinema experimental. Licenciada en Comunicación Audiovisual e posteriormente en Filosofía pola UEM, residiu en Madrid durante nove anos e nesta cidade fundou a súa produtora Epojé Films, que realiza documentais para TVE ou Canal Historia, e filmes con vocación artística. Sempre indagando novos camiños da expresión audiovisual que cuestionen a identidade do cinema para redefinilo, a súa obra recibiu premios e percorreu galerías e festivais internacionais. Aadat (2004), codirixida con Noé Rodríguez, recibiu o galardón Ciudad de Madrid ao Mellor Documental Español no Festival DocumentaMadrid, o Premio á Mellor Obra de Videoarte de Vitoria Gasteiz, e foi finalista en varios festivais europeos, como Leipzig International Film Festival e European Film Biennale, Ludwigsburg. De 2006 a 2010 trasladouse a Canadá, cunha Bolsa da Fundación Caixa Galicia para Estudos de Posgrao, e cursa un MFA (Master of Fine Arts in Film) en York University, supervisando a súa memoria de licenciatura o cineasta Phil Hoffman. En York tamén imparte clases de Film Art como asistente do profesor John MCullough, entra en contacto coa vibrante comunidade de cineastas e artistas de Toronto, e achégase ao documental de vangarda canadense. Entre 2012 e 2013 dirixe trece documentais para a serie da TVG “As Raíces” sobre historia industrial de Galicia, así como os documentais Camerún, al Norte con la ONG Pozos de Agua Mayo Rey, e SOS Comuneiros de Cabral, un documental activista contra a construción dun macro centro comercial. Actualmente continúa explorando o documental de creación e a videoarte, ao tempo que remata o seu doutoramento en Belas Artes na Universidade de Vigo, sobre “Cinema de museo”, nunha tese dirixida por Silvia García e Margarita Ledo.

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: