O CENTRO CULTURAL DE VALADARES INICIA HOXE 5 CURSOS FORMATIVOS PARA FOMENTAR A INCLUSIÓN SOCIAL DE 75 PERSOAS DESEMPREGADAS
- O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, deu a benvida aos alumnos e alumnas que recibirán formación ata o 30 de novembro
- A Xunta destina para estes 5 cursos unha subvención de 95.500 euros que superará os 125.000 no ano 2016, cando realizarán outros 3 cursos máis
- Agricultor ecolóxico, Repoboación forestal, Peón forestal, Bio-construción, e Aplicacións Informáticas de Xestión para Inmigrantes son as especialidades que hoxe comezan cun traballo total de 1.040 horas de formación
- Os cursos son subvencionados de xeito plurianual ao abeiro dunha Orde de axudas cofinanciada polo FSE e a Consellería de Política Social
- López-Chaves amosou o “compromiso” da Xunta coas políticas sociais lembrando o “incremento que haberá no gasto social” dentro dos orzamentos do 2016, e que será de ata 282 millóns máis.
Vigo, 20 de outubro de 2015.- O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, presidiu esta mañá no Centro Cultural, Artístico e Recreativo de Valadares a presentación e inicio dos 5 cursos formativos que o colectivo vigués impartirá durante un mes ao abeiro da Orde de axudas dirixida a entidades que traballan pola inclusión social.
López-Chaves recoñeceu o traballo e a participación activa nestes programas do Centro Cultural de Valadares xa que, coma dixo, “son unha boa forma de ofrecer formación” contribuíndo así a fomentar a inclusión social e a integración no mercado de traballo das persoas en situación ou risco de exclusión social. “É un compromiso e obriga das administracións que temos que asumir e desenvolver”, dixo o delegado, quen lles desexou “éxito” a todos e cada un dos alumnos e alumnas que hoxe comezaron os cursos.
A Xunta de Galicia subvenciona, dentro da Estratexia para a Inclusión Social de Galicia 2014-2020, estes 5 cursos formativos cun total de 95.500 euros para ofrecer formación orientada a mellorar a cualificación socioprofesional e a adquisición e o desenvolvemento das habilidades sociais e hábitos prelaborais que faciliten o exercicio dunha profesión de 75 persoas desempregadas.
Os alumnos e alumnas se formarán durante 1.040 horas nas especialidades de Agricultor ecolóxico, Repoboación forestal, Peón forestal, Bio-construción e Aplicacións Informáticas de Xestión para Inmigrantes e outros. Os cursos rematarán a finais do mes de novembro. Ademais, os alumnos e alumnas que o necesiten poderán ter acceso a unha beca de transporte que, cos gastos xustificados, podería chegar a incrementar nun 20% o total da axuda outorgada pola Xunta de Galicia.
Esta oferta formativa é subvencionada de xeito plurianual ao abeiro dunha Orde de axudas dirixida a entidades de inclusión social para a promoción de actividades de servizos sociais comunitarios e inclusión social publicada no DOG do 10 de xullo de 2015 e cofinanciada polo FSE e a Consellería de Política Social.
Deste xeito, o Centro Cultural de Valadares contará tamén para o vindeiro ano con outros 3 cursos máis que suporán unha axuda de case 30.000 euros. Camareiro de restaurante-bar; Atención á infancia en espazos de lecer e Iniciación a internet e a cultura galega son as especialidades que desenrolarán no ano 2016.
Con todo, o Centro de Valadares ofertará grazas a esta liña de axudas un total de 8 cursos formativos para atender a 120 persoas que se atopan en situación de inclusión cunha axuda total que superará os 125.000 euros.
O delegado resaltou así a aposta do Goberno galego polas políticas de inclusión social e por programas deste tipo que son posibles a través das subvencións destinadas a entidades de iniciativa social co fin de que realicen actividades que contribúan ao fomento da inclusión social e a integración no mercado de traballo das persoas en risco de exclusión social.
A Xunta de Galicia, a través das subvencións destinadas ás entidades de iniciativa social, destinou a esta liña de axudas a cantidade de 5,2 millóns de euros, un 40% máis que en 2014 e un 62% se se compara co ano 2013, o que amosa o compromiso e aposta do Goberno galego pola inclusión social, que se reforza ano tras ano.
Deste xeito, e coma recordou o delegado, “haberá un incremento do gasto social para o orzamento do 2016” referíndose ao anuncio que onte fixo o presidente Alberto Núñez Feijóo, de que para o vindeiro ano darase un novo impulso ás partidas sociais cun crecemento de 282 millóns de euros. En definitiva, contarase con máis recursos para seguir apoiando aos que máis o precisan, cumprindo o compromiso de incluír novas medidas no Plan de loita contra a desigualdade económica dotado con 10 millóns de euros; axilizando a tramitación da Risga, ou incluíndo 10.000 novos dependentes ao sistema.