Comerciantes uso sanitario Xeral Vigo.
Xunta de Persoal do Chuvi, SOS Sanidade Pública e comerciantes da zona do hospital Xeral reclaman cunha protesta que se manteña o uso sanitario do edificio
Membros da Xunta de Persoal do Chuvi e da plataforma SOS Sanidade Pública acompañaron hoxe a un grupos de comerciantes da zona do hospital Xeral durante a protesta que desenvolveron ás portas das antigas Urxencias para reclamar que se manteña o uso sanitario do edificio. Na mobilización tamén participaron integrantes da Federación de Asociacións Veciñais de Vigo.
O obxectivo da protesta é alertar sobre o risco de deterioro económico e social deste espazo se o edificio non mantén ningunha actividade, “o que suporía a ruína económica dos pequenos negocios e o deterioro urbano da zona”.
Lembran que a área necesita numerosos recursos sanitarios (Centro de Saúde, Urxencias extrahospitalarias, Centro de Alta Resolución, Servizo de Ciruxía Maior Hospitalaria, Centro de Orientación Familiar, Servizo de Rehabilitación Extrahospitalario) dos que actualmente non dispón polos recortes sanitarios. “O actual edificio suporía un espazo apropiado para situalos sen custos inasumíbeis”, sosteñen.
Entenden que esta utilización, ademais de mellorar a asistencia sanitaria da área, garantiría a supervivencia duns establecementos comerciais cuxo peche afectaría o emprego, a actividade económica da cidade e a calidade de vida de centos de familias, ademais de evitar o deterioro urbano da zona.
Diante disto, esixen un servizo de vixilancia que evite o roubo e a destrución do edificio e das súas instalacións, ou a ocupación das mesmas con fins distintos aos sanitarios e comprométense a promover un amplo debate cidadán e profesional sobre o futuro da actual torre do antigo hospital Xeral.