Datos EPA III trimestre

A poboación activa descendeu en Galiza en 500 persoas no terceiro trimestre do ano

O 97% dos novos/as asalariados/as rexistrados/as neste período prestaron a súa actividade cun contrato de duración temporal

Vigo/22-10-2015

A poboación activa descendeu en Galiza en 500 persoas durante o terceiro trimestre de 2015, segundo datos recollidos pola Enquisa de Poboación Activa (EPA). Esta situación aínda é máis preocupante se se compara co mesmo período do ano anterior, xa que os indicadores amosan unha baixada de 13.700 persoas. Paralelamente, o mercado laboral galego continúa a incrementar os índices de temporalidade, xa que o 97% dos novos asalariados/as neste tempo prestaron a súa actividade cun contrato de duración temporal.

 

Nin creando nin destruíndo emprego se frea a sangría de perda de poboación activa en Galiza; neste último trimestre o descenso afectou a 500 persoas, pero se se compara co mesmo perído do ano anterior a cifra elévase até as 13.700.

 

Un trimestre máis debemos reiterar a gravidade desta situación para o noso país, xa que nos atopamos cunha perda constante de poboación e cun elevado índice de envellecemento. Os datos da EPA do último trimestre amosan que esta problemática segue a agravarse, xa que o descenso só afecta á poboación menor de 40 anos; só no último trimestre descendeu o número de activos/as de entre 30 e 40 anos en 8.700, mentres que a partir desta idade a poboación medra.

 

O incremento da ocupación é o esperado para este período do ano, xa que se corresponde coa época estival (xullo, agosto e setembro), onde adoita medrar a ocupación fundamentalmente no sector servizos, e este ano non foi unha excepción, xa que o 90% do medre da ocupación rexistrouse neste sector (26.100 dos 29.100 novos/as ocupados/as).

 

Tamén é habitual que esta ocupación sexa efímera, e todo parece indicar que así é, xa que o 97% dos novos/as asalariados/as prestaron a súa actividade cun contrato de duración temporal: se o comparamos co mesmo trimestre do ano anterior, incluso baixan as persoas con contrato indefinido.

 

Ao mesmo tempo, o número de parados/as descende en 29.700 persoas, situándose a taxa de paro no 17,7% da poboación activa.

 

No que atinxe ao número de vivendas con todos os seus activos parados, a cifra chega até as 73.100 neste último trimestre.

 

A nivel provincial, o maior incremento da ocupación corresponde á provincia de Pontevedra con 11.800 ocupados/as máis neste último trimestre, seguida da Coruña, onde a ocupación medrou en 9.600 persoas.

 

Alta temporalidade do emprego

 

Á vista dos datos, o secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Miguel Malvido, alerta sobre a cada vez máis alta temporalidade e precariedade do emprego, o que na súa opinión “fai que moitas persoas non poidan ter unha vida digna a pesar de contar cun posto de traballo”.

 

Neste senso, considera moi preocupante o feito de que tan só un 3% dos novos/as asalariados/as no terceiro trimestre do ano prestaron a súa actividade logo de asinar un contrato indefinido.

 

Finalmente, denuncia que a problemática da perda de poboación e do avellentamento continúa a agravarse no noso país, xa que a baixada da poboación activa só afecta aos menores de 40 anos: só no último trimestre descendeu o número de activos/as de entre 30 e 40 anos en 8.700, mentres que a partir desta idade a poboación medra.

 

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: