A XUNTA INFORMA AOS CONCELLOS DE VIGO E ÁREA DAS AXUDAS PARA A PROMOCIÓN DA IGUALDADE, QUE ESTE ANO SE INCREMENTAN NUN 35%

  • A Secretaría Xeral de Igualdade destinará este ano 4,6 millóns de euros para a posta en marcha de distintos programas por parte das entidades locais
  • A nova convocatoria engloba a promoción da conciliación familiar, a prevención e tratamento da violencia de xénero e apoio aos CIM
  • A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, presentaron esta mañá a liña de subvencións

 

Vigo, 23 de outubro de 2015.- A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, informaron esta mañá aos representantes municipais dos 14 concellos área territorial de Vigo da nova convocatoria de axudas e subvencións aos concellos para a promoción da igualdade. O Goberno galego destinará a este programa un importe de 4,6 millóns de euros, o que supón un incremento do 35% respecto ao ano 2014.

 

Neste senso, López Abella incidiu en que o ámbito municipal, “por ser o máis próximo á cidadanía e polo coñecemento da situación específica da súa poboación”, resulta “idóneo” para o desenvolvemento de accións tendentes a facer efectivo o principio de igualdade entre homes e mulleres, á prevención e á erradicación da violencia de xénero, así como para o establecemento das condicións que posibiliten a participación das mulleres na vida política, económica, cultural e social.

 

Ao igual que en anos anteriores, e coa finalidade de lograr unha xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles, impulsaranse os proxectos de xestión compartida, polo que as solicitudes presentadas por máis dun concello recibirán ata 40 puntos por este feito. Os concellos que se agrupen ou asocien deberán presentar un convenio de colaboración.

 

En todos os casos, a presentación de solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo de presentación remata o vindeiro 9 de novembro.

 

Tres programas

A resolución que se ven de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle un marco de axudas públicas para o financiamento de medidas e actuacións a desenvolver polas entidades locais ao abeiro de tres programas:

 

  • Programa de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar.
  • Programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero.
  • Programa de apoios aos centros de información ás mulleres (CIM).

 

O Consello da Xunta autorizou a concesión de anticipos de ata o 75% das subvencións concedidas nalgún destes tres programas, que estarán cofinanciadas nun 80% polo Fondo Social Europeo.

 

A primeira liña de axudas correspóndese ao programa de fomento da conciliación, que engloba as medidas que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras. Entre esas medidas están os bancos de tempo. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 12.000 euros no caso de solicitude individual e ata 22.000 euros se se trata dunha solicitude conxunta de varios concellos.

 

En canto á segunda liña, referida á prevención e tratamento integral da violencia de xénero, inclúe accións de intervención de carácter integral coas mulleres vítimas de violencia de xénero, coas súas fillas e fillos, así como coas persoas delas dependentes e actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual e a prostitución. Neste caso, a contía máxima que pode recibir un municipio por este programa é de 10.000 euros no caso dunha solicitude individual e de ata 20.000 para os proxectos que agrupe a varias entidades locais.

 

Apoio aos CIM

O terceiro programa é o relativo aos apoios aos centros de información ás mulleres (CIM), que ten como obxectivo reforzar a funcionalidade destas instalacións e consolidar os postos e o perfil profesional das persoas que prestan atención nelas. É subvencionable a existencia no cadro de persoal ou na relación de postos e traballo da entidade de prazas para persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido para prestar servizos no CIM, para a atención a mulleres en situación de vulnerabilidade. Tamén será obxecto de axudas a contratación laboral temporal ou mercantil de profesionais para a prestación dos servizos de asesoramento xurídico ou de atención psicolóxica, así como para levar a cabo as funcións de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por estes conceptos é de 45.000 euros, e ata 120.000 euros no caso dunha solicitude conxunta.

 

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: