“A EPA demostra que na comarca de Vigo continúa a destruírse emprego”

Alberto Gonçalves, Secretario Comarcal da CIG:

  • A última enquisa recolle un novo descenso na poboación ocupada.
  • A CIG denuncia a elevada temporalidade e precariedade do novo emprego creado.

Vigo, 26/10/2015.-  Para a CIG de Vigo os datos recollidos na Enquisa de Poboación Activa, correspondentes ao terceiro trimestre do ano 2015, están lonxe de ser positivos. Malia rexistrarse un descenso marxinal no número de persoas paradas en Vigo, a central nacionalista pon o foco na queda da poboación ocupada. “Estamos a ver cada mes e cada trimestre como a nivel estatístico o paro parece baixar, mais a realidade é que hai cada vez menos xente con traballo” explica o Secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves.

Gonçalves sinala que o terceiro trimestre concluíu con 600 persoas ocupadas menos na cidade de Vigo das que había no trimestre anterior. A EPA tamén reflicte como nos últimos doce meses se teñen destruído por volta de 3.700 postos de traballo. En comparación co terceiro trimestre de 2009, o número de vigueses e viguesas con emprego descendeu en 14.000 persoas. Coa última EPA o número de persoas ocupadas na cidade olívica sitúase por debaixo das 150.000, e a taxa de ocupación retrocedeu até o 46,4% fronte o 46,7% de 2014 ou o 51,7% de 2009.

Estes datos confirman, segundo a CIG, que tras os descensos no número de parados e paradas non está a anunciada recuperación económica, senón outras causas como a emigración, sobre todo de xente nova. Nese sentido, refiren que a poboación activa continúa a retroceder, e en setembro de 2015 había case 9.000 activos menos que seis anos antes.

A nivel sectorial, Gonçalves denuncia a grave situación que atravesan as actividades industriais, que non recuperan nin carga de traballo nin emprego, e especialmente o sector da construción, no que no último trimestre se destruíron 1.300 empregos.

Precariedade

Un cadro laboral agravado pola xeneralización da precariedade. Un de cada catro traballadoras da cidade de Vigo ten un emprego a tempo parcial (23,85%). Situación que non parece se poida inverter toda vez os datos das novas contratacións amosan que máis do 90% dos contratos subscritos cada mes son temporais, e unha crecente predominancia dos traballos a tempo parcial. “Os poucos empregos que se crean son ultraprecarios e non permiten vivir do propio traballo”.

Cambio de políticas

En opinión de Gonçalves a situación da cidade de Vigo é representativa da realidade laboral do conxunto da comarca, que define como de “emerxencia social”. “A nosa bisbarra está a padecer unha continuada destrución de emprego e a desertización de sectores produtivos esenciais como a industria ou o naval” alerta. O secretario comarcal da CIG-Vigo defende como unha “necesidade urxente” unha mudanza radical nas políticas económicas, laborais e sociais, tanto da Xunta de Galiza e do Goberno español.  “As políticas do Partido Popular, e as practicadas con anterioridade polo PSOE, só serviron para empobrecer a clase traballadora, destruír empregos por centos e afogar os nosos sectores produtivos”, critica.

“É indispensábel unha intervención pública directa e decidida para poñer en marcha as enormes potencialidades produtivas que ten a nosa comarca” reclama, advertindo de que “xa non queda tempo”. “Se non se poñen en marcha medidas reais en lugar de propaganda electoralista para reactivar a nosa industria, a economía de Vigo e a súa área de influencia vai camiño do abismo no que caeron outras comarcas, como Ferrol Terra”.

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: