REY VARELA DESTACA QUE O “NOVO IMPULSO SOCIAL” CIFRADO NUN INCREMENTO ORZAMENTARIO DUN 12,6% PERMITIRÁ “TER MÁIS RECURSOS PARA SEGUIR APOIANDO ÁS FAMILIAS E AOS QUE MÁIS O PRECISAN”

O conselleiro de Política Social explicou no Parlamento as contas económicas do seu departamento para o vindeiro ano 2016

  • O orzamento da Xunta de Galicia para o próximo exercicio reserva un total de 618,5 millóns de euros para a área social
  • Os principais reforzos presupostarios destínanse á Familia, Infancia e Conciliación, que sube un 40% superando os 97 millóns de euros; a Inclusión Social, que medra máis dun 24% para acadar os 86,5 millóns; e a atención á Dependencia, que aumenta até os 324,2 millóns de euros
  • O titular autonómico destacou, entre outras medidas, a nova axuda directa por nacemento de fillo ou filla, da que se beneficiarán o vindeiro ano ao redor de 15.000 familias galegas
  • Ademais, Rey Varela fixou como obxectivos axilizar a tramitación da RISGA e ampliar en 10.000 máis as persoas atendidas no sistema de dependencia ata chegar ás 50.000 incluídas no sistema e a unha ratio de cobertura do 75%
  • Así mesmo, o responsable de Política Social salientou o incremento nun 15% das partidas consignadas para Xuventude, Participación e Voluntariado, que suman case 10 millóns de euros

 

Santiago, outubro de 2015.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, sinalou hoxe que os orzamentos da Xunta de Galicia para 2016 “marcan o inicio dunha nova etapa que imos aproveitar para dar un novo impulso social”.  Así o dixo no transcurso dunha comparecencia parlamentaria na que salientou que o seu departamento autonómico disporá o vindeiro ano de un total de 618,5 millóns de euros, que supoñen un aumento do 12,6% con respecto ás contas do presente exercicio. “Este reforzo nos presupostos significa más recursos para seguir apoiando ás familias e aos que máis o precisan”, afirmou.

 

Na súa intervención, Rey Varela destacou que a familia e a infancia serán un eixe de acción fundamental para o Goberno galego, de aí o incremento das axudas directas ás familias e a posta en marcha de novas medidas e servizos dirixidos a favorecer a conciliación. De feito, as partidas consignadas para esta área soben case un 40% ata chegar aos 97,2 millóns de euros. Entre os novos programas que se porán en marcha no 2016, o conselleiro fixo mención ao Bono Conciliación, para que todos os pais e nais que queiran levar os seus fillos a unha escola infantil -e que non teñan praza nunha da Xunta- reciban unha axuda; o Bono Coidado no rural, para as familias que residen en contornos non urbanos e con fillos menores de 12 anos –preferentemente menores de 3 anos-  que non teñen acceso a unha escola infantil cerca do territorio onde viven; e a nova axuda directa de 100 euros ao mes durante o primeiro ano por cada neno ou nena que naza a partir do vindeiro 1 de xaneiro para apoiar así aos pais e nais nos gastos básicos que supón o nacemento dun fillo ou filla.

 

Ao respecto desta axuda por nacemento, o obxectivo é que se podan beneficiar da mesma ao redor de 15.000 familias e se establecerá en función da renda per cápita familar. En 2016, resérvanse 9 millóns de euros para a aplicación desta medida, coa intención de que aumente en anos sucesivos para manter unha política demográfica seria e estable na liña dos países máis avanzados nesta materia como Finlandia, Dinamarca, Noruega ou Suecia. “Temos que esforzarnos e traballar en garantir que todas esas persoas que deciden dar o paso e ter fillos si poden estar seguras de que terán ao seu carón un Goberno para apoialos a elas e aos seus fillos e fillas”, indicou o titular autonómico.

 

Máis axudas para a inclusión

 

No que atinxe ás axudas ás persoas e familias con menos recursos, Rey Varela apuntou que por primeira vez a Inclusión Social ten rango de Dirección Xeral no organigrama da Administración autonómica o que pon de manifesto o compromiso do Goberno galego coa xente que peor o está a pasar. Con esta finalidade, as partidas desta área crecen máis dun 24% acadando os 86,5 millóns de euros.

 

Este maior investimento en inclusión permite reforzar con 5 millóns de euros máis a cantidade inicial destinada á Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) que ten consignados para o vindeiro exercicio un total de 52,7 millóns de euros. No que atinxe a esta renda social, o conselleiro declarou que “non soamente queremos atender a todas as persoas que precisan da RISGA senón que queremos facelo antes, axilizando a tramitación da mesma”. Ao fío disto, responsable de Política Social expuxo qie segundo os últimos datos facilitados polas Xefaturas Territoriais correspondentes con este mes de outubro, a día de hoxe se están a cumprir os prazos na resolución dos expedientes con toda a documentación completa. Así mesmo, referiuse á Orde de Contratación de preceptores da RISGA, unha medida pioneira grazas a cal os concellos empregaron en dous anos a máis de 1.600 persoas.

 

Ademais de dar cobertura á xente en risco ou situación de vulnerabilidade que reside na Comunidade, os novos orzamentos teñen en conta as novas necesidades que poidan xurdir coa chegada de refuxiados e refuxiadas. Para atender a estas persoas duplicase o orzamento das ordes de entidades e de concellos. A primeira delas  pasa dos 3,9 millóns de euros actuais aos 7,3 reservados para 2016, e segunda acada os 3,4 millóns fronte aos 1,7 vixentes. “Somos un país solidario”, declarou o conselleiro, engadindo que “estamos preparados para o momento en que recibamos ás primeiras persoas refuxiadas darlles, en primeiro lugar acollida, e tamén favorecer a súa integración social e laboral”. Unha labor en que a administración autonómica contará coa colaboración tanto dos concellos como do voluntariado, o cal recibirá a formación que sexa precisa.

 

Así mesmo, as contas de Política Social para a vindeira anualidade “blindan” as Axudas de Inclusión, xa que a partida destinada a estas axudas está consignada xunto con outras do Plan Social contra a Desigualdade Económica reservándose unha dotación orzamentaria de 10 millóns de euros, e que supera os 20 millóns no cómputo dos presupostos xerais da Comunidade. Nesta liña, a Xunta seguirá traballando en colaboración coas entidades locais para ampliar as axudas dirixidas a prol das persoas con máis dificultades, as cales se recollen na Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2010. Algunhas destas novas medidas que se porán en marcha en 2016 son: o tícket eléctrico, a compra de material escolar, o programa “Reconduce” para persoas que non poden pagar o aluguer e a promoción do aluguer social para familias con risco de desaloxo da vivenda por non pagar a hipoteca ou a renda do aluguer.

 

Atención á dependencia, aos maiores e a persoas con discapacidade

 

No ámbito da atención á dependencia e aos maiores, o compromiso é avanzar no cumprimento da Lei de Dependencia con 10.000 novos dependentes incluídos no sistema en 2016, o que significa que se chegará ás 50.000 persoas atendidas e a un ratio de cobertura do 75%. Ao respecto destes datos, Rey Varela declarou que “máis que vangloriarmos do aumento no número de dependentes con servizo temos que centrarnos nos que non o están, polo que aínda temos moito traballo por facer”. As partidas consignadas para dependencia nos orzamentos de 2016 chega aos 324,2 millóns de euros, o que supón unha subida de 26 millóns de euros.

 

Neste sentido, o conselleiro de Política Social recoñeceu o traballo feito por anteriores administracións en materia de dependencia, subliñando o notable crecemento en atención e servizos que experimentou Galicia nos últimos anos pese ao desfavorable contexto da crise económica. Así, pasouse dos 14.000 dependentes atendidos en 2009 a 40.000 na actualidade; dos 126 millóns de euros que a Xunta destinaba á dependencia hai seis anos aos máis de 324 millóns reservados para 2016; e hoxe en día a ratio de atención supera o 60% cando en 2009 era do 30%.  E outros indicadores que reflicten a mellora neste ámbito no período comprendido entre o ano 2009 e o actual é o incremento nun 98% dos centros de atención diúrna, a existencia dun 25% máis de residencias para persoas maiores, a suba dun 77% en centros de día para persoas con alzhéimer e outras demencias; a dispoñibilidade dun 15% máis de prazas de atención a persoas con discapacidade, o aumento do 50% en servizos de teleasistencia ou o maior financiamento do Servizo de Axuda no Fogar, que en 2016 atenderá  500 novas persoas.

 

En concreto no que atinxe a atención ás persoas con discapacidade, o titular de Política Social destacou a posta en marcha de cara ao vindeiro ano de novas iniciativas con financiamento europeo. Estes son: unha liña de axudas para a eliminación de barreiras arquitectónicas, a creación dun banco de axudas individuais destinado a adquisición de servizos da autonomía persoal, a modernización de centros públicos con novos equipamentos tecnolóxicos que sirvan de apoio para a atención dos usuarios e melloren as condicións de traballo dos profesionais –cun investimento de 2,9 millóns de euros-; e novos programas de formación e asesoramento para coidadores/as de persoas con discapacidade. Ademais, en 2016 reforzarase nun 20% o apoio económico ás federacións integrantes no CERMI acadando esta partida os 3,6 millóns de euros.

 

Crecemento en Xuventude

 

A área de Xuventude, Participación e Voluntariado tamén experimenta un crecemento considerable nas contas de 2016 e chega case aos 10 millóns de euros, un 15% máis en relación a este ano. Este orzamento terá cinco ámbitos fundamentais, que serán: as axudas ás entidades locais para os proxectos das Oficinas Municipais de Información Xuvenil -610.000 euros-, o programa Iniciativa Xove -575.000 euros-, o fomento do voluntariado -520.000 euros- a programas de mobilidade transnacional -2,1 millóns- e a Campaña de Veran -2,3 millóns-.

 

Ademais, continuarase desenvolvendo a Rede Galega de Dinamización Xuvenil, que pon o aceno na animación e participación deste colectivo; o programa Deseñando o teu futuro, que permite a mozos e mozas galegas de entre 15 e 18 anos entrar en contacto coa realidade das empresas mediante o desenvolvemento de estadías – visitas en distintos sectores; e a colaboración coa Fundación Galicia – Europa, para atraer máis proxectos europeos dirixidos á mocidade.

 

As persoas como prioridade

 

Rey Varela incidiu en que as contas da Xunta na área social para 2016 “teñen como prioridade as persoas, levando a recuperación das contas públicas aos fogares con máis axudas directas e con máis e mellores servizos”. “Temos a vontade de que os cidadáns e cidadás deste país recuperen os niveis de vida que tiñan antes da crise que comezou en 2008 e que supuxo, e aínda supón, moitas inquedanzas e restricións para as familias galegas”, reafirmou.

 

Nesta liña, apuntou que a subida do 12,6% no orzamento global da Consellería de Política Social para situarse nos 618,5 millóns de euros “constitúe unha oportunidade para apoiar máis ás entidades locais, ás organizacións e asociacións do terceiro sector, aos pais e a nais e ás persoas e familias en situación de dependencia e as que están en risco de exclusión social”.

 

 

About Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: