SALA SÓNAR DE SANTIAGO ACOLLE A FINAL DE MÚSICA DO XUVENTUDE CREA, UN CERTAME QUE ESTABLECE “AS VÍAS PARA QUE OS MOZOS POIDAN DESENVOLVER OS SEUS VALORES, CAPACIDADES E HABILIDADES

Cecilia Vázquez asistiu aos concertos dos seis grupos e solistas finalistas que interpretaron as dúas cancións presentadas ao certame

  • A actuación contou coa participación de Christian Abal & The White Serpas, Axlubi-X, Ofmates, Umbra, Fripp&Kite e Diariodeverano
  • Os premios das once disciplinas do Xuventude Crea son 3.000 euros ao primeiro, 1.500 euros ao segundo e 1.000 euros ao terceiro
  • Ata o vindeiro 28 de novembro poderá visitarse na Igrexa da USC a mostra dos 32 proxectos finalistas das especialidades de fotografía e artes plásticas
  • O vindeiro martes 17 de novembro terá lugar a final da especialidade de deseño de xoias na Fundación Eugenio Granell de Santiago

Santiago, 12 de novembro de 2015.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, asistiu esta noite á final da especialidade de música do certame Xuventude Crea organizado pola Consellería de Política Social. No concerto participaron os seis grupos e solistas finalistas que interpretaron as dúas cancións presentadas ao certame. Cecilia Vázquez definiu ao Xuventude Crea como a “maior manifestación das posibilidades creativas da xuventude galega” porque establece “as vías e o apoio necesario para que os mozos e as mozas poidan desenvolver os seus valores, capacidades e habilidades, dar acceso a plataformas nas que  manifesten a súa inquedanza artística e cultural, ao mesmo tempo que se fomenta a creatividade xuvenil e se mostra o talento da mocidade galega”.

 

Na actuación musical que se celebrou na Sala Sónar de Santiago de Compostela participaron Christian Abal & The White Serpas (Here it comes) de Vigo; Axlubi-X da Coruña; Ofmates (Cherry Bomb) de Pontevedra; Umbra de Pontevedra; Fripp&Kite da Coruña; e Diariodeverano (DDV) da Coruña.

 

Trátase de proxectos ideados e executados polos mozos e mozas galegos, unha expresión do seu talento e da súa creatividade. Os participantes son galegos ou residentes en Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e 30 anos, si ben o 25% de cada grupo pode superar os 30 anos.

 

Nesta especialidade, o certame está destinado a solistas e grupos de pop, folk, hip-hop e demais variedades de música contemporánea. Os premios das once disciplinas do Xuventude Crea (teatro, música, artes plásticas, fotografía, deseño de xoias, banda deseñada, relato breve, poesía, moda, videocreación e graffiti) son 3.000 euros ao primeiro premio, 1.500 euros ao segundo e 1.000 euros ao terceiro. Tamén poden darse mencións de honra, sen dotación económica. Na edición de 2015 de Xuventude Crea presentáronse un total de 228 proxectos individuais e en grupo. Participaron máis de 300 mozos e mozas galegos ou en residentes en Galicia, non profesionais e con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos.

 

Esta iniciativa inscríbese no Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2014-2016, que ten como un dos seus eixos principais o fomento da creatividade e o espírito empresarial e propón 22 medidas concretas para seguir avanzando neste eido.

 

Outras especialidades

Ata o vindeiro 28 de novembro poderá visitarse na Igrexa da USC a mostra dos 32 proxectos finalistas das especialidades de fotografía (16) e de artes plásticas que comprende pintura (9) e escultura (7).

 

Na especialidade de artes plásticas, que inclúe pintura e escultura, os mozos e mozas premiados foron: o primeiro premio compartido entre Beatriz Sieiro Caramés (Pontevedra) coa obra ‘Sen ti’ e Ruth Miguel Díaz (Lugo) con ‘Habitar, erosión e ruína’; o segundo premio, tamén compartido, recaeu en Adrián Taracido Fernández (Cedeira) con ‘Diafanía’ e en Javier Sande Iglesias (Noia) por ‘Remigio’; e o terceiro compartido foi para Adrián Penido Nuñez (Silleda) coa obra ‘Conciencia plástica’ e para Carlos Copa Josenge (Lugo) co proxecto ‘Puzzle de fluidofaunorostros’. O xurado outorgou unha mención de honra á obra ‘Trazos físicos da Terra’ de Silvia Capelo Álvarez (A Baña).

 

En fotografía o primeiro premio foi compartido entre Breogán Alamacos Millán (Lugo) coa obra ‘Galiza is different’ e Alejandro Lorenzana Velasco (A Coruña) con ‘Outro punto de vista’; o segundo premio compartido recaeu en Estefanía Andre Feijoó (Vigo) polo proxecto ‘Pegadas’ e Carla Pérez Vázquez (Boqueixón) por ‘Espellos. Espazo de reflexión’; e o terceiro premio, tamén compartido, recaeu en Lara Torres Rodríguez (Santiago) por ‘Poemas obxecto’ e en Tania Cuíña Gómez (Silleda) con ‘Recordo’. Unha mención de honra foi para María Rosario López Sánchez (Boiro) pola obra ‘Do ermo’.

 

Ademais, o vindeiro martes 17 de novembro terá lugar a final da especialidade de deseño de xoias na Fundación Eugenio Granell de Santiago que se sumará ás xa decididas nas disciplinas de poesía, graffiti, videocreación, teatro, moda, relato breve e banda deseñada  e as de fotografía, artes plásticas e música que están en marcha. O acto final de entrega de premios das 11 especialidades terá lugar o próximo 3 de decembro.

 

No que atinxe á modalidade teatral, Vacaloura teátrica (O Rosal) coa obra ‘Mousike e as kronomusas’ recibiu o primeiro premio; o segundo foi para Pinchacarneiro teatro (Noia)  pola representación ‘Vilar de inferno’; e o terceiro premio foi compartido entre Non si? Teatro (Baiona) co proxecto ‘Variacións dun soño sen título’ e Fusco e Lusco do IES Universidade Laboral de Ourense coa obra ‘Vodas de sangue’.

 

Na especialidade de moda, o primeiro premio foi para a colección ‘Jane Rocks’ de Irene Muiños Pereira (Mos); o segundo para Yolanda Román Vázquez (Vigo) pola obra ‘Militante vanguardista’ e o terceiro premio para Iria Carrera Chapela (Vigo) por ‘#Tags for life’. Estas obras poden visitarse durante este mes nas tendas de El Corte Inglés en Vigo.

 

En videocreación, Inés Miras Vieites (Santiago) recibiu o primeiro premio polo proxecto ‘Volta atrás’; Denisse Lorenzo Hermida (Vilalba) o segundo por ‘Alén das pantallas’; e Estela Suárez Recouso  con ‘Extrusión social’ recibiu o terceiro premio, xunto con M.ª del Pilar Boullosa Álvarez, coa obra ‘Luscofusco’.

 

En poesía, o primeiro premio foi compartido entre Brais Lamela Gómez, (Vilalba), coa obra ‘Memorias dun cuarto afincado en Nevermore’ e Mónica Sánchez Rodríguez (Monforte de Lemos) polo poemario ‘O sosego do lodo’. O segundo premio, tamén  compartido, recaeu en Andrea Aris Couso (Vigo) pola obra ‘3/cuartos de fame’ e en Sonia Martínez López (Sarria) por ‘Interacións fundamentais’. E o terceiro compartido foi para Fabián Freijedo Fariñas (O Carballiño) con ‘00023-KZ Arquivo Chus Psiquiatría’ e para Celia Parra Díaz (Ourense) pola obra ‘Profundidade de tacto’.

 

En graffiti, o primeiro premio recaeu en Ramón Conde-Corbal Varela (Mon Devane) de Ourense, co proxecto ‘Festa neón’; o segundo premio en Tirso Paz Sans (Bublegum) de Lugo coa obra ‘Mirada melosa’ e o terceiro premio foi compartido entre: Marcos Lamas Bestilleiro (Silcoe) da Coruña por ‘O rostro do querer’ e Abraham Caride Fernández (O neto do Santos) de Ourense con ‘Enxebre’.

 

Na especialidade de relato breve, o primeiro premio recaeu en Brais Lamela Gómez (Vilalba) pola obra ‘Barcos de Palma de Ecuador’; o segundo foi compartido entre Andrés Carrasco Solla (Pontevedra) por ‘Os dominios do caos’ e Xacobe Pato Rodriguez Gigirey (Santiago) co proxecto ‘As voces estridentes’; e o terceiro premio, tamén compartido, foi para Hérber Fernández Pérez (Chantada) coa obra ‘Boi e muiñeira’ e Rubén Pérez Pombo (Lugo) con ‘O Tintiño’.

 

En banda deseñada, o primeiro premio foi para  Xulia Pisón Egea (A Coruña) pola obra ‘Ata o derradeiro alento’; o segundo para Inés Vázquez Ramallal (Carral) por ‘Eulalia e o bosque dos aparecidos’ e o terceiro para Daniel Corrada Rodríguez polo proxecto ‘Tódalas bruxas son malas’.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: