A XUNTA DE GALICIA EXPÓN NA UNIÓN EUROPEA AS NOVAS MEDIDAS DE IMPULSO SOCIAL PARA O VINDEIRO ANO 2016

O conselleiro de Política Social, Jose Manuel Rey Varela, participou hoxe en Bruxelas no Consello de Educación, Xuventude e Deporte da Representación Permanente de España (REPER)Bruxelas 1

  • Rey Varela defendeu que a cuestión demográfica forme parte da nova programación de fondos europeos porque “non só é un tema prioritario e que afecte exclusivamente a Galicia como nos últimos 40 anos, senón que é común a toda a Unión Europea”
  • Ademais da revitalización da poboación, a axenda de temas abordados hoxe en Bruxelas incluíu novos programas dirixidos ás persoas maiores e á mocidade para a eliminación de barreiras arquitectónicas e o mantemento e difusión de contornos naturais galegos de especial valor medioambiental

 

Bruxelas, 23 de novembro de 2015.- A Xunta de Galicia defende na Unión Europea (UE) a nova axenda social e de revitalización da poboación que a Consellería de Política Social desenvolverá ao longo do vindeiro ano 2016. O conselleiro José Manuel Rey Varela expuxo hoxe no Consello de Educación, Xuventude e Deporte da Representación Permanente de España (REPER) e ante o director xeral de Emprego, asuntos sociais e inclusión, Zoltan Kazatsay, os novos proxectos do Goberno galego en materia demográfica, maiores e xuventude, e onde fixo fincapé na necesidade de que a cuestión demográfica forme parte da nova programación de fondos europeos. Ademais da comparecencia ante o REPER e da xuntanza de traballo con Kazatsay; a axenda do conselleiro inclúe unha reunión con  Anne-Shopie Parent, secretaria xeral de AGE-Platform Europe, rede europea formada por máis de 150 organizacións que busca promover os intereses das persoas maiores que viven en Europa.

 

O titular autonómico de Política Social manifestou que o impulso demográfico “non só é un tema prioritario e que afecte exclusivamente a Galicia como nos últimos 40 anos, senón que é común a toda a Unión Europea”. Ao respecto, sinalou que mentres que na nosa Comunidade a taxa de fertilidade sitúase en 1,07 fillos por muller, en España esta é de 1,32 e en Europa de 1,56, segundo cifras da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE). Ante esta situación, indicou que “Galicia pretende liderar ás rexións que consideran que esta cuestión debe entrar dunha maneira directa na axenda comunitaria, con máis fondos europeos destinados a garantir unhas mellores condicións demográficas e de fomento da natalidade”.

 

Neste sentido, e no que atinxe a medidas en materia de demografía que forman parte da nova axenda social, Rey Varela lembrou as axudas directas de 100 euros mensuais aos pais e nais por nacemento de fillo ou filla que a Xunta concederá a partir do 1 de xaneiro de 2016; así como outras iniciativas para favorecer a conciliación tanto no contorno urbano como nas parroquias do rural e que pasan polo aumento en máis de 1.400 as prazas públicas en escolas infantís sustentadas con fondos públicos ou polo bono coidado no rural e as casas niño. “O Goberno galego será sensible ás necesidades dos pais e nais que decidan dar o paso e ter un fillo ou filla, acompañándoos con novas axudas e servizos que contribúan tanto a cubrir os gastos básicos que trae consigo o primeiro ano de vida dun bebe como a facer máis doada a conciliación da vida familiar e laboral”.

 

Maiores e xuventude

 

Ademais da cuestión do impulso demográfico, o responsable de Política Social levou á Unión Europea os programas e proxectos da Xunta de Galicia dirixidos ás persoas maiores e á mocidade. Así, a Xunta retomará en 2016 a liña de axudas enfocadas á promoción da autonomía persoal mediante a adaptación das vivendas de persoas maiores con mobilidade reducida ou con diferentes graos de discapacidade. “A finalidade é que esas persoas poidan seguir vivindo no seu contorno, evitando o seu illamento”.

 

Por outra parte, Galicia ostenta en materia de xuventude o liderado das Comunidades Autónomas en representación de España na Unión Europea. Neste ámbito, a Consellería levou a Bruxelas unha iniciativa de dinamización do medio rural entre a mocidade e un programa de voluntariado ambiental centrado na integración ambiental en zonas do territorio galego que teñan un gran valor natural e medioambiental, co obxectivo de fomentar a súa conservación e mantemento, así como o seu coñecemento a nivel europeo. A integración do colectivo inmigrante foi outra das cuestións abordadas polo conselleiro de Política Social durante a súa estadía en Bruxelas.

 

 

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: