LÓPEZ-CHAVES INFORMA DE QUE A COMISIÓN PROVINCIAL DE VIVENDA PROPUXO ADXUDICAR 3 VIVENDAS A FAMILIAS EN RISCO DE EXCLUSIÓN

  • 25112015_RdPDelegadoVigoO delegado territorial da Xunta en Vigo explicou esta mañá en rolda de prensa que as vivendas se atopan todas na cidade de Vigo e que as 3 familias xa as coñeceron e asinaron a súa conformidade
  • Trátase de vivendas cedidas pola SAREB e Abanca no marco dos convenios firmados coa Xunta de Galicia para loitar contra os desafiuzamentos
  • López-Chaves solicitou ao Concello de Vigo que colabore coa labor do Consorcio Casco Vello no que atinxe a cuestións municipais coma son o ruído, a limpeza e a seguridade dun entorno que agora é “impecable”
  • Lembrou que a día de hoxe non obtivo resposta á petición de reunión institucional que o 21 de outubro pasado remitiu por rexistro ao alcalde de Vigo, Abel Caballero.

 

Vigo, 25 de novembro de 2015.- O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, compareceu esta mañá en rolda de prensa para informar de dous asuntos. Un, relativo á proposta de adxudicación de 3 vivendas a outras tantas familias viguesas en risco de exclusión social e, outro, sobre a situación dos veciños e veciñas do Casco Vello de Vigo.

 

No que respecta ao primeiro asunto, López-Chaves explicou que a Comisión Provincial de Vivenda, celebrada esta mesma mañá, propuxo a adxudicación de 3 vivendas cedidas pola SAREB e Abanca á Xunta de Galicia para destinalas a outras tantas familias da cidade de Vigo que se atopan nunha situación de emerxencia e risco de exclusión social.

 

Coma informou o delegado, son vivendas cedidas polas entidades financeiras no marco dos convenios rubricados co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) co obxectivo último de loitar contra os desafiuzamentos e evitar que as familias poidan quedar sen vivenda por motivos económicos sobrevidos. Estas medidas forman parte do Plan social de loita contra a desigualdade económica, onde unha das prioridades é garantir o dereito á vivenda. “Esta é a política social da Xunta de Galicia: atender os problemas de desafiuzamento de persoas en situación grave ou en risco de exclusión”, considerou López-Chaves. A Xunta loita así contra os desafiuzamentos actuando tamén na prevención e evitando unha parte importante deles antes de que se produzan posto que o obxectivo é “resolver de forma rápida e áxil fronte ás políticas doutros que anuncian moitas medidas pero non resolven os problemas”, sinalou.

 

López-Chaves explicou que as vivendas se atopan nas rúas Jenaro de la Fuente, Camelias e rúa Salamanca e que xa foron visitadas polas familias ás que se propuxo á adxudicación polo que, coma esperou, “supoñemos que todos eles as aceptarán”. O alugueiro mensual a pagar polos adxudicatarios estará entre cero e 125 euros, en función da súa situación económica e grazas á subvención do IGVS.

 

Medidas para o Casco Vello

Por outra banda, o delegado e presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), tratou tamén a situación actual do barrio histórico da cidade. Lembrou que dende hai dez anos o Consorcio “está facer unha forte inversión e compromiso” co obxectivo de recuperalo para chegar a “un nivel de excelencia” nun entorno que “ata hai uns anos estaba moi degradado”. Por isto, considerou que o Concello de Vigo e o seu alcalde, Abel Caballero, debe ter “unha maior atención” e facer “un esforzo maior” para conseguir dita excelencia nun entorno que agora é “impecable”. Neste senso, explicou que nas últimas datas existen reclamacións e denuncias por parte dos veciños e veciñas, sobre todo, en cuestións de ámbito municipal coma son o ruído, a limpeza e a seguridade que, segundo considerou, “teñen que ser algo prioritario para o goberno local”.

 

Así o considerou posto que dende o organismo se está a investir “dunha forma moi importante” para que a zona histórica “recupere a vida e sexa un entorno onde se poida residir” insistindo ademais en que está a cumprir co seu obxectivo de recuperación, edificación e construción de vivendas “impecable”. E nesta liña de traballo é onde solicitou á colaboración do goberno municipal e un “compromiso e axilidade na xestión”. “Se é impecable esta recuperación que estamos a ter dende o Consorcio, fai falla que sexa impecable tamén o tratamento que dende os organismos municipais se dea ao entorno público”, explicou o delegado, facendo mención aos temas de seguridade e convivencia que, segundo considerou, son “perfectamente compatibles” coa actividade e oferta de restauración que existe na actualidade.

 

Con todo, López-Chaves concluíu sinalando que “é necesario” chegar á excelencia no entorno do Casco Vello e que, para isto, fan falla dous factores: o compromiso do CCVV, “que o estamos a facer e se pode comprobar polo rehabilitación do número de edificios e a calidade arquitectónica nos premios que recibimos” e, en segundo lugar, o compromiso por parte do goberno municipal e a celeridade na adopción de medidas que atendan as queixas de veciños. “Teñen que ter un efecto inmediato de actuación por parte do goberno local para que o entorno do Casco Vello chegue ao nivel de calidade e excelencia que dende o Consorcio estamos a perseguir”, finalizou. Por último, “en aras da persecución desa excelencia”, o delegado lembrou que o CCVV asume algunhas funcións, coma é o Programa de Limpeza de Fachadas, “que deberían corresponderlle ao goberno municipal”.

 

Reunión co alcalde da cidade

Por último, e en resposta a preguntas dos medios, López-Chaves lembrou que a día de hoxe non obtivo resposta á petición de reunión institucional que o pasado 21 de outubro remitiu por rexistro ao alcalde de Vigo, Abel Caballero. “Foi a primeira reunión institucional que pedín dende que me nomearon Delegado e, a día de hoxe, non recibín contestación”, dixo. E continuou: “como vigués me sorprende que unha persoa non conteste nin diga nada cando o representante dunha administración solicita unha reunión institucional”, valorou buscando resposta á situación no feito de que o alcalde “debe estar moi ocupado, con problemas de axenda ou non ten quen lle escriba as cartas”

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: