A XUNTA DESTINA CINCO NOVAS VIVENDAS A ATENDER CASOS DE EMERXENCIA SOCIAL
- Dous dos inmobles son pisos en Salvaterra do Miño que foron cedidos pola Sareb en virtude do acordo asinado co Goberno galego
- Son xa trece as vivendas do “banco malo” que foron destinadas a familias en risco de quedar sen fogar
- Ademais, adxudicáronse tres vivendas adquiridas e rehabilitadas polo IGVS, dúas en Vila de Cruces e outra no casco vello de Ourense
- Antes de iniciar este proceso, os inmobles foron visitados polos interesados, para que dean a súa conformidade
Santiago, 2 de decembro de 2015.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, vén de asinar a adxudicación directa de cinco novas vivendas a afectados por execucións hipotecarias, impagos do alugueiro e outros casos considerados de emerxencia social, continuando coas actuacións da Xunta de Galicia dirixidas á protección das familias máis desfavorecidas.
Dous dos inmobles son pisos cedidos pola Sareb en virtude do acordo asinado co Goberno galego, e están situados na localidade pontevedresa de Salvaterra do Miño. As outras tres vivendas foron adquiridas e rehabilitadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e dúas delas están no poboado de Fontao, en Vila de Cruces e outra no casco vello da cidade de Ourense.
Coas dúas vivendas de Salvaterra de Miño son xa trece as vivendas cedidas pola Sareb que foron adxudicadas a afectados por execucións hipotecarias ou impago do alugueiro.
As vivendas foron entregadas en réxime de aluger ou de ocupación temporal, en función dos ingresos dos adxudicatarios. O réxime de ocupación temporal está destinado aos casos de familias de menores ingresos, que non terán que pagar aluguer pola vivenda adxudicada, asumindo o custe da mesma polo Instituto Galego de Vivenda e Solo, tanto si se trata de vivendas cedidas por Sareb como si son propiedade do mesmo IGVS.
Antes de iniciar o proceso de adxudicación os inmobles foron visitados polos interesados, para que desen a súa conformidade. Posteriormente, realízanse os arranxos necesarios, no caso de que a vivenda os precise, para que á entrega de chaves se atope nas condicións de habitabilidade óptimas.