Archive | diciembre 5, 2015

A XUNTA REÚNESE COS GRUPOS POLÍTICOS E COLECTIVOS SOCIAIS E ECONÓMICOS DE VIGO PARA ANALIZAR A SITUACIÓN DO PLAN XERAL

  • 04122015_ReunionPXOMA secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves explicaron os efectos da sentenza do Tribunal Supremo a 15 entidades e axentes implicados
  • A Xunta puxo de manifesto a súa colaboración técnica para os pasos que dea agora o goberno local, que é o competente para poñer en marcha as tramitacións necesarias, ben sexan a través da elaboración dun novo PXOM ou ben con modificacións ou instrumentos urbanísticos para actuar de forma máis inmediata
  • Este encontro dá continuidade aos xa mantidos entre a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, co alcalde da cidade, Abel Caballero, e a portavoz do PP, Elena Muñoz
  • López-Chaves amosou a súa sorpresa e preocupación porque non asistise ningún representante do PSOE

 

Vigo, 4 de decembro de 2015.- A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, xunto ao delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, continuou hoxe coa rolda de contactos que a Administración autonómica está a realizar para abordar e explicar a situación urbanística da cidade olívica tras a sentenza do Tribunal Supremo que declara a nulidade do Plan Xeral de Ordenación Municipal de 2008.

 

Esta xuntanza de traballo dá continuidade ás xa mantidas entre a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, co alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a portavoz do PP na cidade, Elena Muñoz, e onde quedou de manifesto que a Xunta ofrece a súa colaboración técnica para os pasos que dea agora o goberno local, que é o competente para poñer en marcha as tramitacións correspondentes.

 

Coma especificou o delegado en declaracións aos medios ao remate do encontro, estes pasos que ten que dar o goberno local ben poderían vir a través da elaboración dun novo PXOM ou ben a través doutras modificacións ou instrumentos urbanísticos “para actuar de forma máis inmediata”. López-Chaves explicou que a preocupación do Goberno galego é “grande” e, por este motivo, se convocou a todos os axentes e administracións afectadas ou con interese na situación derivada da sentenza do Supremo ao encontro celebrado hoxe.

 

O obxectivo foi o de “analizar esas consecuencias e a situación na que nos atopamos. Estamos traballando dende o minuto cero”, dixo López-Chaves, quen informou que asistiron ao redor de 15 entidades da cidade “que teñen moito interese nas consecuencias que ten esta sentenza”. Entre eles se atopaban os grupos políticos do Concello de Vigo -Marea e PP- e os principais colectivos sociais e económicos da cidade coma son Zona Franca, Porto de Vigo, PSA, APROIN, CEP, Cámara de Comercio, Colexio de Arquitectos, APEC, Colexio Oficial de Aparelladores, Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo (Coitivigo), Xuíz Decano, Colexio de Avogados, Federación de Veciños Eduardo Chao.

 

Neste senso, sorprendeulle que non asistise ningún representante do PSOE, aspecto que  “preocupa” xa que ante unha “situación de emerxencia” e sendo a competencia en Urbanismo do Concello de Vigo, “nesta reunión non houbo ningún representante do PSOE. Parece que non lles importa”, considerou. Aínda así, o delegado mantivo o “compromiso firme” e o traballo da Xunta “para prestar esa colaboración en todas as xestións que teña que facer o Concello” co único fin de superar “as gravísimas consecuencias derivadas da nulidade do PXOM”.

 

Modificacións puntuais, o mecanismo máis áxil

Pola súa banda, a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, manifestou a total disposición da Xunta de Galicia para resolver a situación producida na cidade olívica pola declaración de nulidade do PXOM “á maior brevidade posible”.

 

Informou que na primeira reunión mantida co Concello de Vigo se acordou a necesidade de “iniciar sen dilación” a redacción dun novo PXOM “que dote á cidade da esixible e desexable seguridade xurídica”, deixando claro que ese Plan Xeral “é competencia do concello”.

 

Aínda así, manifestou que contará con toda a colaboración técnica e institucional da Xunta de Galicia para a súa redacción e tramitación. Ademais, amosouse convencida de que o goberno local xa ten iniciado o estudo do plan de afección da sentenza sobre o planeamento para coñecer “qué partes do documento do 2008 poderán utilizarse de base para este novo planeamento”, dixo. Aspecto que preocupa xa que, coma lembrou o delegado, foi exposto no transcurso da reunión por varios dos asistentes. “Debemos saber a qué afecta e a qué non”, matizou.

 

En todo caso, e a preguntas dos medios, a secretaria xeral de Urbanismo explicou que, de xeito paralelo e ante proxectos de maior incidencia e repercusión, se poden empregar outros mecanismos de ordenación urbanística coma é o caso das modificacións puntuais para poder actuar de forma máis inmediata e axilizar os prazos. Así, informou que este mecanismo pode tramitarse nun prazo de 6-8 meses sendo incluso a súa tramitación moito máis áxil que a dos plans sectoriais supramunicipais.

 

Con todo, Encarnación Rivas confiou en que, grazas a colaboración entre as dúas administracións, Vigo poida contar “nun prazo o máis breve posible” cun novo Plan Xeral “que ordene con plena seguridade xurídica a cidade”.