GALICIA REDUCIU O SEU ENDEBEDAMENTO NO TERCEIRO TRIMESTRE E MANTENSE COMO A 6ª COMUNIDADE CON MENOR RATIO DE DÉBEDA
- Os datos do Banco de España ratifican de novo que Galicia é a comunidade de referencia no control da débeda pública
- A ratio de débeda de Galicia é do 18,6% e está cinco puntos por debaixo da media autonómica
- Galicia é a segunda comunidade con menor incremento da débeda no último ano
Santiago, 11 de decembro de 2015.- Galicia reduciu o seu endebedamento no terceiro trimestre do ano, ao diminuír a ratio de débeda/PIB da Comunidade Autonómica respecto ao trimestre anterior. Os datos publicados hoxe polo Banco de España ratifican ademais que Galicia é a sexta comunidade con menor endebedamento de todo o Estado.
En concreto, o endebedamento de Galicia situouse ao peche do terceiro trimestre no 18,6%, unha décima menos que o trimestre anterior, mentres que en termos absolutos aumentou un 0,77%. Deste xeito, Galicia mantén unha ratio de débeda moi por baixo da media autonómica, cun diferencial positivo de cinco puntos respecto ao conxunto das comunidades, que se sitúa no 23,6%, sen variación respecto ao trimestre anterior.
O Banco de España volve ratificar un trimestre máis que Galicia é a comunidade de referencia no control do endebedamento. O incremento da ratio de débeda en Galicia no último ano é de tres décimas, catro veces menos que a media autonómica, que medrou 1,2 puntos respecto ao terceiro trimestre de 2014.
As cifras publicadas polo Banco de España mostran o cambio de posición de Galicia nos últimos anos respecto ao resto de comunidades autónomas. Mentres que Galicia era en 2008 a cuarta comunidade con maior ratio de débeda, agora é a sexta autonomía con menos endebedamento.
A 2ª comunidade onde menos medrou no último ano
Os datos mostran ademais que Galicia é a segunda comunidade con menor incremento da débeda pública no último ano. En comparación co terceiro trimestre de 2014, só A Rioxa tivo un menor aumento do que se rexistrou na Comunidade galega.
Tendo en conta a ratio global de débeda -incluíndo a das empresas públicas non incluídas no sector Administracións Públicas – o diferencial positivo é aínda maior, xa que este indicador en Galicia é inferior en 5,4 puntos ao conxunto das comunidades autónomas.
Segundo os datos do Banco de España, a ratio de débeda/PIB das ditas empresas públicas en Galicia mantense no terceiro trimestre do ano no 0,1%, a quinta parte da media autonómica, que se sitúa no 0,5%. Desta forma, compróbase que Galicia segue apostando pola transparencia e non concentra endebedamento nas empresas públicas.
DÉBEDA POR CC.AA (3º trimestre)
Ratio de débeda/PIB
(%) |
|
Madrid | 13,6 |
País Vasco | 15,0 |
Canarias | 15,5 |
Asturias | 17,4 |
A Rioxa | 17,4 |
GALICIA | 18,6 |
Castela e León | 19,2 |
Navarra | 19,3 |
Estremadura | 19,8 |
Aragón | 19,9 |
Cantabria | 20,6 |
Andalucía | 21,0 |
MEDIA CCAA | 23,6 |
Murcia | 27,5 |
Baleares | 29,7 |
Cataluña | 33,6 |
Castela-A Mancha | 34,2 |
Valencia | 40,0 |