Archive | diciembre 29, 2015

Subida Salario Mínimo Interprofesional.

O Consello de Ministros aprobou no día de hoxe unha suba do 1% no Salario Mínimo Interprofesional (SMI), que pasará a ser de 655 euros ao mes en 14 pagas. Dende a central reiteramos a nosa proposta de todos os anos, formulada en base ás recomendacións da Carta Social Europea: o SMI no Estado español debera representar o 60% do salario medio, que neste caso superaría os 940 euros/mes. O SMI, como referencia mínima para a aplicación do salario interprofesional, ten cada ano máis importancia pola ampliación dos ámbitos que afecta. A reforma laboral aprobada polo Partido Popular no 2012 está a ter unhas consecuencias desastrosas, perfectamente premeditadas co alcance da reforma, e que causou a desaparición dunha cifra considerable de convenios colectivos no Estado español polos efectos da ultractividade. Estímase que máis de 700 mil asalariados/as quedaron sen convenio nestes tres últimos anos, segundo datos da Comisión Estatal de Convenios. Para este colectivo, o SMI é a referencia mínima actual. Igualmente afecta aos modelos de contratación en formación e prácticas. Do mesmo xeito, e por efecto da reforma laboral, os convenios de empresa poden hoxe ser inferiores en salarios aos convenios de sector, coa única limitación do SMI; polo que este indicador é especialmente relevante nos sectores do mundo do traballo máis precarios, nos que existe máis fraude na contratación e na xornada laboral. O último informe da Axencia Tributaria, do ano 2014, desvelou un cadro de pobreza que se instala de maneira estrutural entre os asalariados/as, reafirmando que ter traballo non asegura vivir fóra da exclusión social. En Galiza, máis de 180 mil asalariados/as ingresan menos de 200 euros de media ao mes e un terzo do total percibe menos do SMI. Idéntica proporción se repite no conxunto do Estado. Esta é a realidade do emprego creado polo PP. Por tanto, o SMI é un factor determinante na incidencia da pobreza. O PP foi especialmente agresivo con este indicador, impoñendo a súa conxelación nos anos 2012 e 2014 e aplicando subas residuais o resto dos anos, de tal maneira que a diferencia de incremento entre os anos 2011 e 2016 son 14 euros/mes. Dende a CIG reiteramos a nosa proposta de todos os anos, formulada en base ás recomendacións da Carta Social Europea: o SMI no Estado español debera representar o 60% do salario medio, que neste caso superaría os 940 euros/mes. Antolín Alcántara Álvarez. Secretario Confederal de Negociación Colectiva da CIG

O CAMPO DO PONTELLAS EN USO LOGO DE QUE A “NEGLIXENCIA E OPORTUNIDADE POLÍTICA” DO ANTERIOR ALCALDE O DEIXASEN NUN “ESTADO LAMENTABLE”

Carrera en Pontellas1O Porriño, martes 29 de decembro.- A pasada fin de semana disputáronse os primeiros encontros no campo de herba artificial do Pontellas logo dos arranxos que houbo que facer no céspede logo de que se detectaran hai seis meses importantes deficiencias no terreo de xogo. O concelleiro de Vías e Obras, Manuel Carrera, lembra que houbo que investir máis de 30.000 € logo de que “en contra do consello dos especialistas e dos informes dos técnicos municipais” o anterior goberno local decidise colocar a herba sobre un chan que non estaba asentado. “Entre 2011 e 2012 fíxose unha obra de mellora do campo e deixouse a base do mesmo lista para a colocación da herba pero non se fixo: pasou un ano o chan quedou irregular e os técnicos avisaron que antes de poñer o céspede sería necesario volver a compactar e alisar, pero os anteriores responsables municipais decidiron, por razón políticas, poñer a herba”, subliña Carrera. O resultado foi que o campo estaba impracticable pola aparición de ‘fochas’ en todo o terreo. “Cando o novo goberno empezou a súa xestión, tivo que mandar retirar a herba, numerar cada tira e almacenala, sacar a area, o ‘caucho’, volver a aplanar, compactar e deixar o chan en perfecto estado antes de poñer, de novo, o céspede”. Este proceso, “causado pola neglixencia e oportunidade política do anterior alcalde e o anterior concelleiro de deportes”, fixo que o campo estivese en obras de agosto a decembro, supuxo un gasto de máis de 30.000 € para os porriñeses e obrigou aos equipos do Pontellas a xogar os partidos no campo de herba natural, “que necesitará tamén un arranxo” e privou a ducias de deportistas a non poder dispor do seu campo.

 

 

 

 

 

O CONSELLEIRO DE POLÍTICA SOCIAL VISITA A RESIDENCIA DE TEMPO LIBRE DE PANXÓN NO MARCO DO PROGRAMA ‘XUNTOS POLO NADAL’

  • nigran 2Nesta edición foron ofertadas un total de 240 prazas para maiores de 60 anos nas residencias de tempo libre de Panxón (Pontevedra) e O Carballiño (Ourense)
  • Jose Manuel Rey Varela agradeceu o traballo dos 17 voluntarios que están a desenvolver tarefas de acompañamento aos maiores e de colaboración na organización das actividades lúdicas
  • Os participantes recibirán un certificado acreditativo onde conste a labor realizada e as tarefas desenvolvidas polas persoas voluntarias

 

Santiago, 29 de decembro de 2015.- O Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá a residencia de tempo libre de Panxón, na que se está a desenvolver o programa Xuntos polo Nadal. Trátase dunha iniciativa organizada pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade a través da cal un total de 240 persoas maiores de 60 anos que se atopaban soas, están a ser acompañados nestas datas de Nadal por 17 persoas voluntarias.

 

O programa ofertou un total de 240 prazas, das que 120 corresponden á residencia de tempo libre de Panxón (Pontevedra) e outras 120 á residencia de tempo libre do Carballiño (Ourense). Estas persoas estarán acompañadas por un total de 17 voluntarios, dos que 4 están a pasar as datas de Nadal en Panxón e 13 no Carballiño.

 

Na visita que realizou o Conselleiro a Panxón, Rey Varela tivo a oportunidade de falar cos voluntarios que, ademais de proporcionar apoio e acompañamento, colaboran na organización de actividades lúdicas. Estes trasladaron que a experiencia está a ser altamente gratificante, ao que o Conselleiro de Política Social respondeu valorando “moi positivamente” o traballo que están a realizar os voluntarios e agradeceu a súa implicación nesta iniciativa solidaria). Así mesmo, destacou o incremento de voluntarios na edición deste ano, 8 voluntarios máis con respecto ao 2014.

 

As persoas voluntarias que participan na iniciativa están cubertas pola póliza de seguro de accidentes e responsabilidade civil subscrita pola Dirección Xeral de Xuventude,Participación e Voluntariado. Ao finalizar a súa acción voluntaria, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado expediralles un certificado acreditativo onde conste a labor realizada e as tarefas desenvolvidas polas persoas voluntarias.

 

O programa Xuntos polo Nadal, que comezou o 23 de decembro e rematará o 2 de xaneiro, inclúe aloxamento e manutención en réxime de pensión completa, o desprazamento en autobús desde os lugares que se establezan nas cidades da Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo ata as residencias de tempo libre, así como a viaxe de volta. Ao abeiro do programa realizaranse numerosas actividades de animación sociocultural durante os 11 días nos que transcorra ‘Xuntos polo Nadal’.

 

Cómpre lembrar que as axudas ao fomento do voluntariado son unha das políticas fundamentais da Dirección Xeral de Xuventude, que este ano 2016 verá incrementados os seus orzamentos nun 15% ata chegar aos 9.443.168 euros. En particular, as axudas que impulsan o voluntariado dirixidas a entidades locais e outras asociacións veranse incrementadas nun 4,08% superando os 520.000 euros.

 

 

O Teatro Afundación de Vigo acollerá en febreiro o musical Las Minas Puerto Flamenco

descargaO Teatro Afundación de Vigo acollerá o  sábado 20 de febreiro,  ás 21.00 h, o musicalLas Minas Puerto Flamenco, que reúne nunha soa xira dez artistas flamencos, gañadores das últimas edicións do Festival del Cante de Las Minas de La Unión,  nas modalidades de cante, guitarra, baile e percusión. As entradas poden adquirirse a través das canles habituais de venda de Afundación, en Ataquilla.com e no teléfono 902 504 500

Luar na Lubre celebra en Afundación os seus trinta anos sobre os escenarios coa presentación de novo disco

O Teatro Afundación de Vigo acollerá o vindeiro venres  8 de xaneiro ás 20.30 h o concerto presentación de Extra Mundi, o novo álbum de Luar na Lubre, co que a formación celebra os seus trinta anos sobre os escenarios.  O traballo recolle, por primeira vez na carreira musical do grupo, cancións emblemáticas tradicionais de Cataluña, Asturias, Castela e León ou Euskadi, cantadas nos idiomas de orixe, ademais das súas propias composicións. As entradas poden adquirirse a través das canles habituais de venda de Afundación, en Ataquilla.com e no teléfono 902 504 500.

 

O INGRESO MEDIO DOS FOGARES GALEGOS AUMENTOU EN 2014 ATA OS 1.915 EUROS AO MES

  • O Instituto Galego de Estatística publica hoxe a Enquisa estrutural a fogares
  • A tipoloxía de fogar máis habitual é a formada por unha parella con fillos, e só no 23,2% das vivendas hai menores de 16 anos
  • Por primeira vez dende 2007 aumentan os fogares nos que o traballo é a principal fonte de ingresos, e baixan os sustentados principalmente por prestacións
  • O gasto medio na hipoteca da vivenda principal é de 402 euros, e para o aluguer é de 299 euros
  • Galicia reduciu tamén a taxa de risco de pobreza en 2014, ata o 16,4%

 

Santiago, 29 de decembro de 2015.- O ingreso medio dos fogares galegos situouse en 2014 nos 1.915 euros ao mes, un 0,3% máis que o ano anterior, segundo reflicte a Enquisa estrutural a fogares publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Non obstante, os fogares galegos incrementaron máis o seu poder adquisitivo pola evolución negativa do Índice de Prezos ao Consumo (IPC), que foi o pasado ano do -1%.

 

A enquisa do IGE ten carácter anual e ten por obxectivos analizar e describir as características principais dos fogares galegos; coñecer a contía dos ingresos das vivendas galegas e a súa tipoloxía, e coñecer tamén a contía dos gastos comúns dos fogares galegos e a súa relación con diversas variables socioeconómicas.

 

Segundo os datos do IGE, a tipoloxía de fogar máis habitual en Galicia é a formada por unha parella con fillos (32,97% do total), seguida da parella sen fillos (23,6%) e os fogares unipersoais (20,97%). O 22,1% dos fogares galegos están formados exclusivamente por persoas de 65 ou máis anos, e só no 23,2% das vivendas hai menores de 16 anos.

 

Ademais do incremento do ingreso medio, en 2014 tamén aumentaron os fogares nos que a principal fonte de ingresos é o traballo (do 52,7% ao 53%), sendo este o primeiro incremento dende 2007. Pola contra, reducíronse os fogares que están sustentados principalmente por prestacións, que baixan do 45,4% ao 44,9%.

 

Hipoteca e aluguer

A enquisa do organismo estatístico autonómico reflicte que o 20% dos fogares galegos teñen unha hipoteca da vivenda principal, cun gasto medio mensual que se sitúa nos 402,5 euros. Ademais, nun 11,6% dos fogares en Galicia o réxime de propiedade é en aluguer, cun gasto medio de 299 euros ao mes.

 

Sobre solvencia e cohesión social, os datos mostran que Galicia reduciu a taxa de risco de pobreza en 2014 ata o 16,4%, mentres que a cifra de fogares que chegan con algunha dificultade a fin de mes situouse no 57,9%. Este indicador acadou o seu máximo en 2007 (66%) e dende entón mantense cada ano entre o 59% e o 56%.