Archive | enero 8, 2016

Balance 2015 / AVANCE EXPOSICIÓNS 2016

Vindeiras inauguraciónsunnamed (5)

O MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, estrea o mes de xaneiro facendo balance deste ano 2015, no que a súa programación expositiva se viu ampliada coa apertura de novos espazos, un maior número de mostras de produción propia e o inicio de liñas de colaboración con outras institucións para a posta en marcha de futuras convocatorias e proxectos.

As retrospectivas de Luis Seoane e Francisco Mantecón, realizadas en colaboración coa Fundación Luis Seoane, formuláronse como revisión dunha parte da traxectoria de ambos os dous artistas, e foron concibidas nunha dobre vertente, expositiva e editorial, impulsando a investigación e o coñecemento de dúas figuras históricas de vangarda en Galicia.

A partir de xaneiro de 2015, o lugar ata agora dedicado a tenda-libraría no vestíbulo principal converteuse en sala de proxectos, retomando o espírito do Espazo Anexo na praza peonil posterior (2004-2011). Seguindo un dos signos distintivos do MARCO, esta nova liña de programación pon especial énfase na produción propia, tanto no que se refire ás obras en si —novas producións realizadas especificamente para este espazo— como ao comisariado —ciclos de exposicións con periodicidade anual. Durante o ano 2015, Ángel Calvo Ulloa comisariou o ciclo Intertextual para o Anexo, coas propostas de Carlos Maciá, Mauro Cerqueira, Juan López e Fernando García, ás que se sumará a de June Crespo en 2016, que pechará o ciclo.

Respecto ás liñas de colaboración con outras entidades e institucións, ata o 24 de xaneiro exhíbese na planta baixaColeccións e procesos na Colección DKV, patrocinada por DKV Seguros, que deu lugar á convocatoria de dúas bolsas de produción cuxo resultado se presentou por primeira vez nesta mostra, xunto coas obras de artistas pertencentes á Colección DKV.  Simultaneamente presentábase nas salas do 1º andar a colectiva Memorias imborrables. Unha mirada histórica á Colección Videobrasil, producida por Associação Cultural Videobrasil e Sesc São Paulo.

En canto a itinerancias e colaboracións, é de salientar o proxecto Port Authority do artista Gintaras Didžiapetris no MARCO, comisariado por Agar Ledo, que en 2015 tivo a súa continuidade no CAPC de Burdeos. Pola súa banda, A voz do tradutor, comisariada por Martin Waldmeier, estreouse no MARCO como a proposta gañadora do Premio MARCO/FRAC Lorraine/SFKM para novos comisarios, para presentarse posteriormente nos outros dous centros de Francia e Noruega. A nova convocatoria do Premio está xa en marcha na súa edición 2016, cuxo prazo de presentación remata o 31 de marzo deste ano. Xunto á edición deste premio, o MARCO abriu en 2015 unha nova convocatoria de apoio á produción para mulleres artistas, conxuntamente coa Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.

Todo isto, sumado ao programa educativo para escolares e familias, a oferta renovada de cursos de adultos, a programación paralela do salón de actos, e as actividades da Agrupación de Amigos ou da Biblioteca-Centro de documentación, entre outras, tivo o seu reflexo nas cifras de visitantes, que en 2015 sumaron un total de 83.576, o que supón un notable incremento respecto aos 68.733 de 2014.

 

AVANCE EXPOSICIÓNS 2016

Próximas inauguracións

Planta baixa

je, je… luna

MARÍA LUISA FERNÁNDEZ

Obras entre 1979-1997unnamed (4)

5 febreiro – 29 maio 2016

Comisaria: Beatriz Herráez

Un proxecto de Azkuna Zentroa

Esta exposición formula un percorrido polo traballo de María Luisa Fernández (Villarejo de Órbigo, León, 1955) no que se relacionan distintos grupos de esculturas, debuxos e instalacións que, ata a data, non se mostraran de xeito retrospectivo. As obras, producidas entre 1979 e 1997, forman parte de distintos ensaios e achegamentos á figura dun Artista ideal que está presente na produción da escultora ata a súa última mostra individual en 1997.

Je, je… luna inclúe pezas que pertencen ao período da súa participación en CVA (Comité de Vigilancia Artística) — colectivo concibido como “empresa artística” posto en marcha xunto a Juan Luis Moraza entre 1979 e 1985— e importantes series de traballos como Máculas (1984-1985), Leyendas (1985-1986), Melenas (1988), Esculturas rojas(1989), 14 veces grande de España (1989-1990), Burladeros (1990) ou Corridas (1996-1997). Preséntanse tamén Burlas expresionistas (1993) e Artistas ideales (1990-1997), dúas instalacións que reúnen as principais liñas de investigación desenvolvidas pola escultora ao longo da súa traxectoria.

 

As obras de María Luisa Fernández caracterízanse por incorporar linguaxes artísticas dispares: dende os post do conceptual e o minimalismo a elementos que proveñen dos cruzamentos entre os construtivismos e a tradición da escultura no País Vasco, lugar de formación da artista. Tamén é frecuente o uso de dobres sentidos e xogos de palabras, así como a incorporación da crítica aos relatos oficiais da historia da arte. A artista mantense atenta á influencia que na década dos oitenta exerceu a recuperación de nocións como autoría, esforzo ou genius loci, temas que son cuestionados de xeito permanente nos seus traballos. Neste contexto, Fernández afirma que, ademais de producir para “ter algo que ver”, é posible traballar para “ter algo que nos mire e co que mirar”, elaborando para iso unha serie de modelos alternativos deArtistas ideales que se contrapoñen na sala de exposicións aos retratos das Figuras de autoridad.

María Luisa Fernández. Artistas ideales, 1990. © Txomin Sáezunnamed (3)

 

En 1992 Maria Luisa Fernández fixa a súa residencia en Vigo para incorporarse como docente no Departamento de Escultura da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Esta é a primeira mostra que revisa a súa produción dende finais dos anos noventa, cando realizou a súa última exposición individual.

 

Anexo

JUNE CRESPO

Kanala

Ciclo INTERTEXTUALunnamed (2)

5 febreiro – 17 abril 2016

Comisario: Ángel Calvo Ulloa

Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo

Coa colaboración de: Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño

Kanala, a proposta de June Crespo para o Anexo do MARCO, é a última exposición do ciclo Intertextual, comisariado por Ángel Calvo e inaugurado hai un ano para este nova sala de proxectos no vestíbulo principal, no que ao longo de 2015 participaron os artistas Carlos Maciá, Mauro Cerqueira, Juan López, e Fernando García.

Intertextual parte dunha selección de artistas pertencentes a unha mesma xeración, voceiros da realidade artística nacional e internacional dos últimos anos, que atopan nesa conexión de influencias un campo de traballo ideal. A proposta nace da necesidade de configurar lugares para proxectos que ofrezan aos artistas a oportunidade de producir obras específicas, a partir da recreación e consolidación dun espazo que ofrece un lugar privilexiado, tanto polas súas dimensións e características coma polo tránsito continuo de visitantes, para a visibilidade dos proxectos.

 

Primeiro andar

GRACE SCHWINDT

Run a Home, Build a Town, Lead a Revolution. An Exhibition in Three Acts

19 febreiro – 15 maio 2016

Comisarias: Agar Ledo e Gillian Park

Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo

Coa colaboración de: Goethe-Institut

Co apoio de: Pavillion, Leeds / Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño / Pavestone Projects / Facultade de Belas Artes, Universidade de Vigounnamed (1)

Grace Schwindt. Mermaid Doing Gymnastics, 2015. Lapis, acrílico sobre papel. 29,7 x 42 cm. Foto: Peter Cox. Cortesía Zeno X Gallery, Amberes

Non resulta doado enmarcar o traballo de Grace Schwindt (Alemaña, 1979) nunha soa categoría, pero tampouco deberiamos pretender facelo porque a súa obra intenta, precisamente, cuestionar a sistematización ou estandarización que rexe a sociedade moderna. A través dos seus filmes, performances, debuxos, esculturas e textos, Schwindt analiza o papel que xogan os corpos, a linguaxe e os obxectos na construción da historia e a memoria. O seu traballo supón unha crítica aos sistemas establecidos cuestionando a suposta liberdade individual que propugna o capitalismo, así como o código moral que rexe as súas formas de actuar. Mediante a deconstrucción destes sistemas de poder —o aparato familiar, a comunidade, o Estado ou os sistemas de crenzas—, a artista rexeita unha aceptación irreflexiva da realidade e invítanos a pensar en como se xeran as estruturas sociopolíticas ás que pertencemos, a súa ideoloxía e circunstancias. Como conviven nun mesmo sistema estas diferentes formas de representación e como se relacionan entre si? Quen conta a historia, como e por que? Somos conscientes de como se deseñan as estruturas sociais nas que convivimos?

 

O uso de recursos procedentes do ámbito do teatro, a danza ou a música, e a utilización dunha metodoloxía de estudio próxima á microhistoria ou á do historiador benjaminiano —que desmonta os modos establecidos de contar o pasado—, son algunhas das dinámicas presentes no proceso creativo de Grace Schwindt, que a miúdo se orixina a partir de conversacións e entrevistas con activistas, políticos ou familiares, delegando nos outros a selección dos relatos: “I refuse the position of a witness or to take any position of authority in deciding who to give a voice, to discover some hidden histories and make them heard” [Rexeito asumir o papel de testemuña ou de autoridade á hora de decidir a quen dar voz, para descobrir historias ocultas e que sexan escoitadas], conta a artista. O seu proceso de traballo non se pode separar, pois, do posicionamento crítico que defendeu dende os seus primeiros traballos, fílmicos e performativos, nos que formulaba unha revisión da historia recente alemá a partir de anécdotas acontecidas durante a Segunda Guerra Mundial. Historias cotiás ou singulares que nos mostran como as narrativas persoais afectan ás narracións do colectivo, evidenciando como as relacións sociais se conforman a través de actos de exclusión e destrución.unnamed

Grace Schwindt. An Order of Things, 2014. Vídeo HD video, son, 180’. Cortesía da artista

Run a Home, Build a Town, Lead a Revolution. An Exhibition in Three Acts [Levar unha casa, construír unha cidade, liderar unha revolución. Unha exposición en tres actos] reúne un conxunto de pezas nas que se resumen algunhas das investigacións que a artista veu facendo sobre a maxia, a relixión ou o capitalismo como formas de organización social. De novo, saca á luz os fíos ocultos da dominación. Parte do impacto que a industria petroleira tivo na modificación do noso ámbito e formula unha reflexión sobre a fraxilidade do corpo e o perigo que oculta o traballo nas sociedades capitalistas, nas que a fortaleza física e a boa saúde son indispensables para a produción de beneficios. A artista reitera o seu interese en desmontar os sistemas establecidos, tanto os que forman parte da organización social, como os sistemas de crenzas ou os sistemas políticos. E con iso pretende mostrar que nada do que conforma estes sistemas é neutral, senón que responde a certos esquemas debuxados dende as estruturas de poder. Unha exposición, como sistema institucionalizado, tampouco é neutral. Formúlase como unha coreografía na que a relación entre os obxectos (entendendo o visitante como tal) —posuidores da experiencia, tamén das experiencias históricas de dominación— xera nas súas activacións múltiples subjetividades.

*A exposición complétase cun ciclo retrospectivo de filmes que se poderá ver na Biblioteca-Centro de documentación do MARCO.