REY VARELA DESTACA O COMPROMISO DA XUNTA COAS PERSOAS QUE SOFREN ENFERMIDADES RARAS E ANUNCIA NOVAS LIÑAS DE TRABALLO COA ASOCIACIÓN ANASBABI CILIOPATÍAS
-
Garante o traballo da Administración autonómica na investigación que “permita avanzar en novas solucións integrais e multidisciplinares para os afectados por unha ciliopatía”
- Asegura que a Consellería “introducirá as enfermidades raras na axenda de traballo no ámbito sociosanitario”
- A Consellería de Política Social colabora na celebración do Congreso Internacional de Enfermidades Raras e Discapacidade que terá lugar en setembro do vindeiro ano
Santiago, 11 de xaneiro de 2015.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo unha xuntanza de traballo no día de hoxe cos representantes da asociación Anasbabi Ciliopatías. No transcurso da reunión o titular da área social transmitiu aos responsables de Anasbabi o seu compromiso coas persoas que sofren enfermidades raras e garantiu o traballo da Administración autonómica na investigación que “permita avanzar en novas solucións integrais e multidisciplinares para os afectados por unha ciliopatía”. Do mesmo xeito, Rey Varela asegurou que a Consellería de Política Social “introducirá as enfermidades raras na axenda de traballo no ámbito sociosanitario”.
O Goberno autonómico mantén con Anasbabi Ciliopatías diversas liñas de actuación. Por unha banda, a Xunta estuda a coordinación dos equipos de dependencia e discapacidade coas Unidades de referencia que está a crear Anasbabi. Ademais, como indicou o conselleiro, desde Política Social estase a colaborar na celebración do Congreso Internacional de Enfermidades Raras e Discapacidade que terá lugar en setembro do vindeiro ano.
A entidade galega, vicepresidida polo científico e profesor Ángel Carracedo, ten o obxectivo de ser soporte, enlace e grupo de investigación para aquelas persoas cunha enfermidade rara centrada nas ciliopatías.
Máis recursos
Na reunión cos responsables de Anasbabi, o responsable da área social manifestou que “a promoción da autonomía persoal e atención ás persoas dependentes é un dos piares desta Consellería”. Así, dixo o conselleiro, a Comunidade Autónoma de Galicia é ”pioneira en ter unha carteira específica de servizos sociais dedicada a esta materia” polo que ten unha maior especialización e programas concretos para todos os colectivos diferentes como alzhéimer, parálise ou dano cerebral, trastorno do espectro autista, enfermidade mental ou intelectual.