XVIII CERTAME INTERNACIONAL DE IMPROVISACIÓN ORAL (DESAFÍO, IMPROVISACIÓN E ENXEÑO)

cartel regueifas_page1_image1Limiar: No ano 2015 fixo 20 anos que botamos a rodar nesta parroquia (xunto coa Asociación “O Facho” da Coruña, alá), o daquela I Campionato Nacional de Regueifas, no que logramos xuntar a catro dos máis importantes mestres do verso improvisado que quedaban por entón no País: Os Regueifeiros bergantiñáns, Costa de Xabiña, Calviño de Tallo (ambos finados). Antonio de Xornes e o Brindeiro do Val do Louzara, entre Samos e Pedrafita, Riveira de Louzarela, aínda en activo. Desa 1ª xuntanza histórica, no Auditorio do Concello de Vigo, o 14 de maio de 1995, que se repetiu tamén en Coruña e que tivo o colofón no Auditorio do Centro, coa entrega do trofeo ó gañador do concurso, “Calviño de Tallo”, naceu unha fonda amizade, que aínda perdura, cos fistores bergantiñáns, pero pola contra, coa nosa ignoracia, provocámoslle un enorme encomodo o inigualable “Riveira”, xa que mesturamos a auga co aceite. Semella tanto unha boa data para facer balanzo destes anos, nos que, por unha banda observamos con magoa, como as institucións deste País seguen sen preocuparse por por en valor esta forma de arte popular, que a vez que nos singulariza, tamén nos iguala con outros pobos peninsulares ou non, que si que ollan polas súas costumes e tradicións, aínda que pola outra, vemos que o noso traballo, cando menos na bisbarra de Vigo, está dando os seus froitos, xa que os novos Regueifeiros, que os hai e moi bos, proceden todos de eiquí, dado que desgraciadamente,  en Bergantiños seguen os mesmos que fai 20 anos. Por outra banda, o servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, coa súa Técnica Marta Souto o fronte, e co apoio dos Concelleiros que teñen tido responsabilidades nesa área, lévanos prestado un apoio incansable tanto na divulgación e difusión desta disciplina como na formación, xa que dentro do CIOV (Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo), acóllese a ensinanza, de balde, deste difícil arte oral, clases das que se ocupa o Regueifeiro, Josiño da Teixeira.

Despois deste necesario e breve  repaso a historia do Certame, polo que teñen pasados improvisadores tanto peninsulares como latinomaericanos e dos mais diversos estilos, e da influencia do mesmo, compre centrarnos no contido desta 18º edición, que celebramos en dous días.

No 1º, o sábado 17 de xaneiro teremos unha serie de actividades paralelas, que xa se foron asentando nos derradeiros anos, como son o rapeado ceibe, o teatro do improviso e o recitado poético.

Para rapear en estilo libre e ilustrarnos sobre os distintos xeitos que teñen estes moz@s de comunicarse coa palabra improvisada co apoio dun fondo musical, traemos a uns virgalleiros lingoreteiros do Val Miñor e arredores, chamados: Colectivo Infamous / Insous, conformado por Dj Ferone, M. Rodríguez Mico e outro sorpresa.

Como representantes do que se pode facer co teatro improvisado, temos a dous polifacéticos actores integrantes do grupo 8 mm, procedentes da bisbarra viguesa, que non lles pon medo nada, uns auténticos Kamikazes das táboas, que polas boas ou polas malas, sempre saen airosos dos retos que se propoñen ante o público, sen ter que recorrer ó escapismo, nin chegar a arriscar a súa faciana.

Para despedir esta xornada, traemos a unha das grandes figuras do slam patrio, organizadora de torneos e encontros de recitadores poéticos, dramaturga e directora de teatro, a Rianxeira Esther F. Carrodeguas, que nos vai  a amosar un espectáculo, no que pon a escenografía teatral ó servizo da poesía, para que a palabra nos chegue dun xeito máis visual e apreciemos toda a retranca e a reflexión que podemos atopar, dentro do supermercado que nos vai a montar ao escenario. Pasarémolo en grande, sen ter que pagar nin un peso

 

Día 17 (Domingo)

No 2º día, temos a Mostra de Regueifas propiamente dita, que terá como preámbulo, ás 18,00 horas, un obradoiro de iniciación, para todo aquel que queira achegarse as técnicas  da improvisación en verso, probarse e intercambiar rimas, tanto con outros neófitos  como con expertos en contendas verbais, o faga. A gala vai ser guiada polo mestre regueifeiro, Bieito Lobariñas e  a apertura vai ser a cargo do alumnado do curso 2015-16 do Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo, que é impartido por  Josiño da Teixeira para o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo.

De seguido debutarán, en formato de trío, unha nova fornada de prometedores improvisadores en verso, Quique Estévez, un filólogo que se formou no CIOV, Xurxo Antunez multiinstrumentalista do Val Miñor, profesor de música tradicional e integrante, entre outros grupos, dos Terribles de Donas e por último, Guillerme Costa, docente, músico e compositor do coñecido grupo galego “Quempallou”.

Como xa fai tempo que non vemos unha regueifa a antiga usanza, convocamos a dous espadachíns da lingua, para que afíen as súas armas verborreicas e as luzan no estrado, para degoiro dos nosos queridos e esixentes espectadores, agardamos que non cheguen ó patio de butacas  letras ensanguentadas polas feridas abertas, nin de Luís “O Caruncho”, nin de Josiño da Teixeira.

Do Norte de Portugal, recibimos a uns vinteaneiros lusitanos, que teño a sensación, de que van a repetir no Certame, xa que nas festas do País Veciño, son aclamadísimos, (son como a Panorama, para que nos entendamos), tanto  polo bos mozos que son, como pola súa enerxía, simpatía, habilidade lingüística e musical, será un pracer para todos, escoitar tanto as súas  desgarradas como as súas concertinas. (Podedes ver e oír as súas gravacións musicais no you toube).

Contra o resto da mostra, subirán  ó escenario os verseadores canarios, que están encabezados polo sobranceiro decimero das illas, doutor en Filoloxía Hispánica, profesor universitario e laudista,Yeray Rodríguez que ten actuado por todo latinoamérica, representando a cultura canaria, a vez que ten publicado tanto discos como libros. Xunto con el , virán o reputado repentista Eduardo Duque e o verseador e guitarrista Expedito Suárez, para que teñamos unha visión, o máis fiel posible, de como se interpretan as décimas e o punto cubano por aquelas terras insulares.

E para pórlle o ramo ó evento, todos enriba do palco e a mestizarse en vivo e en directo, cada un ó seu xeito, pero o servizo do público e o verso improvisado.

 

 

 

A disfrutar

 

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: