A XUNTA DE GALICIA SALIENTA O TRABALLO DE ENTIDADES COMO AMICOS PARA MELLORAR A CALIDADE DE VIDA DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL E DAS SÚAS FAMILIAS

  • Amicos-sala sensorial 5Máis de 20 mozos e mozas con autismo e parálise cerebral da comarca da Barbanza reciben estimulación multisensorial nesta sala cuxo innovador equipamento tecnolóxico financiou o grupo Jealsa Rianxeira S.A.
  • Rey Varela apostou pola coordinación e traballo conxunto coas outras administracións e as entidades para avanzar na igualdade de dereitos e oportunidades das persoas con discapacidade. Un obxectivo que “será máis doado de conseguir canta máis iniciativa privada e empresas estean dispostas a implicarse e participar activamente no mesmo”, dixo
  • A administración autonómica ten concertadas un total de 54 prazas en centros de AMICOS, nas que inviste un total de 600.000 euros ao ano

 

Boiro (A Coruña), 12 de febreiro de 2016.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asistiu hoxe no municipio coruñés de Boiro á inauguración da nova sala sensorial da que dispón o Centro de Atención Integral a Persoas con Discapacidade da Asociación de Familias de Persoas con Discapacidade Intelectual (AMICOS). Máis de 20 mozos e mozas da comarca da Barbanza con autismo e parálise cerebral benefícianse das terapias con estimulación multisensorial que se levan a cabo nesta unidade, cuxo innovador equipamento tecnolóxico foi financiado polo grupo empresarial Jealsa Rianxeira S.A. O seu presidente de honra, Jesús Alonso Fernández, tamén asistiu ao acto de posta de largo desta sala; así como o alcalde de Boiro, Juan José Dieste Ortigueira; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo Pouso; e responsables de AMICOS encabezados pola súa presidenta, Esther Vidal Rodríguez.

 

Na súa intervención, Rey Varela destacou o traballo que está a facer AMICOS e outras entidades sen ánimo de lucro en favor das persoas con discapacidade intelectual e en apoio dos seus familiares; ao tempo que recoñeceu “a implicación e compromiso social de Jealsa Rianxeira con esta terra e, especialmente, coas persoas que máis precisan de apoio”. Nesta liña, o conselleiro manifestou que a Xunta de Galicia “non é allea a este esforzo por mellorar as políticas sociais e garantir máis oportunidades para este colectivo, compartindo con AMICOS e con Jealsa Rianxeira o obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e as súas familias”. E, ao fío disto, engadiu que “a obriga de calquera goberno responsable é ser sensible coas necesidades que presentan os colectivos que máis precisan da nosa axuda”.

 

Deste xeito, Rey Varela explicou que o Goberno galego está a traballar no incremento de novos servizos de atención residencial e de atención diúrna para os diferentes colectivos da discapacidade, especialmente a discapacidade intelectual e o autismo. A administración autonómica  ten hoxe en día un total de 54 prazas concertadas con AMICOS -41 no centro de atención integral de Boiro e outras 13 no Centro Ocupacional de Ribeira- ás que destina anualmente 600.000 euros.

 

Coordinación e recursos

O titular da carteira autonómica de Política Social insistiu en que “coordinarse e traballar conxuntamente coas outras administracións e as entidades é o bo camiño para poder avanzar na igualdade de dereitos e oportunidades das persoas con discapacidade”. Un obxectivo que “será máis doado de conseguir canta máis iniciativa privada e empresas estean dispostas a implicarse e participar activamente no mesmo”, dixo.

 

Esta nova etapa en políticas sociais signifícase por un traballo máis intenso coas entidades en temas como o desenvolvemento do Plan de Acción da Estratexia Galega sobre Discapacidade 2015-2020, aprobada polo Consello da Xunta en novembro do ano pasado. Na actualidade está en proceso o desenvolvemento desta estratexia, que abrangue seis liñas estratéxicas: accesibilidade, autonomía persoal, educación, formación e emprego, saúde e servizos sociais.

 

AMICOS

O obxectivo da Asociación de Familias de Persoas con Discapacidade Intelectual (AMICOS) é mellorar a calidade de vida deste colectivo. Para acadalo procuran crear recursos para que as persoas con discapacidade intelectual reciban atención asistencial, formación e asesoramento. A entidade conta cun total de nove centros, nos concellos de Boiro e Ribeira, nos que ofrecen servizos de apoio e asistencia persoal, de apoio e atención psicolóxica e de asesoría xurídica; ademais do servizo de respiro familiar, rehabilitación, asistencia e apoio domiciliar e transporte adaptado.

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja un comentario