Archivo | febrero 14, 2016

O CORREDOR DO MORRAZO, EN SENTIDO CANGAS, CONTINUARÁ PECHADO ATA O REMATE DAS ACTUACIÓNS QUE SE ESTÁN A EXECUTAR PARA GARANTIR A SEGURIDADE

  • clip_image002As chuvias desta tarde produciron pequenos desprendementos do noiro, polo que técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas continúan traballando para restablecer a circulación neste treito o antes posible
  • Un total de tres camións e unha retroescavadora traballaron para despexar a calzada e instalar unhas barreiras no noiro
  • A Axencia Galega de Infraestruturas tamén se coordinou coa Consellería do Mar para a colocación dunhas barreiras na liña litoral co fin de evitar que posibles vertidos poidan chegar ao mar

Santiago, 13 de febreiro de 2016.- A Xunta manterá pechado ao tráfico o Corredor do Morrazo, en sentido Cangas, ata que se rematen as actuacións que se están a executar dende onte para garantir a seguridade nesta vía.

O restablecemento da circulación por este treito, entre os PK 0 e 3 do corredor, estaba prevista para finais do día de hoxe, pero as fortes chuvias desta tarde produciron pequenos desprendementos do noiro na zona. Neste sentido, os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas continúan traballando para resolver este problema o antes posible.

No día de hoxe están a traballar un total de tres camións e unha retroescavadora, que xa despexaron a calzada. Continúan coa instalación de barreiras no noiro para evitar a acumulación de auga e novos desprendementos.

A Axencia Galega de Infraestruturas tamén se coordinou coa Consellería do Mar para a colocación dunhas barreiras na liña litoral co fin de evitar que posibles vertidos poidan chegar ao mar.

Na primeira imaxe amósase a barreira instalada na zona do noiro desprendido e na segunda apréciase a calzada despexada tras os traballos realizados.

PECHADA A CIRCULACIÓN NA PONTE SOBRE A RÍA DE NOIA COA FIN DE GARANTIR A SEGURIDADE

  • Na xornada de mañá, cando remita o temporal de vento, a empresa concesionaria procederá ao inicio do desmonte dos paneis danados e á execución dos traballos necesarios para proporcionar unhas condicións óptimas nesta infraestrutura
  • O Corredor do Morrazo, en sentido Cangas, tamén reabrirá previsiblemente mañá mediante a habilitación dun dos carrís de subida, tras a execución das actuacións correspondentes
  • Aberta ao tráfico a estrada PO-409, entre Salvaterra e A Rañada, ao seu paso por Ponteareas, tras constatar a baixada do nivel de auga no río Tea

 

Santiago, 14 de febreiro de 2016.- A Xunta de Galicia vén de pechar a circulación, tanto do tráfico como peonil, na ponte sobre a ría de Noia por mor dos desprendementos de barreiras sonoras ocasionados polo temporal de chuvia e vento que se está a producir esta fin de semana.

 

A Axencia Galega de Infraestruturas, co fin de blindar a seguridade, restrinxe a circulación nesta vía ao longo do día de hoxe, prevéndose que mañá se poida restablecer a normalidade, sempre e cando as condicións climatolóxicas así como da infraestrutura sexan favorables.

 

Na xornada de mañá, cando remita o temporal de vento, os equipos técnicos da Xunta procederán ao inicio do desmonte dos paneis danados e á execución dos traballos necesarios para proporcionar as mellores condicións nesta infraestrutura.

 

Corredor do Morrazo

Por outra parte, o Goberno galego prevé para mañá a apertura do Corredor do Morrazo, en sentido Cangas, habilitando un dos carrís de subida.

 

Esta apertura realizarase de xeito controlado, coa sinalización correspondente e a vixilancia das forzas de seguridade e os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas para garantir a máxima estabilidade.

 

Cómpre lembrar que os equipos da Xunta traballaron dende o venres neste treito, entre os PK 0 e 3 do corredor, onde as fortes chuvias produciron desprendementos do noiro. Así, os operarios cun total de tres camións e unha retroescavadora despexaron a calzada e instalaron barreiras no noiro para evitar a acumulación de auga e novos desprendementos.

 

A Axencia Galega de Infraestruturas tamén se coordinou coa Consellería do Mar para a colocación dunhas barreiras na liña litoral co fin de minimizar os impactos de posibles vertidos ao mar.

 

Apertura da PO-409

A estrada PO-409, entre Salvaterra e A Rañada, ao seu paso por Ponteareas, xa está aberta ao tráfico tras constatar a baixada do nivel de auga no río Tea.

 

Esta infraestrutura viaria estivo cortada na xornada de onte debido aos asolagamentos producidos na contorna do río Tea.