Archive | marzo 4, 2016

A CIG convoca mobilizacións o 10 de marzo baixo o lema “Reformas Laborais e Lei Mordaza, anulación xa!”

Seixo cualifica o goberno do PP de “incompetente e considera “insultante” que intente agochar a realidade laboral e social existente en Galiza
Con motivo do Día da Clase Obreira Galega, a CIG convoca asembleas e mobilizacións nas 7 cidades e en varias vilas galegas baixo o lema “Reformas Laborais e Lei Mordaza, anulación xa!”. A central sindical denuncia que o obxectivo destas contrarreformas era, e así se evidenciou, precarizar as condicións laborais para favorecer o incremento de beneficios para as empresas e dotarse da lexislación necesaria para reprimir a contestación social a esas medidas antiobreiras e antisociais. Por iso, e atendendo aos resultados das eleccións do 20-D, neste 10 de Marzo, a CIG exixe a súa inmediata derrogación.
16-03-10 cartaz 10 de Marzo

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, explica que coa reforma laboral “o que se fixo foi facilitar o despedimento, provocar unha caída xeneralizada de salarios, incrementar a contratación temporal e a contratación a tempo parcial -que leva aparellada unha escandalosa nivel de fraude- para incrementar o máximo posíbel os beneficios das empresas”. Unha reforma que ademais “xerou un importante debilitamento do movemento obreiro e un reforzamento das posturas da patronal e do capital”.

Denuncia que isto viu acompañado dunha política represiva a través da lei mordaza, que realmente é un instrumento máis da administración, neste caso do PP, “para reprimir calquera tipo de movemento e contestación social ás políticas antiobreiras e antisociais do PP”.

Entende que agora, tras dunhas eleccións xerais nas que ningunha forza política sacou maioría absoluta, “ábrese unha porta que pode facilitar a derrogación” desta lexislación laboral e do recorte de dereitos e liberdades públicas que, a xuízo do secretario xeral, “están, en grande parte, na base do que foi o deterioro das condicións laborais e da política represiva do PP”.

Pobreza laboral

Seixo explica que, xunto con estas reivindicación, a CIG avaliará, nas asembleas e na campaña que arredor do 10 de Marzo se está a desenvolver en toda Galiza, a situación sociolaboral e económica que sofre o noso país e que define como “altamente preocupante”.

Neste sentido, salienta que o desemprego afecta a preto de 250.000 persoas; que o tramo de asalariados que medrou nos últimos anos foi o daqueles que teñen uns ingresos do 50% do SMI e que non chegan aos 2.000 € ao ano e que “non poden ter a consideración de traballadores/as en activo”. Moi á contra, entende que se lles debería dar a consideración de desempregados/as.

De ser así, afirma “estariamos falando de cifras aínda máis  de desemprego”, máis se se lle engade a iso a emigración tan relevante de mozos/as, que se evidencia na perda de poboación activa xustamente entre os de menos de 34 anos, tramos no que se perderon máis de 120.000 persoas.

A CIG manifesta ademais a súa enorme preocupación polo incremento das desigualdades sociais e o deterioro xeralizado da nosa economía. Unha situación que, no seu conxunto “dá nun incremento significativo, do punto de vista económico, do carácter periférico do noso país”.

Neste sentido, Seixo denuncia que o PP en Galiza “non ofrece saída ningunha”, que se limitan a ser “meros espectadores e a intentar enganar á opinión pública tratando de facernos ver que estamos en mellores condicións que antes do inicio da crise para afrontar unha situación de despegue económico do nosos país”.

Considera “insultante”, que traten de ocultar a realidade e cualifica tanto a Feijoo como ao goberno que preside de “incompetentes” á hora de ofrecer saídas a esta. Por iso, conclúe “neste 10 de marzo, unha vez máis, teremos que pór enriba da mesa a necesidade de conquistar cotas de soberanía real non xa por unha cuestión puramente democrática, para poder gobernarnos por nós mesmos”, senón tamén para que o Parlamento galego teña realmente plenas competencias para poder desenvolver o noso país en todos os ámbitos: laboral, económico, social, cultural e demais”.

Asembleas e concentracións

Ferrol

10:00 h. Asemblea Delegados/as

12:00 h. Ofrenda Floral

20:00 h. Manifestación con saída de Eduardo Pondal, a carón do local sindical

– A Coruña:

10:00 h. Asemblea de Delegadas/os no Salón de Actos Edificio Sindical 12:00 h. Concentración diante da Subdelegación

– Compostela:

18:00 Asemblea de Delegados/as na Faculdade de Políticas

20:00 h. Manifestación con saída da Praza Roxa

– Lugo

10:00h. Asemblea de Delegados/as no Salón de Actos da Casa Sindical

12:00h. Concentración diante da Subdelegación do Goberno de Lugo (Praza de Armanyá)

 – Viveiro:

10:00h. Asemblea de Delegados/as no local da CIG de Viveiro

12:00h. Concentración diante dos Xulgados de Viveiro.

– Ourense

Asemblea de Delegadas/os no Salón de Actos da Casa Sindical 11:30 h. Concentración diante da Subdelegación do Goberno.

– Pontevedra:

10:00 h Asemblea de Delegadas/os no Salón de Actos Edificio  Sindical

12:00 h Concentración diante da Delegación do Goberno

– Vigo: 20:00 h. Manifestación con saída desde a Doblada

A CIG-Vigo presenta un informe sobre a situación laboral e social da comarca que desmonta a propaganda da recuperación económica

A central tamén anunciou as mobilizacións que desenvolverá na cidade con motivo do Día da Clase Obreira Galega
A Unión Comarcal da CIG de Vigo presentou hoxe un informe sobre a situación laboral, produtiva e social da bisbarra que desmonta a propaganda oficial que fala da recuperación económica. Os responsábeis da central aproveitaron a comparecencia diante dos medios para anunciar tamén as mobilización que se desenvlverán na cidade para conmemorar o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega.
2016 03 04 RoldaPrensa10MarzoVigo01

Os secretarios comarcal e de organización da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves e Anxo Igrexas, ofreceron unha rolda de prensa esta mañá para presentar un informe elaborado pola central no que se recollen datos sobre a situación laboral e social da bisbarra que contradín os anuncios oficias da recuperación económica.

Un dos indicadores que determinan que a tendencia segue a ser negativa é o da poboación ocupada, que continúa a descender ano tras ano. En 2015 fíxoo en 2700 persoas, mais na actualidade atopámonos con que o número de ocupados/as na cidade é un 12,24% menor que en 2009.

A baixada da poboación activa tamén reflicte a ausencia de oportunidades laborais, que no caso de Vigo foi de 7800 persoas en 2015. Porén, a poboación inactiva só aumentou en 4300, o que vén a conformar que continúa a vaga de emigración forzosa en busca de futuro laboral. Tamén é especialmente alarmante a elevada porcentaxe que dentro do colectivo de desempregados/as representan os parados/as de longa duración (o 32,72% das persoas que figuraban como desempregadas en 2014 -último dato dispoñíbel- levaban no paro máis de dous anos). Isto significa, en palabras do secretario comarcal, “que o desemprego se cronifica”.

Gonçalves incidiu tamén no proceso de desertización industrial que se está a producir dende hai anos na bisbarra, con peche de empresas e redución da diversidade produtiva, e denunciou a ausencia de políticas económicas, laborais e sociais que permitan confrontar as causas estruturais que provocan esta grave situación.

Este panorama, que foi cualificado como “dramático” polos responsábeis sindicais, deixa a comarca nunha situación de emerxencia social e a milleiros de familias en risco de empobrecemento. En 2015 eran 18000 as familias, só na cidade de Vigo, con condicións socioeconómicas por debaixo do limiar da pobreza. Ao mesmo tempo, o número de persoas en risco de exclusión social elévase a 54.000, sendo máis de 8000 os fogares con todos os seus membros no paro.

Outro dato moi preocupante amosa que o número de fogares que teñen dificultades para chegar a fin de mes sitúase no 61,82% (datos de 2011), mentres que o 56,09% dos fogares de Vigo teñen ingresos totais de menos de 2000 euros ao mes. Arredor do 20% ingresa menos de 1000 euros. Ademais, en máis dunha cuarta parte dos fogares (26,452%) as prestacións representan o 100% dos ingresos mensuais.

Defender os dereitos na rúa

Diante disto, os representantes da CIG-Vigo amosáronse comvencidos de que o vindeiro 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, é unha boa ocasión para que os traballadores/as saian á rúa a reclamar melloras nas súas condicións laborais e de vida e a esixir a anulación de todas as reformas que eliminaron dereitos conquistados durante anos de loita obreira.

“Temos que mobilizarnos para esixir que, goberne quen goberne, todas estas medidas antiobreiras sexan retiradas, ao igual que a Lei Mordaza coa que pretenden criminalizar a mobilización social”, remataron.

Deste xeito, fixeron un chamamento a toda a clase traballadora da comarca para que participe na manifestación organizada pola CIG para o vindeiro 10 de Marzo en Vigo. A marcha partirá da Doblada ás 20.00 horas e rematará na farola de Urzaiz.

 A Comisión Provincial de Vivenda propuxo a adxudicación de catro vivendas en Vigo e unha en Tomiño  Trátase de vivendas cedidas por SAREB e Abanca, así como un inmoble de promoción pública propiedade do IGVS Santiago, 4 de marzo de 2016.- A Comisión Provincia de Vivenda de Pontevedra estudou hoxe a adxudicación de cinco vivendas a outras tantas familias en grave risco de exclusión e en situación de vulnerabilidade. As vivendas que se adxudicarán están emprazadas nos concellos de Vigo e Tomiño. As catro familias adxudicatarias están en situación de vulnerabilidade e todas elas teñen fillos menores de idade. En Vigo, a Comisión Provincial de Vivenda propuxo a adxudicación de catro vivendas, tres delas cedidas pola SAREB e unha vivenda de promoción pública propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo. En Tomiño, a Comisión propuxo a adxudicación dunha vivenda cedida por Abanca a unha parella con fillos de curta idade e situación de exclusión social.

A CIG CONMEMORA ESTE 8 DE MARZO, DÍA DA MULLER TRABALLADORA, BAIXO O LEMA ‘PRECARIAS’

 

A Secretaría das Mulleres da CIG de Vigo explica que co lema escollido este ano queremos incidir que por mor da crise, das reformas laborais implantadas ao abeiro desta, as reformas fiscais que incrementaron directamente as desigualdades, xunto coa redución da capacidade distributiva do sector público, ou os recortes en servizos sociais, fixeron agromar unha nova figura laboral, xa case esquecida, que se vén coñecendo como “pobre laboral”, unha persoa con emprego pero que ten uns ingresos que non lle permiten superar a liña da pobreza.

Antes as persoas pobres eran aquelas que estaban separadas do mercado laboral, hoxe en día a pobreza chega ás persoas que teñen contrato laboral pero non o suficiente soldo para cubrir as necesidades básicas, a isto favorece os tipos de contratación e a alta temporalidade.

Esta situación de pobreza e precariedade afecta a todas as persoas, en especial as mulleres. Como xa sabemos, a feminización da pobreza non é novo. E o certo que nos últimos anos a proporción de mulleres entre a poboación pobre medrou. Este feito contribúe a un crecente empobrecemento material das mulleres, a un empeoramento das súas condicións de vida e á vulneración dos seus dereitos fundamentais que marca o presente, mais tamén o seu futuro.

Resumindo a situación das mulleres traballadoras en Galiza poderíamos facelo empregando seis conceptos: INACTIVIDADE, DESEMPREGO, EVENTUALIDADE, EMPREGOS A TEMPO PARCIAL, FENDA SALARIAL, ECONOMÍA SOMERXIDA, INFRASALARIOS. En síntese: PRECARIAS.

As galegas ou ben son traballadoras por conta propia que sobreviven en actividades e negocios que non lles dan para vivir pero que manteñen abertos ante a falta de alternativas. Ou son traballadoras asalariadas, mais precarias, con contratos temporais, con traxectorias laborais inestábeis, con moita rotación laboral, con salarios en moitos casos por baixo da liña da pobreza.

A pesar de traballarmos cada día, facémolo en condicións de precariedade, e non conseguimos deixar de ser pobres.

Por iso consideramos fundamental estarmos na rúa para denunciar esta situación.

Este ano escollemos de xeito maioritario tendas do grupo INDITEX para a nosa xornada de loita, unha escolla que non é casual, dado que a meirande parte do seu persoal son mulleres, con contratos a tempo parcial, que traballan a un elevado ritmo de traballo, con gran rotación, salarios baixos, ás cales se lles dificulta a conciliación, mentres as empresas conseguen millonarios beneficios a costa da explotación das traballadoras.

Nestas condicións están tamén as traballadoras de venda, ás cales se lles esixe ademais, ter boa presenza (as probas de selección son case certames de beleza) e sofren discriminacións por razón de idade (a media de idade é de 28 anos e agochan ás de máis de 40 nos almacéns, ou prexubilan ás mulleres de máis de 50 anos), mais tamén as traballadoras dos centros loxísticos, que teñen que facer horas extras para poder sacar nunha xornada de traballo a cantidade de prendas marcadas polos ritmos da robotización.

Por iso imos concentrarnos o 8 de marzo, para denunciar un modelo de contratación e de relacións laborais de baixo custe para as empresas (aforro dos costes da contratación, salarios baixos, custes en formación case inexistentes, aforro nos custes de despedimento), mais cun elevado custe sobre as traballadoras, que ven como a súa carreira laboral vai ser curta, parcial e dificulta ou mesmo imposibilita conciliar traballo e vida privada. Como versa o lema da campaña deste ano, mobilizáremonos polas PRECARIAS!

 

CONCENTRACIÓNS VIGO CONVOCADAS POLA CIG PARA O 8 DE MARZO ÁS 12 H: diante da tenda Stradivarius na Avenida de Urzaiz.

 

A XUNTA REALOXARÁ A CINCO FAMILIAS EN SITUACIÓN DE VULNERABILIDADE EN VIGO E TOMIÑO

  • A Comisión Provincial de Vivenda propuxo a adxudicación de catro vivendas en Vigo e unha en Tomiño
  • Trátase de vivendas cedidas por SAREB e Abanca, así como un inmoble de promoción pública propiedade do IGVS

 

Santiago, 4 de marzo de 2016.- A Comisión Provincia de Vivenda de Pontevedra estudou hoxe a adxudicación de cinco  vivendas a outras tantas familias en grave risco de exclusión e en situación de vulnerabilidade. As vivendas que se adxudicarán están emprazadas nos concellos de Vigo e Tomiño.

 

As catro familias adxudicatarias están en situación de vulnerabilidade e todas elas teñen fillos menores de idade.

 

En Vigo, a Comisión Provincial de Vivenda propuxo a adxudicación de catro vivendas, tres delas cedidas pola SAREB e unha vivenda de promoción pública propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

 

En Tomiño, a Comisión propuxo a adxudicación dunha vivenda cedida por Abanca a unha parella con fillos de curta idade e situación de exclusión social.

LÓPEZ-CHAVES ENTREGA OS DIPLOMAS AOS 20 ALUMNOS E ALUMNAS QUE PARTICIPARON NO OBRADOIRO DE EMPREGO ´MOAÑA FACULTA

  • 04032016_ClausuraOOEEMoañaO delegado territorial da Xunta en Vigo e a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, clausuraron hoxe o programa mixto de formación e emprego
  • A Xunta fixo posible esta iniciativa cun orzamento superior aos 178.000 euros
  • Os alumnos e alumnas recibiron formación nas especialidades de xardinería e mellora de zonas verdes ademais de cantería e albanelería
  • Fixeron traballos de recuperación e restauración de fontes tradicionais e lavadoiros públicos así coma o mantemento e mellora de xardíns e zonas verdes no Paseo da Seara, en Domaio ou no da Xunqueira, entre outros

 

Moaña, 04 de marzo de 2016.- O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, xunto á alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, entregou esta mañá os diplomas aos 20 alumnos e alumnas que participaron no Obradoiro de Emprego ´Moaña Faculta´, un programa mixto de formación e emprego para persoas desempregadas concedido pola Xunta ao Padroado Municipal Beiramar, do Concello de Moaña.

 

O Obradoiro de Emprego comezou no mes de setembro no Padroado e ofreceu formación e emprego durante 6 meses a un total de 20 alumnos e alumnas en dúas especialidades: instalación e mellora de xardíns e zonas verdes e construción e colocación de pedra natural. Esta mañá levouse a cabo o acto de clausura do mesmo coa entrega dos diplomas, na que tamén estiveron presentes o presidente do Padroado Municipal Beiramar, Salvador Meira, o xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, así coma os docentes, o equipo administrativo encargado do Obradoiro e membros da Corporación municipal moañesa.

 

López-Chaves gabou o traballo feito nestes últimos meses e a aposta da Xunta de Galicia pola xeración de emprego. Administración autonómica fixo posible este programa mixto cun orzamento total superior aos 178.000 euros.

 

Esta iniciativa abre un importante espazo de colaboración administrativa no marco da aposta da Xunta pola eficiencia e optimización dos recursos. Coma sinalou o delegado, o Goberno galego ten unha “enorme preocupación” pola xeración de emprego e, por isto, considerou este tipo de programas mixtos “unha oportunidade para ter máis oportunidades” deixando claro se trata de conseguir unha formación que permita aos alumnos e alumnas “ter traballo nun futuro”. Felicitounos así por rematar o Obradoiro e por “deixar pegada” no municipio co traballo feito por cada un dos alumnos e alumnas. “É bo non so pola formación senón tamén porque deixades pegada no Concello”, dixo. Por último, significou que dende a Administración autonómica se seguirá con esta iniciativa informando que para este ano a Xunta conta cun orzamento de 14 millóns de euros para dito fin.

 

O Obradoiro de Emprego ´Faculta Moaña´ ofreceu así formación e emprego a un total de 20 alumnos e alumnas en dúas especialidades: mantemento de xardíns e zonas verdes (10 persoas) e construción e colocación de pedra natural (10 alumnos) que, entre outras, levaron a cabo as seguintes actuacións. Na especialidade de mantemento e mellora de xardíns, realizaron actuacións no paseo Marítimo de  Meira, paseo da Seara, paseo marítimo de Domaio, parque infantil de Domaio, de Samertolameu, da Cerradiña, de Masandía e xardín da praza do Concello. Mentres, na especialidade de construción e colocación de pedra natural, os 10 alumnos e alumnas levaron a cabo accións de recuperación e restauración de fontes tradicionais e lavadoiros públicos: Lavadoiro Fonte dea Tella, Lavadoiro da Porta do Sol, Lavadoiro do Pozo Negro, de Rialdalca, da Fonte dos Porcos e do Con.

 

O Obradoiro de Emprego alternou así a formación co traballo ou a práctica profesional en dúas especialidades que redundan positivamente nos participantes. Deste xeito preténdese unha dobre vertente: que as persoas desempregadas consigan aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional. Ademais, perciben o salario mínimo interprofesional toda vez que reciben formación para que logren una reinserción laboral posterior.

 

 

 

Búscanse persoas que queiran pasar unha noite no MARCO ¿QUÉ PASA CUANDO NO PASA NADA?

Un proxecto de La Sauna International e Vicente Arlandis (Valencia)

ALT’16 Festival Alternativo das Artes Escénicas de Vigo

 IVAM_2015

Un ano máis, o MARCO colabora co ALT Festival Alternativo das Artes Escénicas, acollendo nas súas instalacións unha parte da súa programación, que terá lugar en distintos espazos da cidade.

Ademais das actuacións programadas no salón de actos do xoves 10 ao domingo 13 de marzo [ver programa ALT’16 en http://altvigo.wix.com/altvigo], nesta ocasión convídase ao público a participar nunha experiencia inusual, da man dos artistas valencianos Sandra Gómez e Vicente Arlandis, que terá lugar durante a noite do sábado 12 ao domingo 13 de marzo.

¿Qué pasa cuando no pasa nada? é o título desta proposta, que consiste en reunir, a través dunha convocatoria aberta, a un grupo de persoas para durmir e pasar o tempo nunha das salas do museo durante o seu horario de peche,dende as 21.00 do sábado ata as 11.00 do domingo.

Neste proxecto queremos pasar unha noite no museo. Durmir, falar, comer, bailar. Habitar un estado de semi-ficción, de divagación mental, de bricolaxe imaxinaria. Isto é un convite a deterse, acampar, pararse, deitarse e ocupar un lugar no espazo simbólico do museo. Habitar por unhas horas a máquina, parar por unha noite o mecanismo e durmir na súa engrenaxe.

O tempo que habitaremos o museo é o tempo no que non pasa nada, o tempo morto da institución, un momento inútil onde nada sucede. Somos conscientes de que experimentar o inútil é o máis difícil e formulámolo dende a esfera do curativo, daquilo que nos leva a nós mesmos, a un interior esencial. Despois de cear propoñeremos unha situación que nos leve a ese interior, a ese nós, unha indución ao sono e aos soños. Unha toma de consciencia do noso corpo, a nosa respiración, a nosa percepción do espazo e dos outros, unha posibilidade de imaxinármo(nos) de xeito diferente.

A experiencia realizouse en 2015 na Sala de Teatro Inestable de Valencia e no IVAM, Institut Valencià d’Art Modern.

Dirección: Vicente Arlandis e Sandra Gómez

Requisitos para participantes:

Maiores de 18 anos.

Cada persoa deberá traer saco de durmir/manta/esterilla ou similar, comida/bebida para compartir, e demais provisións que considere necesarias para pasar a noite.

Contacto e reservas:

As persoas interesadas poden reservar a súa praza a través dos emails info@marcovigo.com emarta.viana@marcovigo.com, facilitando o seu nome + apelidos, DNI, teléfono + email de contacto. As reservas confirmaranse por orde de inscrición.

Prazo límite inscricións: xoves 10 de marzo

A actividade é gratuíta e as prazas son limitadas ata completar un aforo máximo de 30 persoas.

Vicente Arlandis (Alicante, 1976) é licenciado pola Escuela Superior de Arte Dramático, con máster en Producción Artística na Facultad de BB.AA de Valencia e tamén en Apass (Performance Advanced Performance Trainning) en Bruxelas.

Dende o ano 2001 traballa cola coreógrafa e bailarina Sandra Gómez no proxecto Losquequedan, onde leva a cabo numerosos proxectos artísticos e de investigación como a serie Borrones, Thank You Very Much, Tragedia de los Comunes, The Love Thing Piece, etc. Na actualidade participa en diferentes proxectos colectivos como son a Asociación COS e LA SAUNA INTERNATIONAL.

Colaborou como intérprete e coreógrafo con numerosos artistas como David Espinosa, Jan Fabre, Amalia Fernández, Hipólito Patón, Lisbeth Gruweth, Macarena Recuerda, Rafa Tormo, e Miguel Martínez, entre outros.

http://www.lasaunainternational.com/

A DIRECCIÓN XERAL DE XUVENTUDE PON EN MARCHA O PROGRAMA ÁGORAXOVE DE PARTICIPACIÓN DA MOCIDADE NA VIDA SOCIAL, ECONÓMICA E CULTURAL DE GALICIA

  • Vilalba acolleu o primeiro dos doce foros que se celebrarán en distintos puntos da xeografía galega
  • O obxectivo do programa pasa por fomentar o espírito emprendedor dos mozos e mozas a través dunha metodoloxía baseada na educación non formal e o lecer educativo
  • A temática de cada foro está deseñado en función das particularidades sociais, económicas e culturais do ámbito territorial no que se desenvolva

 

Vilalba (Lugo), 4 de marzo de 2016.- A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, acudiu hoxe á inauguración do programa de participación xuvenil ÁgoraXove en Vilalba, destinado a fomentar e consolidar o protagonismo dos mozos e mozas a través da creación de foros que faciliten a participación da xuventude galega na vida social, económica e cultural.

 

Na inauguración do primeiro dos doce foros que se desenvolverán no marco do programa, Cecilia Vázquez destacou que “mediante iniciativas como estas, podemos apoiar a posta en marcha de ideas innovadoras no ámbito social e profesional e promover a participación e o diálogo, creando espazos de encontro entre os mozos, a administración e a sociedade civil, co fin de intercambiar información e experiencias sobre temas de interese para a mocidade”.

 

A temática e o programa de actividades de cada un dos foros está deseñado en función das particularidades sociais, económicas e culturais do ámbito territorial no que se desenvolva. Deste xeito, o foro de Vilalba denomínase ÁgoraRural e o perfil do seu programa de actividades está enfocado ás oportunidades para os mozos e mozas nos pequenos e medianos concellos.

 

A primeira das mesas redondas estivo enfocada aos retos e oportunidades xuvenís no rural e contou con poñentes das esferas empresarial, educativa e financeira. ÁgoraRural en Vilalba contou coa participación do catedrático da Universidade de Santiago, Jorge Mira, que fixo unha reflexión en clave biográfica da pegada do rural na súa carreira profesional. Tras un monólogo en clave de humor sobre a educación non formal no rural a cargo de Pedro Brandariz, o foro rematou cunha mesa redonda onde 6 mozos e mozas relataron a súa experiencia creando novas oportunidade empresariais en concellos de pequeno tamaño no sector primario e nos eidos deportivo, social ou cultural.

 

Os asistentes aos ÁgoraXove son membros de entidades, asociacións xuvenís ou grupos informais; antigos participantes nos programas de Xuventude, técnicos de Xuventude e de Emprego, concelleiros de Xuventude, monitores e mozos e mozas en xeral.

 

Os foros tamén contarán cunha área de asesoramento sobre asociacionismo e participación nos programas de educación non formal da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

 

Ademais do ÁgoraRural celebrado en Vilalba, o programa ÁgoraXove celebrarase tamén en Santiago, Palas de Rei, Ourense, Vigo, A Estrada, Betanzos, Bergondo, Marín, Vilanova de Arousa, Curtis e Ferrol.

 

Afundación presenta en Vigo Rodarirrodari

A Fundación Galicia Obra Social (Afundación) acollerá a vindeira semana, do 7 ao 10 de marzo, no Teatro Afundación de Vigo (rúa Policarpo Sanz, 13), con funcións ás 10.00 e ás 12.00 h, a representación da obraRodarirrodari por parte da compañía Fantoches Baj. Preto de tres mil catrocentos escolares procedentes de 54 centros educativos de Vigo e arredores fixeron a súa reserva para asistir a este espectáculo.

A DIRECTORA XERAL DE PERSOAS CON DISCAPACIDADE VISITA AS INSTALACIÓNS DA ASOCIACIÓN GALEGA SAN FRANCISCO

  • Coro Piñeiro visitou o centro de día e a residencia da entidade, coa que a Consellería de Política Social mantén un contrato para a prestación de servizos de atención residencial e atención diúrna terapéutica
  • A directora xeral visitou tamén a sede de Down Vigo, onde coñeceu de primeira man os proxectos que levan a cabo coas persoas con Síndrome de Down e as súas familias
  • Por outra banda, a cidade de Vigo pecha a rolda de charlas sobre o sistema para a autonomía e atención á dependencia dirixidas a traballadores e traballadoras sociais. Nelas ofréceselles información sobre ordes de axudas, procedementos e tramitacións en materia de discapacidade

 

Vigo, 4 de marzo de 2016.- A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro Vázquez, visitou esta mañá o centro de día e a residencia da Asociación Galega San Francisco (AGASFRA), que traballa en prol do desenvolvemento das persoas con discapacidade intelectual.

 

Coro Piñeiro mantivo unha reunión coa dirección desta asociación sen ánimo de lucro que leva traballando máis de 40 anos na cidade olívica, na que repasaron a axuda que aporta a Xunta de Galicia á entidade. Na actualidade, a Consellería de Política Social mantén un contrato para a prestación de servizos de atención residencial e atención diúrna terapéuticas para persoas con discapacidade intelectual gravemente afectadas, que ascende a 2.058.688,88 euros dos que a administración autonómica achega 1.752.449, 92 euros, correspondendo a diferenza á participación dos usuarios do servizo. Isto supón un incremento de máis de 185.000 euros con respecto á prórroga subscrita no pasado 2015, grazas ao cal no presente exercicio se incorporaron cinco novos servizos de atención residencial terapéutica e catro novos servizos de atención diúrna terapéutica. En total, o contrato garante a prestación dun total de 68 servizos de atención residencial e 26 de atención diúrna, garantindo así mesmo o transporte dos usuarios destes últimos.

 

A directora xeral destacou o importante traballo que leva a cabo a asociación en prol do desenvolvemento das persoas adultas con discapacidade intelectual, na que os usuarios reciben unha atención adaptada co obxectivo de acadar unha mellor calidade de vida persoal.

 

Down Vigo

A directora xeral visitou tamén nesta xornada as instalacións de Down Vigo,  que promociona e realiza actividades encamiñadas a mellorar a calidade de vida das persoas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual a das súas familias. Nesta liña, promoven o exercicio efectivo dos seus dereitos, deberes e liberdades fundamentais para o seu desenvolvemento integral como persoas, a través da plena inclusión social e do emprego dos recursos ordinarios da comunidade.

 

Coro Piñeiro destacou o bo traballo que desenvolven dende a entidade en materia de valoración, evaluación ou información aos familiares. “O obxectivo, tanto da Xunta de Galicia, como de Down Vigo é mellorar a calidade de vida e benestar das persoas con Síndome de Down e das súas familias para que o seu proxecto de vida sexa satisfactorio e estea plenamente integrado na sociedade”, afirmou a directora xeral de persoas con discapacidade, quen ademais puido coñecer todos os proxectos que levan a cabo dende a entidade e a súa metodoloxía de traballo.


Sistema para a autonomía e atención á dependencia para traballadores/as sociais

A Consellería de Política Social celebrou hoxe a última das reunións que desenvolveu nas catro provincias galegas sobre o sistema para a autonomía e atención á dependencia dirixidas a traballadores e traballadoras sociais. A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro Vázquez, participou hoxe na última destas charlas que se desenvolveu na sede da delegación territorial da Xunta en Vigo. En datas anteriores as sesións tiveron lugar na Coruña, en Lugo e Ourense.

 

Estes encontros serviron á finalidade de informar aos profesionais dos servizos sociais de diferentes ordes de axudas, procedementos e tramitacións en materia de discapacidade. Así, a orde do día das sesións incluíu información sobre a nova orde que rexerá a concesión de axudas individuais destinadas á adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, así como á adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal a persoas con discapacidade. A administración autonómica traballa nestes momentos na preparación da convocatoria desta liña de axudas, que conta con financiamento do Fondo Social Europeo (FSE) e que se abrirá ao longo dos vindeiros meses. Tamén se abordaron cuestións como o procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade e dependencia; con especial atención á tramitación telemática por tratarse dunha nova ferramenta a disposición dos traballadores sociais.

 

Así mesmo, outros dous puntos nos que se fixo fincapé na sesión informativa celebrada esta mañá na delegación viguesa foron a Guía de actuación coordinada contra o maltrato de persoas maiores ou adultas con discapacidade e o teléfono social. A finalidade foi facer un recordatorio aos traballadores sociais dos concellos e de saúde que asistiron a esta charla do contido e obxectivos desta Guía así como do rexistro de maltrato, como principais axentes implicados na detección e intervención en casos de malos tratos a persoas maiores ou adultas con discapacidade.

 

 

 

REY VARELA DESTACA A IMPORTANCIA DO TRABALLO PARA ACADAR A PLENA INTEGRACIÓN DE TODOS OS COLECTIVOS DA SOCIEDADE NA PRESENTACIÓN DO PROXECTO ‘WE, A ALEGRÍA DA HORTA’

  • Define a diversidade como “a variedade, a heteroxeneidade e a pluralidade” e sinala que as persoas con discapacidade intelectual son “un colectivo importantísimo para a nosa sociedade por todo o que achegan á mesma”
  • Apunta que a Xunta aposta pola ”eliminación de todo tipo de barreiras” e indica que cada galego debe diferenciarse “polo que é e o que fai, non pola súa aparencia ou polo seu cociente intelectual”
  • ‘We, a alegría da horta’ é un programa que promove a capacitación laboral das persoas con discapacidade intelectual no sector agrícola para favorecer á súa inserción na vida laboral e á súa autonomía

 

A Coruña, 4 de marzo de 2016-. O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou esta mañá na presentación do proxecto de capacitación e inserción laboral de persoas con discapacidade intelectual no sector agrícola ‘We, a alegría da horta’. O programa, posto en marcha pola compañía galega de de distribución alimentaria Vegalsa Eroski, conta coa colaboración da Asociación Down Coruña,a compañía Hortalizas Roberto López e a Escola Politécnica Superior de Enxeñería Agrónoma da USC. No seu relatorio, o responsable da área social autonómica asegurou que “un dos obxectivos prioritarios é o de conseguir a plena integración de todos os colectivos da nosa sociedade”. “Non se pode falar de integración sen falar de traballo”, engadiu.

 

Nesta liña, o titular de Política Social definiu a diversidade como “a variedade, a heteroxeneidade e a pluralidade” e sinalou que as persoas con discapacidade intelectual son “un colectivo importantísimo para a nosa sociedade por todo o que achegan á mesma”.

 

Tras apuntar que a Xunta aposta pola ”eliminación de todo tipo de barreiras”, Rey Varela indicou que cada galego debe diferenciarse “polo que é e o que fai, non pola súa aparencia ou polo seu cociente intelectual”.

 

Un programa destinado á inserción

O conselleiro non perdeu a oportunidade de enxalzar un proxecto como ‘We, a alegría da horta’ no que a iniciativa pública e privada danse a man para axudar aos que máis o precisan. ‘We, a alegría da horta’ é un programa que promove a capacitación laboral das persoas con discapacidade intelectual no sector agrícola para favorecer á súa inserción na vida laboral e á súa autonomía. Ademais, Vegalsa distribuirá na rede de supermercados Eroski Center a colleita resultado do traballo realizado polos participantes do curso baixo unha nova marca.

 

A través das tarefas que terán os participantes, dixo o conselleiro, “poderán desempeñar un emprego e o que é máis importante, sentirse parte da cadea de produción dun sector tan importante como o primario”.

 

Compromiso coas persoas con discapacidade intelectual

José Manuel Rey Varela destacou nas súas verbas o compromiso do Goberno Autonómico coas persoas con discapacidade intelectual. Así, lembrou que a Xunta de Galicia vén de asinar un convenio coa Fundación Down Compostela para que persoas con síndrome de Down realicen prácticas formativas na administración autonómica ao abeiro dun proxecto piloto de realización de actividades e de aprendizaxe e integración.

 

Neste senso o conselleiro trasladou aos presentes as historias das tres persoas con discapacidade intelectual que están a realizar prácticas nos departamentos de Política Social, Vicepresidencia e Presidencia e destacou “o compromiso, o coidado e a atención coa que desempeñan as súas funcións”. Unhas calidades que “deben ser exemplo para a nosa vida laboral e impulso para non descansar no obxectivo de ofrecer a este colectivo unha integración plena na sociedade actual”, concluíu.