Archivo | marzo 14, 2016

Adaptación dos clásicos na XVIII Mostra de Teatro Universitario de Vigo

 

Arranca o vindeiro mércores coa obra Demediado, da compañía da Aula Universitaria de Teatro de Ourense -Maricastaña

As compañías levarán á escena do Teatro Universitario obras baseadas en textos de Federico García Lorca, Calvino ou versións actualizadas de Charles Dickens

Vigo, 14 de marzo de 2016.- A XVIII Mostra de Teatro Universitario, MITEU, que este ano vén chea de propostas escénicas baseadas en textos de autores clásicos como Calvino, Lorca ou Dickens, arranca o vindeiro mércores, 16 de marzo, coa obra Demediado, a cargo da Aula universitaria de teatro de Ourense, Maricastaña. A peza, que parte da novela O vizconde demediado de Italo Calvino, fala das dúas metades que conforman o ser humano. Esta fábula de Calvino reflexiona  en clave de humor sobre o ben e o mal, sobre os comportamentos humanos, sobre a opresión do poder e a solidariedade. Trátase dun xogo constante no que  41 personaxes fan transitar ao espectador pola emoción, o riso, o  conto máxico e a crúa realidade.

 

A Mostra continuará o 6 de abril coa participación, por segundo ano consecutivo, da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD), e da súa compañía L’Indignati, que subirá á escena a obra As tres meigas de Pantalone (Quererás dicir rapantes). Escrita e dirixida por Nando Llera, a obra é unha adaptación, ao estilo Comedia da Arte, do Conto de Nadal de Charles Dickens xa que a historia fala dun vello avaro que recibe a visita da pantasma dun amigo que vén advertirlle de que a súa mala conduta arrastrarano ao inferno. Tres bruxas ensinaranlle entón o seu pasado, presente e futuro, para tratar de convencelo de que cambie a súa actitude. Llera fai unha revisión deste texto clásico para universalízalo e utilizalo como instrumento de crítica social.

 

O día 20 de abril poderá verse a obra O público. Baixo a area, de Federico García Lorca, a cargo da Aula de teatro da USC-LUGO. Esta obra do autor granadino considérase a primeira en abordar o amor homosexual, segundo o historiador Ian Gibson. O subtitulo Baixo a area fai referencia a un conxunto de obras escritas por Lorca que denominaba “comedias imposibles”. De feito, é no ano 1986, cando o Centro Dramático Nacional estrea El público, por primeira vez, o que supuxo un dos acontecementos teatrais dos anos oitenta.

 

Rompendo coas versións dos clásicas e apostando por novas formas de expresión teatral e a experimentación, chega, o 26 de abril, o Grupo de Laboratorio de Teatro El Rayo Misterioso, fundado en 1994, en Rosario (Arxentina), e dirixido por Aldo El-Jatib. El fabuloso mundo de la Tía Betty leva á escena o inconsciente colectivo dunha sociedade sustentada na mentira, a crueldade e a morte. A obra, de gran

 

 

 

impacto visual, afonda na loucura a través dunha pantasma que nos fai ver que todo o que facemos queda impreso e rexistrado e tende a ser repetido nun mecanismo social de autodestrución.

 

Ao día seguinte, o 27 de abril, A Aula de Teatro do Campus de Vigo representará no Teatro de Cidade Universitaria A Casa de Bernarda Alba, de Federico García Lorca. Dirixida por Pepa Barreiro, a obra fálanos do loito abafante e rigoroso que lle impón Bernarda ás súas cinco fillas tras a morte do seu segundo marido. Angustias, a primoxénita, vai casar con Pepe o Romano xa que é a única que conta cunha dote. O dramático final chega cando Adela, a máis nova, faise amante de Pepe e Bernarda coñece esta relación.

 

Todas as obras poderán verse no Teatro Cidade Universitaria do Campus de Vigo ás 18.30 horas. Queda por determinara a compañía e a obra que se representará o día 28 de abril.

 

A Mostra Internacional de Teatro Universitario dá a oportunidade de subiren ás táboas a sólidas formacións teatrais nacidas nos campus. A Vicerreitoría de Extensión Universitaria, organizadora da Mostra, aposta pola presenza activa do teatro entre os estudantes como un xeito de transmitir valores e coñecemento.

A entrada a todas as función da MITEU é libre ata completar aforamento.

Persoal da Administración do Estado aproveita a visita de 2 ministras a Vigo para rexeitar a privatización dos servizos públicos

Un forte dispositivo policial impediu que a mobilización se achegase até o acto no que participaron as titulares de Emprego e Fomento
A xunta de persoal e o comité de empresa do persoal laboral dos servizos periféricos da Administración xeral do Estado desenvolveron hoxe unha protesta para rexeitar a privatización de servizos públicos por parte do Goberno do PP durante a visita de dúas ministras a Vigo. As titulares de Emprego e Seguridade Social e Fomento achegáronse até a antiga Metalúrxica, futura sede da Tesorería da Seguridade Social, para colocar a primeira pedra das obras de rehabilitación, mais un forte dispositivo policial impediu que a mobilización tivese lugar nas inmediacións do edificio.
2016 03 14 ProtestaVisitaMinistrasVigo01

A protesta convocada pola representación do persoal da Administración xeral do Estado comezou arredor das 10.30 horas coa chegada das ministras Ana Pastor e Fátima Báñez ao edificio situado na rúa García Barbón.

Aínda que o elevado número de axentes da Policía española mobilizados/as para a ocasión impediu que a mobilización se achegase ao lugar, a pesar de que os convocantes contaban coa correspondente autorización.

Deste xeito, a protesta desenvolveuse nas inmediacións da rotonda de Isaac Peral, onde se depregou unha faixa na que se podía ler “Contra a privatización dos servizos públicos” e se repartiron folletos informativos entre os viandantes nos que se explican os principais motivos da convocatoria.

Entre eles, rexeitar a privatización dos servizos públicos ao entender que supón a expropiación de recursos de todos/as os cidadáns/ás. Así, lembran que na actualidade empresas privadas están a xestionar datos de máis de 40 millóns de persoas a través de contratos adxudicados pola Xerencia de Informática da Seguridade Social, como tamén xestionan a atención telefónica da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

Ao mesmo tempo, lembran que o persoal auxiliar de servizos xerais da Seguridade Social pertence a empresas privadas e que “as vidas laborais non se poden solicitar directamente nestas oficinas porque son xestionadas tamén por unha compañía privada”.

Denuncian que isto supón que cada ano se lle entreguen centos de millóns de euros a empresas privadas que en moitas ocasións son transnacionais con sede no estranxeiro “en base a amortizar emprego estábel e con dereitos laborais”.

Reparos do Tribunal de Contas

No texto explicativo indícase que o propio Tribunal de Contas dixo con respecto á ficalización dos contratos coas empresas privadas que “falta xustificación da insuficiencia de medios persoais e materiais”, ademais de botar de menos máis transparencia e obxectividade.

O Tribunal tamén critica a excesiva dependencia tecnolóxica, “xa que en moitas ocasións teñen que recorrer a procedementos negociados con só provedor (maior prezo)”, e a falta de estudos obxectivos comparando o custe económico que supón realizar esas actividades con persoal propio e o custe de facelas mediante a contratación de empresas externas.

Tricicle en Afundación Pontevedra e Vigo

A Fundación Galicia Obra Social (Afundación) continúa coa súa oferta de teatro en Vigo e Pontevedra para a que presenta, nesta ocasión, o trío de cómicos cataláns Tricicle, que chegan a Galicia co seu novo espectáculo Bits. Debido á gran demanda de público, para a cidade de Pontevedra, na que inicialmente só actuarían o mércores 16, ampliouse outra función para mañá, martes 15. Nos dous casos terán lugar ás 20.30 h no Auditorio Sede Afundación. En Vigo recalarán no Teatro Afundación o venres 18 ás 20.30 h e o sábado 19 en dous pases, un ás 18.00 h e o último ás 20.30 h. Este espectáculo forma parte da Tempada de abonos de teatro 2015-2016, que ofrece un 20 % de desconto no prezo das entradas e un 10 % para persoas desempregadas, xubiladas e novas. As entradas están á venda enwww.ataquilla.com