A XUNTA INCREMENTA O NÚMERO DE PRAZAS CON ASPANAEX PARA SERVIZOS DE ATENCIÓN A PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL

  • A administración autonómica ampliará en dúas máis o número de prazas concertadas co centro de día de ASPANAEX, chegando así este ano a un total de 91 prazas con financiamento público que se ofertan en colaboración con esta asociación sen ánimo de lucro
  • Rey Varela destacou que o Goberno galego e as entidades sociais como ASPANAEX comparten valores e un obxectivo común, que é “contribuír para que as persoas con discapacidade intelectual e as súas familias teñan atendidas as súas necesidades e poidan levar a cabo unha vida sen barreiras nunha sociedade que debe ser cada vez máis integradora”

 

Vigo, 18 de marzo de 2016.-  A Xunta de Galicia aumentará o número de prazas concertadas no centro de día da Asociación a favor das Persoas con Discapacidade Intelectual da provincia de Pontevedra (ASPANAEX), atendendo así a unha demanda desta entidade. O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, fixo hoxe este anuncio durante a visita que realizou ás instalacións desta asociación, que se enmarca na rolda de encontros con entidades que o conselleiro está a realizar por toda a Comunidade; e nesta ocasión estivo acompañado da directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro Vázquez.

 

Rey Varela explicou que nestes momentos os servizos técnicos da Consellería preparan a modificación do contrato con ASPANAEX para ampliar en dúas máis o número de prazas concertadas no centro de día desta asociación. Deste xeito, neste 2016 a administración autonómica terá un total de 91 prazas concertadas con esta entidade, que conta cun centro de día, centro de educación especial, outro ocupacional e unha vivenda comunitaria. E, ao fío disto, tamén se producirá este ano un incremento de máis de dous puntos no contrato que a Xunta de Galicia mantén con ASPANAEX para o financiamento de prazas, ata chegar a un total de 793.135 euros.

 

Durante a visita, o titular da carteira autonómica de Política Social tivo a ocasión de coñecer de primeira man e sobre o terreo o “importante labor que están facendo en toda Galicia entidades como ASPANAEX para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e a das súas familias”. Nesta liña, engadiu que dende o Goberno galego “compartimos con todas elas valores e un obxectivo común, que é o de contribuír para que as persoas con capacidades diferentes e as súas familias teñan atendidas as súas necesidades e poidan levar a cabo unha vida sen barreiras nunha sociedade que debe ser cada vez máis integradora”.
Pola súa parte, o presidente de ASPANAEX, José Manuel Carballo Cabezas, salientou o “compromiso e proximidade” da Xunta de Galicia coa entidade; ao tempo que cualificou de “boa noticia” o anuncio do conselleiro sobre o aumento do número de prazas concertadas, xa que era unha cuestión que levaban tempo demandando.

 

Plan de acción para a integración das persoas con discapacidade

O titular da carteira autonómica de Política Social insistiu en que “coordinarse e traballar conxuntamente coas outras administracións e as entidades é o bo camiño para poder avanzar na igualdade de dereitos e oportunidades das persoas con discapacidade”.

 

Neste sentido, esta nova etapa en políticas sociais signifícase por un traballo máis intenso coas entidades en temas como o desenvolvemento do Plan de Acción da Estratexia Galega sobre Discapacidade 2015-2020, aprobada polo Consello da Xunta en novembro do ano pasado. Na actualidade está en proceso o desenvolvemento desta estratexia, que abrangue seis liñas estratéxicas: accesibilidade, autonomía persoal, educación, formación e emprego, saúde e servizos sociais.

 

Servizos educativos, formativos e terapéuticos

ASPANAEX é unha entidade sen ánimo de lucro que nace en 1963; forma parte da Confederación Española de Organizacións a favor das persoas con discapacidade intelectual e no ano 2007 recibiu o premio Viguesa Distinguida. Ten como misión mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e a das súas familias. Nas súas instalacións en Vigo sitúanse tres centros: un centro de día onde presta un servizo diúrno terapéutico para maiores de 20 anos; un centro específico de educación especial con cinco unidades concertadas para usuarios desde os 6 aos 20 anos; outro ocupacional con talleres de decoración, carpintería, manipulados, coiro e papel reciclado; e unha vivenda comunitaria con cinco prazas.

 

Na actualidade ASPANAEX atende a 107 persoas. Conta cun persoal formado por 42 profesionais, ao que se suma a colaboración de 25 persoas voluntarias que fan posible que se realicen diferentes actividades tanto dentro como fóra dos centros.

 

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: