Archivo | marzo 18, 2016

A XUNTA PUBLICA A NOVA ORDE PARA A CONCESIÓN DE AXUDAS INDIVIDUAIS DIRIXIDAS Á ADQUISICIÓN DE SERVIZOS DE PROMOCIÓN DE AUTONOMÍA E DE ASISTENCIA PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE

  • A orde, financiada nun 80% con fondos europeos, está dotada cun orzamento inicial de 730.185 euros, que se poderá ampliar no caso de que sexa necesario. A administración autonómica prevé beneficiar coa convocatoria deste ano a máis de 900 persoas
  • O prazo para a presentación de solicitudes de axuda é de dous meses a partir de mañá. Estas serán estudadas por unha comisión de valoración e deberán resolverse nun tempo máximo de tres meses, contados dende o día seguinte á finalización do prazo de presentación das solicitudes

 

Santiago, 17 de marzo de 2016.- A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova orde elaborada pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade que establece as bases reguladoras para a concesión de axudas individuais destinadas a facilitar a adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, así como a adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal a persoas con discapacidade. A administración autonómica dotou a esta orde, financiada nun 80%  polo Fondo Social Europeo, dun crédito inicial de 730.185 euros destinado a atender as solicitudes que se presenten e que está aberto a ampliación no caso de que sexa necesario. A administración autonómica prevé beneficiar con esta convocatoria de axudas a máis de 900 persoas.

 

A orde establece que soamente poderán ser obxecto de financiamento para esta convocatoria as actuacións que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2016 e poderán ser beneficiarias desta orde as persoas que teñan recoñecida un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%. Así mesmo, considerarase que cumpren con este requirimento os pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou gran invalidez; e os pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

 

Tamén poderán optar a solicitar as axudas reguladas nesta convocatoria as persoas que solicitasen o recoñecemento do grao de discapacidade con anterioridade á data de publicación desta convocatoria, quedando condicionada a percepción da axuda a que lles sexa recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%. En canto ás persoas solicitantes de servizos complementarios de asistencia persoal serán necesario ademais que estas teñan recoñecida a prestación de asistencia persoal (PIA) a través do sistema para a autonomía e atención á dependencia (SAAD).

 

Prazos

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.es. Opcionalmente tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel, no rexistro do concello ao que correspondan os servizos sociais comunitarios do domicilio da persoa solicitante, ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos.

 

O prazo para a súa presentación será de dous meses, contados a partir da xornada de mañá. Unha comisión de valoración e valorará todas as solicitudes recibidas e o prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución expresa será de tres meses, contados dende o día seguinte á finalización do prazo de presentación de solicitudes.

 

Boletín Novidades Marzo 2016

Nas vésperas das vacacións de Semana Santa e coa primavera petando na porta, Editorial Galaxia ofrécevos algunhas novidades para aproveitar estes días de lixeireza laboral: dúas novelas que vos permitirán viaxar a outro continente sen coller un avión, unha novela de amor contra o amor e unha selección de títulos para achegarvos á vida e á obra de Manuel María dende todas as perspectivas, graos de interese e idades. Agardamos que vos gusten.

Novidades Marzo 2016

Os kowa
Xavier Queipo

Premio Blanco Amor 2015

Un científico naturalista atópase perdido no medio do mato, nunha selva inzada de perigos, mais tamén de descubertas existenciais. Queipo consegue un alento narrativo intenso e, ás veces, desacougante no que se apalpa a soidade e a tensión dun home enfrontado ao seu destino.

252 páxinas
17 €

Camiños na auga
Manuel Núñez Singala

Szymo, o protagonista de Camiños na auga, busca a liberdade na África poscolonial a través dunha viaxe iniciática. Núñez Singala expón, nesta a súa primeira novela, unha versión posmoderna da subxectividade, exemplificándoa nun caso de ambigüidade extrema, o dun individuo cuxa identidade contradí as súas características físicas.

296 páxinas
17,50 €

Amor é unha palabra coma outra calquera
Francisco Castro

A protagonista desta novela organiza a vida arredor do amor, do seu amor, do amor co que vive, do amor que soña, do amor que lle falta. O amor aprendido nas películas rosa, nas cancións melódicas, nas novelas cursis. Esta é unha novela de amor contra o amor. Porque amor é unha palabra coma outra calquera…
Ou non.

224 páxinas
17 €

Preparando o Día das Letras 2016

Noticias

JOSÉ MANUEL REY VARELA ABORDA COS ALCALDES MEDIDAS E VÍAS DE COLABORACIÓN PARA A MELLORA DOS SERVIZOS DE ATENCIÓN NO RURAL GALEGO

  • O titular de Política Social abordou con estes rexedores diferentes temas no eido social, dentro da liña de diálogo aberta pola Consellería coas demais administracións públicas co obxectivo de xuntar esforzos e acadar melloras que beneficien á totalidade da poboación

 

Santiago, 17 de marzo de 2016.- José Manuel Rey Varela, mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo cos alcaldes dos municipios pontevedreses de Cerdedo e Cotobade, Silvestre Balseiros Guinarte e Jorge Cubela López, respectivamente. Deste xeito, a Consellería de Política Social da continuidade á súa liña de diálogo coas demais administracións públicas de Galicia para xuntar esforzos no ámbito social e acadar melloras que beneficien á totalidade da poboación. No encontro tamén estivo presente o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños.

 

Así, na reunión que tivo lugar no despacho do titular de Política Social en San Caetano, os rexedores galegos abordaron diferentes cuestións no ámbito social relativas aos seus concellos, que traballan no seu proxecto de fusión, e avanzaron ao conselleiro propostas para o seu estudo e posible encaixe dentro das liñas de traballo que ten en marcha a Consellería de Política Social. Nomeadamente, de infraestruturas sociais.

 

Neste sentido, e no que atinxe á mellora dos servizos de atención á cidadanía, a potenciación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) estivo entre os asuntos que se trataron nas conversas que mantivo hoxe Rey Varela cos primeiros. No caso de Cerdedo, o SAF aumentou 70 horas, polo que o total de horas de servizo aumenta ata as 609. En Cotobade, o incremento de horas é o mesmo ca no caso de Cercedo, polo tanto, préstanse un total de 806 horas de axuda. Rey Varela e os rexedores tamén abordaron a necesidade de incrementar os equipamentos sociais para persoas maiores, nomeadamente a posibilidade de ampliar o centro de día e o fogar residencial de Cerdedo, que na actualidade contan con 30 e 18 prazas respectivamente.

 

Outra cuestión foi a de buscar vías de colaboración entre administracións no ámbito da infancia, no camiño de ofertar máis recursos de conciliación para os pais e nais que viven no rural galego.

 

A XUNTA AMPLÍA DENDE MAÑÁ A 30.000 EUROS O LÍMITE PARA ADIAR OU FRACCIONAR O PAGO DE IMPOSTOS SEN PRESENTAR GARANTÍA

  • Ata agora, este aval requiríase para os importes superiores a 18.000 euros
  • Este cambio aplicarase a todos os impostos e taxas que xestiona a Axencia Tributaria de Galicia, incluídos os tributos cedidos
  • O Diario Oficial de Galicia publica a orde de ampliación, que entrará en vigor mañá
  • Este cambio beneficiará aos contribuíntes galegos, xa que terán máis facilidades para cumprir as súas obrigas tributarias

 

Santiago, 18 de marzo de 2016.- A Xunta de Galicia amplía dende mañá a 30.000 euros o límite para que os contribuíntes poidan solicitar o aprazamento ou fraccionamento dun imposto sen ter que presentar garantía na Axencia Tributaria de Galicia, con independencia de que se atope en período voluntario ou en período executivo de pago.

 

A Consellería de Facenda vén de aprobar unha orde que permite ampliar o límite ata os 30.000 euros, posto que ata agora a Administración viña solicitando un aval para aquelas débedas superiores aos 18.000 euros. Esta modificación beneficiará os contribuíntes galegos porque terán máis facilidades para cumprir coas súas obrigas tributarias, ao tempo que dotará de maior axilidade a xestión destas solicitudes. A orde aparece publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, e entrará mañá en vigor.

 

A concesión de aprazamentos e fraccionamentos permite aos contribuíntes afrontar o pagamento das súas débedas tributarias da forma que máis se acomode á súa situación financeira e de tesourería, permitindo ás familias e empresas dispoñer de máis tempo para satisfacer esa débeda e contar con máis liquidez.

 

Este cambio afectará a todas as solicitudes de aprazamentos ou fraccionamentos de pago de débedas xestionadas pola Axencia Tributaria de Galicia. Isto inclúe os tributos propios, as taxas e todos os ingresos de dereito público non tributarios: multas, sancións ou reintegro de subvencións.

 

De maneira complementaria, a Administración central –a través do Ministerio de Hacienda- aprobou tamén esta semana un cambio de características similares para os tributos cedidos, o que permite ampliar este límite tamén aos impostos cedidos que xestiona a Comunidade Autónoma, coma o de Transmisións Patrimoniais, Actos Xurídicos Documentados ou Sucesións e Doazóns.