A CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL CELEBRA O CUARTO ÁGORA XOVE BASEADO NO DIÁLOGO INTERCULTURAL, NA COHESIÓN SOCIAL E NO RESPECTO POLA DIVERSIDADE

  • IMG_9285Os asistentes ao evento realizado en Vigo tiveron a oportunidade de manter conversas con persoas coas que normalmente non terían contacto o que propiciou a ruptura de barreiras e o coñecemento doutras realidades
  • Os ÁgoraXove están destinados a membros de entidades, asociacións xuvenís ou grupos informais, antigos participantes nos programas de Xuventude, técnicos de xuventude e de emprego, concelleiros de xuventude, monitores e mozos e mozas en xeral
  • A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, destacou que “con iniciativas como esta, pretendemos establecer espazos de encontro, de coñecemento, de información e tamén de formación en habilidades, co obxectivo de fomentar a participación da mocidade”

 

Vigo, 14 de abril de 2016.- A Biblioteca Central da Universidade de Vigo acolleu hoxe o cuarto ÁgoraXove, un novo programa da Consellería de Política Social para fomentar e consolidar o protagonismo dos mozos e mozas a través da creación de foros que faciliten a súa participación na vida social, económica e cultural. A temática e o programa de actividades de cada un dos foros está deseñado en función das particularidades sociais, económicas e culturais do ámbito territorial no que se desenvolva. Deste xeito, o ÁgoraXove de Vigo contou cunha temática baseada no diálogo intercultural, a cohesión social e o fomento do respecto pola diversidade. O obxectivo era tratar de romper cos estereotipos, estigmas sociais, prexuízos e discriminacións, ademais de amosar outras realidades sociais presentes na nosa contorna.

 

Na práctica, o ÁgoraXove de Vigo ofreceu ao público a oportunidade de manter conversas con persoas coas que normalmente non terían contacto, e das que escoitaron a súa historia persoal para axudalos a romper as barreiras que puideran existir entre eles, amosándolles outras realidades. Este proceso lévase a cabo coa simulación dunha biblioteca na que o público fai a reserva do “libro humano” que quere ler e se lles asigna unha quenda de 15 minutos para que se leve a cabo a lectura en forma de conversa.

 

Os “libros humanos” serán un cooperante, unha persoa con diversidade funcional, un ex drogodependente, un emprendedor, unha muller vítima de violencia de xénero, un ex presidiario ou voluntarios que traballan con varios colectivos, entre outros. Ademais, os participantes poderán asistir á conferencia sobre “Educación non formal, Capital Social e Empregabilidade da Mocidade”, que impartirán os profesores Miguel A. Santos Rego e Mar Lorenzo Moledo.

 

Paralelamente a estas actividades centrais, os participantes terán á súa disposición unha zona de asesoramento sobre os principais programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

 

Na inauguración deste ÁgoraXove, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, destacou que “con iniciativas como esta, pretendemos establecer espazos de encontro, de coñecemento, de información e tamén de formación en habilidades, co obxectivo de fomentar a participación da mocidade”. Vázquez Suárez definiu os ÁgoraXove como “espazos abertos para a creación de oportunidades mediante o intercambio e posta en común de ideas novidosas”.

 

O perfil dos participantes nos ÁgoraXove son membros de entidades, asociacións xuvenís ou grupos informais, antigos participantes nos programas de Xuventude, técnicos de xuventude e de emprego, concelleiros de xuventude, monitores e mozos e mozas en xeral. Estes foros tamén contarán cunha área de asesoramento sobre asociación e participación nos programas de educación non formal da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

 

Ademais dos ÁgoraXove de Vilalba, da Universidade de Santiago, de Palas de Rei e da Universidade de Vigo xa celebrados, este programa tamén terá lugar nas vindeiras semanas en Ourense, A Estrada, Betanzos, Bergondo, Marín, Vilanova de Arousa, Curtis e Ferrol.

 

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: