Archive | abril 15, 2016

JOSÉ MANUEL REY VARELA RECIBE A BECA DE HONRA DO COLEXIO MAIOR FONSECA NO ACTO DE IMPOSICIÓN DE INSIGNIAS QUE PECHA O CURSO

  • O conselleiro de Política Social felicitou aos estudantes polo fin da etapa universitaria, dos que destacou a súa capacidade e preparación
  • O titular da carteira autonómica lembrou os seus anos como residente e subdirector do centro

Santiago, 14 de abril de 2016.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, recibiu a Beca de Honra no acto académico de imposición de becas e insignias aos residentes celebrado no Colexio Maior Fonseca con motivo do peche do curso.

O acto consistiu na entrega destes galardóns aos estudantes membros da promoción que reside dende hai tres anos no centro. Así mesmo, se fixo entrega dos diplomas aos “finalistas” que son aqueles estudantes que levan catro anos no Colexio Maior Fonseca.

Rey Varela acudiu en calidade de invitado de honra e se lle impuxo a Beca de Honra debido a estreita relación que o une a este centro, xa que residiu nel durante os seus anos universitarios e exerceu como subdirector do mesmo. “É unha honra para min recibir esta distinción por parte do colexio maior no que pasei a miña etapa universitaria. Un centro no que se crece academicamente, pero tamén a nivel persoal”, afirmou Rey Varela. Na súa intervención, o conselleiro lembrou a súa estadía en Fonseca aludindo á importancia do esforzo diario. “Neste colexio temos pasado moitas horas de estudo e de traballo incansable, porque os logros chegan a través da constancia e do esforzo. Uns valores que hoxe máis que nunca, vemos reflectidos nestes mozos e mozas”, afirmou o titular de Política Social. O titular da carteira autonómica explicou que dende a Xunta de Galicia trabállase para que “os rapaces e rapazas con talento, capacidade e preparación teñan as oportunidades que merecen na nosa terra, xa que son o futuro da nosa economía, o vehículo da nosa cultura e a esperanza da nosa demografía”. Rey Varela non quixo deixar pasar a ocasión de felicitar aos alumnos e alumnas polo peche da súa etapa universitaria e de desexarlles éxito nos vindeiros anos.

No transcurso do acto, o conselleiro agradeceu a distinción recibida e felicitou á Vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, María Dolores Álvarez, e ao director do Colexio Maior Fonseca, José Martínez Fernández, pola labor que desenvolven en prol de ofrecer aos estudantes galegos un emprazamento único no que se desenvolver académica e persoalmente.

 

Esiximos respostas aos cortes de auga!

O pasado 30 de marzo solicitamos unha entrevista con David Regades, concelleiro de Fomento, Limpeza e Contratación. Esta concellería é a responsable do servizo municipal de augas en Vigo que xestiona Aqualia, empresa do grupo FCC. Un ano antes, en marzo de 2015, pediramos, tamén por escrito, datos do número de cortes de auga na cidade nos últimos anos. A resposta, hai un ano e hai quince días foi a mesma: o silencio da concellería.

Porén a empresa, si que contactou con nós. Dende Aqualia explican que intentan non cortar a auga a fogares empobrecidos, pero recoñecen que si o fan posto que non teñen ningunha obriga, nin protocolo co concello para evitar o corte no caso de familias que non poidan afrontar o pagamento por insuficiencia de recursos.

Chegadas a este punto, e ante a vulneración dun dereito tan básico, un grupo de veciñas decidimos ir até o concello na procura de solucións. Esta mañá preto dunha vintena de veciñas presentámonos na concellería de Fomento para falar con David Regades. O concelleiro non estaba para atender as nosas demandas e nos atendeu a súa secretaria.

Nun breve encontro explicámoslle que non aguantamos máis, que estamos nunha situación de extrema necesidade e fronte a iso esiximos respostas inmediatas. As nosas reivindicacións son ben sinxelas:

– fin dos cortes de auga para fogares sen recursos ou con baixos ingresos

– remunicipalización do servizo.

Para Aqualia e para o concello (Fomento e Benestar Social) o dereito a auga só existe para quen poida pagar as facturas. A empresa concesionaria fai negocio coas nosas necesidades a cambio de mercar dinosetos e dunhas cantas humanizacións. Mentres, para moitas de nós as billas fican sen auga ante a insuficiencia de recursos.

Seica pensan que imos ollar caladas e submisas, pero lonxe diso andamos a argallar saídas colectivas nas que seremos perseverantes.

Nin negocio coas nosas necesidades!

Abonda xa de cortes! Auga para todas!

Vigo, 15 abril 2016
+info: http://odscoia.arkipelagos.net/esiximos-respostas-aos-cortes-de-auga#sthash.ziIxxqUK.dpuf

A DIRECTORA XERAL DE XUVENTUDE RECOLLE AS IDEAS DOS MOZOS E MOZAS PARTICIPANTES NOS PROGRAMAS DE XUVENTUDE EN VIGO CO OBXECTIVO DE MELLORAR AS ACTUACIÓNS NO EIDO DA MOCIDADE

  • Cecilia Vázquez tamén se entrevistou con concelleiros de xuventude das comarcas de Baixo Miño, O Condado e A Paradanta para coordinar as políticas entre administracións

Vigo, 14 de abril de 2016.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, mantivo hoxe en Vigo unha xuntanza de traballo cos mozos e mozas que participaron ao longo de 2015 nos diferentes programas postos en marcha pola Dirección Xeral, entre eles, Iniciativa Xove, Voluntariado Xuvenil, Galeuropa ou Deseñando o teu futuro. O encontro tivo lugar na Delegación Territorial da Xunta na cidade, e nel participaron rapaces e rapazas procedentes das comarcas de Vigo, Baixo Miño, O Condado e A Paradanta.

Esta iniciativa ten como obxectivo recoller as súas conclusións á hora de participar nos diferentes programas, co fin de coñecer as súas suxestións, queixas ou dúbidas para recollelas e así poder mellorar as prestacións dos recursos que a Dirección Xeral programa para os mozos e mozas de Galicia. Cecilia Vázquez explicou na xuntanza que “estas reunións forman parte das accións de participación da mocidade nos temas do seu interese, xa que consideramos prioritario que tomen parte activa e se impliquen ao máximo nos plans de futuro e no desenvolvemento da programación desta administración”.

Ademais, Cecilia Vázquez tamén mantivo unha encontro con concelleiros de xuventude destas comarcas, co obxectivo de coordinar e mellorar as políticas de mocidade que se prestan de xeito conxunto entre os concellos e a administración autonómica, e de presentar a programación da Dirección Xeral para 2016.

Entre os meses de febreiro e abril, Cecilia Vázquez está a manter un total de 14 encontros con mozos e mozas de toda Galicia así como cos responsables de xuventude dos concellos. As xuntanzas xa se celebraron en Chantada, Lugo, Noia, Melide, Ferrol, A Coruña, Lalín, Vilagarcía, Pontevedra, Santiago, Ourense e Vigo e en vindeiras datas terán lugar en Betanzos e Carballo.

 

 

 

A DIRECCIÓN XERAL DE XUVENTUDE CELEBRA O I ENCONTRO DO PROXECTO MÓVETE DE DINAMIZACIÓN DO VOLUNTARIADO PARA NENOS E NENAS DE EDUCACIÓN PRIMARIA

  • Un total de 120 alumnos e alumnas presentaron os seus proxectos de voluntariado relacionados co desenvolvemento rural, a protección dos dereitos dos animais e o coñecemento da realidade social
  • Móvete constitúe a primeira formación dos máis novos nos valores asociados ao voluntariado. A medida que se avanza en idade, o itinerario continúa con Pasaporte Solidario, coa Rede de Centros Solidarios e co Servizo de Voluntariado Xuvenil

 

Santiago, 15 de abril de 2016.- Cento vinte alumnos dos CEIP de A Lomba (Vilagarcía de Arousa), Fontiñas (Santiago de Compostela) e Virxe de Cela (Monfero), participaron na Cidade da Cultura no I Encontro do Proxecto Móvete de dinamización do voluntariado entre o alumnado dos primeiros cursos de educación primaria.

 

Ao longo da mañá, as nenas e nenos participantes presentaron os proxectos de voluntariado que desenvolveron ao longo deste curso escolar, que tiveron como temática o desenvolvemento rural, a protección dos dereitos dos animais e o coñecemento da realidade social da contorna. O evento finalizou cun concerto de Paco Nogueiras, onde se interpretou o tema “Móvete”, himno oficial do proxecto.

 

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, que participou nesta iniciativa, afirmou que Móvete “pretende ser o instrumento primixenio para a primeira formación dos máis novos nos valores asociados ao voluntariado e á solidariedade dende un contexto lúdico e vinculado á música como elemento de motivación”.

 

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ofrece un itinerario de voluntariado integral e completo para todas as idades, de tal xeito que se inicia en Primaria con Móvete, segue con Pasaporte Solidario –dirixido a rapaces e rapazas de ata 12 anos-, continúa coa Rede de Centros Solidarios para estudantes de Secundaria, e complétase co Servizo de Voluntariado Xuvenil, que se prolonga ata os 30 anos.

 

 

 

 

REY VARELA DÁ CONTINUIDADE A ROLDA DE ENCONTROS COS ALCALDES GALEGOS PARA COORDINAR A ESTRATEXIA SOCIAL A NIVEL AUTONÓMICO E LOCAL

  • 12,00 h.-   O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, manterá un encontro co alcalde de O Grove, Jose Antonio Cacabelos Rico. No despacho do conselleiro.   foto xoán crespo 15/04/16

    12,00 h.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, manterá un encontro co alcalde de O Grove, Jose Antonio Cacabelos Rico. No despacho do conselleiro.
    foto xoán crespo
    15/04/16

    Salienta a importancia do incremento da ratio de atención do Servizo de Axuda no Fogar (81,51%) e da ratio de prazas públicas de escolas infantís (51,41%)

 

Santiago, 13 de abril de 2016.- A Consellería de Política Social, na figura do seu titular, José Manuel Rey Varela, dá continuidade a súa rolda de encontros cos representantes das institucións públicas de Galicia para coordinar a atención social dos cidadáns galegos. Nesta liña, o responsable da área social segue a manter xuntanzas cos alcaldes galegos para establecer, desde o consenso e a coordinación, as liñas de actuación social que beneficien a todos os cidadáns de Galicia.

 

A Xunta de Galicia adquire cos responsables das entidades locais o compromiso de acadar unha política social axeitada que se adapte as necesidades de cada municipio, co obxectivo de impulsar novas vías de colaboración social que melloren os servizos sociais. No día de hoxe, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, reuniuse co alcalde do concello pontevedrés de O Grove, José Antonio Cacabelos Rico.

 

Na xuntanza, que tivo lugar no despacho do conselleiro en San Caetano, ambos mandatarios salientaron a importancia do incremento de 70 horas do Servizo de Axuda no Fogar ata acadar unha ratio de atención do 81,51%. Do mesmo xeito subliñaron a ratio de prazas públicas de escolas infantís que chega xa ao 51,41%, por riba da taxa aconsellada pola Unión Europea. Conselleiro e alcalde departiron asemade acerca da posibilidade da construción dun futuro centro social no concello. Así tamén, o conselleiro de Política Social asegurou que a Xunta levará a cabo a reforma da escola infantil por un importe de 376.000 euros “en canto dispoñamos dos permisos municipais”.

REY VARELA MARCA COMO PRIORIDADES DA MOCIDADE A PREVENCIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO E O ACOSO NO DÍA EUROPEO DA INFORMACIÓN XUVENIL

  • 10,30 h.-   O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, inaugurará a xornada “Xuventude e igualdade”, organizada con motivo da conmemoración do Día Europeo da Información Xuvenil. No Salón de Actos do MUPEGA (Sán Lázaro, 107).  foto xoán crespo 15/04/16

    10,30 h.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, inaugurará a xornada “Xuventude e igualdade”, organizada con motivo da conmemoración do Día Europeo da Información Xuvenil. No Salón de Actos do MUPEGA (Sán Lázaro, 107).
    foto xoán crespo
    15/04/16

    “É o noso deber poñer á disposición da mocidade os elementos necesarios para unha mellor toma de decisións que faga posible a súa plena integración na sociedade”, destaca

  • Salienta a importancia da Rede de Información Xuvenil, “un servizo público de carácter gratuíto e de estrutura territorial que coordina as iniciativas promovidas tanto por organismos públicos como por entidades xuvenís”
  • Pola súa banda, a secretaria xeral de Igualdade apuntou que a mocidade constitúe un grupo especialmente vulnerable á violencia de xénero e onde aínda persisten condutas machistas

 

 

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2016.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, inaugurou da mañá de hoxe a xornada ‘Xuventude e Igualdade’ organizada pola Xunta de Galicia con motivo do Día Europeo da Información Xuvenil. Na súa intervención o responsable da área social marcou como unha prioridade “concienciar ás persoas que traballan coa mocidade sobre a importancia da información para a prevención da violencia de xénero e o acoso, dúas das lacras que a día de hoxe ameazan aos nosos mozos”. Neste sentido, o titular de Política Social asegurou que o Goberno galego apoiará aos rapaces “nun momento tan importante das súas vidas” e que sempre estará “ao seu carón para axudarlles a exercer a súa liberdade de elección”.

 

No transcurso do relatorio que tivo lugar no Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), o conselleiro subliñou a importancia dunha efeméride como o Día Europeo de Información Xuvenil co que se pretende concienciar sobre a necesidade do acceso á información de toda a xuventude. “É o noso deber poñer á disposición da mocidade os elementos necesarios para unha mellor toma de decisións que faga posible a súa plena integración na sociedade”, engadiu.

 

Ao fío desta idea salientou a importancia da Rede de Información Xuvenil, “un servizo público de carácter gratuíto e de estrutura territorial que coordina as iniciativas promovidas tanto por organismos públicos como por entidades xuvenís” e que conta con 248 oficinas locais de información xuvenil (OMIX); 12 Espazos Xove da Rede Galega de Centros de Xuventude dependentes da Dirección Xeral; os puntos de información xuvenil dependentes das Asociacións e entidades prestadoras de Servizos a Xuventude; así como 483 correspondentes xuvenís, que son estudantes voluntarios distribuídos en 83 antenas de información xuvenil. O conselleiro destacou a importancia do papel que cumpren estes correspondentes xuvenís que ademais de informar aos seus compañeiros de aula, amizades e coñecidos sobre convocatorias, recursos e programas xuvenís que poidan ser do seu interese recollen as suxestións dos mesmos para mellorar as iniciativas da Dirección Xeral de Xuventude e outras institucións públicas.

 

Pola súa banda, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella apuntou que a mocidade constitúe un grupo especialmente vulnerable á violencia de xénero. Abella lembrou que actualmente persisten condutas machistas na xuventude. Así, lamentou que un de cada tres mozos considera inevitable ou aceptable nalgunhas circunstancias “controlar os horarios da parella”, “impedir á parella que vexa á súa familia ou amizades”, “non permitir que a parella traballe ou estude” ou “dicirlle as cousas que pode ou non pode facer”. Para a secretaria xeral unha das claves para erradicar calquera forma de violencia, incluída a machista, reside na educación.

 

Abella destacou a importancia de loitar e non fraquear contra a violencia de xénero, “porque a xuventude de hoxe será a sociedade de mañá, e queremos que sexa unha sociedade construída sobre a liberdade, a tolerancia e o respecto; unha sociedade que faga fronte á submisión, á desigualdade e a violencia”, indicou.

 

Xuventude e Igualdade

A xornada sobre xuventude e igualdade está destinada a todas aquelas persoas que teñan contacto directo coa mocidade como poden ser informadores e técnicos de xuventude, técnicos dos Espazos Xove, dinamizadores xuvenís, titulados e estudantes do ciclo superior en Animación Sociocultural e Turística, entidades prestadoras de servizos á Xuventude.

 

O conselleiro de Política Social advertiu que “todas as administracións debemos implicarnos ao máximo en crear unha xuventude libre de violencia e acoso”. Deste xeito lembrou que, entre outras medidas, a Xunta de Galicia vén de incrementar neste 2016 nun 15% os orzamentos da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ata acdar os 9,4 millóns de euros.

ASAMPO destaca o crecente interese pola Pontevedrada, na que se rexistraron xa máis de 600 persoas

unnamedMáis de 600 persoas inscribíronse xa na VI edición da Pontevedrada, a marcha solidaria nocturna que convoca anualmente a Asociación de Amigos da Pontevedrada -ASAMPO- co obxectivo de concienciar á poboación sobre a importancia da doazón altruísta de sangue, órganos e tecidos. A organización presentou este mediodía no Concello de Pontevedra os detalles desta nova edición na que, como en ocasións anteriores, os participantes percorrerán de forma ininterrompida 63 km do Camiño de Santiago desde Pontevedra ata Compostela.Nesta VI edición, a Pontevedrada arrincará desde a praza da Ferrería o vindeiro sábado 30 de abril ás 20 h., coa participación de centos de «marchosos» solidarios procedentes, segundo os rexistros realizados ata hoxe, de Galicia, Cantabria, Castela-León, Cataluña, Madrid, Andalucía, A Rioxa, Aragón e de Portugal, Italia, Bélxica e Francia. «Quen participa na Pontevedrada son doantes e non doantes de diversas idades. Por suposto non é obrigatorio completar todo o percorrido, cada persoa ten o seu ritmo e todo o que vén faio coa ilusión de formar parte deste proxecto que busca que cada vez máis persoas sómense ao marabilloso movemento solidario da doazón, un acto altruísta que pode salvar moitas vidas», destacou durante a presentación Raúl Álvarez Salcedo, vicepresidente de ASAMPO.

 

A Escuela de Negocios convoca as súas Bolsas de Excelencia Académica para o vindeiro curso 2016-2017 Recibidos x

A Escuela de Negocios Afundación convoca as súas Bolsas de Excelencia Académica para o vindeiro curso 2016-2017 dirixidas a futuros alumnos de novo ingreso ao grao en Administración e Dirección de Empresas-BBA. A concesión destas axudas, cuxo obxectivo é premiar e incentivar a excelencia académica para facilitar, así, o acceso á formación de grao impartida pola escola, realizarase atendendo ao expediente académico e ás circunstancias económicas e familiares dos candidatos. Así, ofreceranse dúas bolsas polo 90% do custo total do curso e catro bolsas polo 50%, quedando excluídas destas as taxas oficiais da Universidade de Vigo e as taxas oficiais do dobre grao e outros cursos. Tanto a solicitude da bolsa como a solicitude de admisión ao programa poderán presentarse ata o día 30 de xuño, remitindo a documentación ao seguinte enderezo: Escuela de Negocios Afundación – Comité de Becas. Av. Madrid, 60. 36204 Vigo.

A XUNTA DE GALICIA PON EN MARCHA NA DELEGACIÓN TERRITORIAL DE VIGO O NOVO SERVIZO DE CITA PREVIA PARA AS OFICINAS DE REXISTRO

 15042016_ReunionCitaPrevia

  • Ignacio López-Chaves presentou esta mañá o novo servizo que comezará a funcionar o vindeiro luns día 18 nesta delegación territorial
  • Poderase reservar data e hora para presentar solicitudes, escritos ou documentos dirixidos ás Administracións públicas así como a compulsa de documentos
  • Todos os interesados en realizar estes trámites poderán facelo a través da páxina web da Xunta xunta.gal facendo click na pestana de Atendémolo
  • Unha vez teña a cita, o administrado terá que confirmar a súa chegada ao edificio no punto de información multimedia para validar a mesma e esperar a ser chamado
  • Pola oficina de Rexistro e Información da Delegación viguesa pasan unha media de 500 persoas ao día

Vigo, 15 de abril de 2016.- A Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), pon en marcha na Delegación Territorial de Vigo o novo servizo de cita previa para a súa oficina de Rexistro. Esta iniciativa, que arranca na delegación viguesa e se estenderá de xeito progresivo ás restantes oficinas de rexistro, enmárcase no Plan de Goberno de Administración e Goberno Dixital 2020.

 

Esta mañá, o delegado territorial da Administración autonómica na cidade, Ignacio López-Chaves, acompañado da xefa de sección da Amtega en Vigo, María Teresa González, presentou aos medios de comunicación o novo servizo e os pasos que as persoas interesadas teñen que levar a cabo para beneficiarse da cita previa.

 

Coma explicou, poderase reservar data e hora para presentar solicitudes, escritos ou documentos dirixidos ás Administracións Públicas así como a compulsa dos documentos que acompañen aos anteriores. “Ata o de agora as persoas tiñan que vir ata aquí e esperaban a súa quenda, a partires do luns van a poder facelo a través de internet e vir con hora fixada ao edificio”, comentou.

 

Para facelo, soamente hai que acceder á páxina web da Xunta www.xunta.gal e facer click na pestana de ´Atendémolo´ para seleccionar despois ´Cita Previa´. A partires de aí e unha vez que se dean todos os pasos, obterase un código co que o administrado acudirá á unidade de Rexistro do edificio vigués. Ademais, o interesado recibirá un SMS no seu móbil e un correo electrónico no que se lle facilitará a mesma información. Unha vez que o administrado se presente no edificio da Xunta, terá que acudir ao punto de información multimedia instalado na entrada do Rexistro e confirmar a súa chegada ao centro. Terá que inserir o código facilitado para validar a cita e logo esperar a ser chamado polas pantallas de información.

Coma valorou o delegado, este novo sistema supón “un gran avance” e unha “aposta” polas novas tecnoloxías “que van a beneficiar aos usuarios” xa que, coma explicou López-Chaves,  implica “a posibilidade de que se poida optar” a este sistema. “É un recurso opcional sobre todo para os profesionais pero tamén para os particulares”, matizou. De feito, nestes días mantivo unha reunión cos representantes dos colexios de avogados, economistas, graduados sociais, xestores administrativos e traballadores sociais para explicarlles o novo sistema porque “son os que máis o van a utilizar”, considerou.

 

Segundo as estatísticas do propio servizo, pola Oficina de Rexistro e Información da sede viguesa pasan ao redor dunha media de 500 persoas ao día. Neste senso, a atención ao usuario tras a implantación da cita previa será combinada. “Acoden moitos usuarios polo que vanse a combinar os dous sistemas: o actual sen cita previa e o novo”, dixo López-Chaves insistindo que “está aberto a todos os cidadáns” e que “somos os primeiros de Galicia que vamos a ter este sistema”. É por isto polo que agradeceu o “importante esforzo” que supuxo a súa implantación tanto para os traballadores da oficina como para os responsables da Amtega, encargados de deseñar este sistema para poñelo en marcha o vindeiro luns día 18.

 

Bombeiros/as de todo o país mobilizaranse este luns en Ourense contra a xestión privada do servizo

A manifestación, convocada pola Mesa Intersindical, sae do parque municipal ás 12.00 horas
O colectivo de bombeiros/as galegos/as percorrerá este luns 18 as principais rúas de Ourense para rexeitar a privatización do servizo e reclamar a xestión directa por parte das Administracións públicas. A manifestación, convocada pola Mesa Intersindical co apoio da Plataforma de Bombeiros Públicos e a Coordinadora Unitaria de Bombeiros Profesionais, arrincará ás 12.00 horas do parque municipal e rematará diante da sede da Deputación.
2016 04 18 MesaIntersindicalBombeirosManifaOurense

A mobilización, á que están chamados/as uns 900 profesionais tanto públicos como privados, foi acordada na xuntanza da Mesa Intersindical -da que fai parte a CIG- celebrada en Santiago o pasado 31 de marzo. A decisión adoptouse de xeito consenduado e por unanimidade tras comprobar a inquedanza que xera no sector a intención do Consorcio Provincial de Extinción de Incendios e Salvamento de Ourense de sacar a concurso a xestión dos parques de bombeiros/as do Carballiño, Verín, Xinzo eValdeorras. “Os tres últimos xa se atopan dirixidos por empresas privadas, mentres que o primeiro, logo de seren construído e dotado de vehículos e material con cartos públicos, preténdese poñer en funcionamento baixo xestión privada”, denuncian.

Dende a Mesa Intersindical lembran que o órgano de goberno do Consorcio Provincial está composto de xeito paritario pola Xunta de Galiza e pola Deputación de Ourense e sinalan que se ben é certo que o presidente provincial, Manuel Baltar, xa deixou claro o seu interese por continuar coa xestión privada do servizo público de bombeiros/as, a Vicepresidencia da Xunta está a ‘marear a perdiz’. “Por unha banda aseguran que non teñen inconvinte en valorar a proposta de rescate do servizo, e pola outra amosan claramente a súa postura en prol de deixar en mans privadas a xestión dos parques galegos”, critican.

Diante disto, decidiron de xeito consensuado e por unanimidade de todos/as os bombeiros/as asistentes convocar unha manifestación para amosar o seu rexeitamento a un modelo que supón a privatización dos parques. A marcha partirá do parque municipal ourensá ás 12.00 horas e rematará diante da sede da Deputación de Ourense.

A mobilización fai parte da campaña de protestas que o colectivo desenvolve baixo o lema “Rescátanos”para reclamar a xestión directa do servizo por parte das Administracións públicas, o que segundo os cálculos da Mesa Intersectorial permitiría un aforro de até un 30%. Na actualidade unicamente 1 de cada 3 parques está en mans públicas, o que supón que un total de 23 destas instalacións estean xestionadas por diferentes empresa privadas. Os arredor de 420 traballadores/as destes parques levan máis de dous anos en folga para denunciar esta situación.