MARCO: inauguración MÓNICA CABO /Ciclo Problemáticas

Mónica Cabounnamed

There Will Be a Sea Battle Tomorrow

PROBLEMÁTICAS. Artistas no relato incompleto

Ciclo de exposicións comisariado por Chus Martínez Domínguez

Datas     29 abril – 26 xuño 2016

Lugar     Anexo [vestíbulo principal]

Horario             Martes a sábados (festivos incluídos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00

Domingos, de 11.00 a 14.30

Produción         MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, en colaboración con

Coincidindo coa xornada inaugural, o venres 29 de abril ás 19.30 terá lugar no salón de actos unencontro-coloquio aberto ao público entre a artista Mónica Cabo e a comisaria Chus Martínez Domínguez.

 

PROBLEMÁTICAS. Artistas no relato incompleto

Ciclo de exposicións comisariado por Chus Martínez Domínguez

Lugar: Anexo (vestíbulo principal)

A partir do 29 de abril estréase un novo ciclo expositivo no Anexo do MARCO, un lugar que dende 2015 se convertiu en sala de proxectos. Seguindo un dos signos distintivos do MARCO, a liña de programación pon especial énfase na produción propia, tanto no que se refire ás obras en si —novas producións realizadas especificamente para este espazo— como ao comisariado —ciclos de exposicións con periodicidade anual. Nesta ocasión, e ao longo de 2016, a crítica de arte e comisaria Chus Martínez Domínguez presenta o ciclo ‘PROBLEMÁTICAS. Artistas no relato incompleto’.

Tomando como punto de partida as circunstancias e realidades problemáticas que se producen na interacción entre as artistas e o sistema da arte, este ciclo achega, a través de catro proxectos específicos, diferentes cuestións da teoría e a práctica artística, concretando as investigacións, conceptos e poéticas sobre as que xiran os traballos de cada unha das participantes.

Un programa articulado nas propostas de Mónica Cabo (Oviedo, 1978), Pascuala Campos de Michelena/Ana Gallego Palacios (Jaén, 1938/Cáceres, 1975), Xisela Franco (Vigo, 1978) eElena Blasco (Madrid, 1950), creadoras de distintas xeracións procedentes das artes visuais, a arquitectura e o audiovisual, que tecerán relatos e accións particulares arredor da representación, a identidade, a política e o territorio, desde unha perspectiva non exenta de humor e crítica, de subversión e memoria. Apenas algunhas cuestións dun longo discurso sobre o traballo das artistas que sempre parece disposto, ou imposto, nun estadio inacabado, en construción e reivindicado.

O Anexo do MARCO convértese na metáfora idónea dos espazos nos que demasiadas veces operan as creadoras; nas marxes, na resistencia, nos cantos do sistema. Este proxecto, non obstante, quere volver preguntar e insistir neses lugares, transformalos en relatos guionizados polas propias artistas, enfrontándose a eles como un escenario no que propor novas realidades, reaccionando fronte aquelas circunstancias que as limitan, condicionan e vulneran. Reflexións transversais en forma de accións dende unha actualidade na que a cuestión de xénero segue a ser problemática.

 

Mónica Cabo

There Will Be a Sea Battle Tomorrow

Mónica Cabo (Oviedo, 1978) fíxase na normalidade. Non en calquera; naquela que resulta perigosa pola súa formulación. A artista sospeita dos modos nos que codificamos, agrupamos e valoramos a vida. A súa e a do resto. Paradoxo sistemático co que achegarnos á realidade, sempre pescudando nela para reducir calquera forma de incerteza; etiquetando os nosos desexos, comportamentos e rutinas. Unha relación de compartimentos estancos favorecidos por unha escenografía que á artista lle resulta tan problemática como determinante e atractiva de cara á activación da arte.

As súas obras logran alcanzar ao espectador. Introdúceno nun xogo subversivo, para forzalo a encarar os seus conflitos lonxe da coherencia da súa experiencia no mundo, desembocando nunha nova perturbación. O proxecto específico para o MARCO propón unha tese estruturada ao redor de cuestións coincidentes en traballos anteriores —integradores de experiencias políticas e sociais, lúdicas, sexuais e identitarias— que, sen embargo, obrigan a interpretalas agora desde un lugar complementario.

There Will Be a Sea Battle Tomorrow toma o seu título dunha proposición de Aristóteles sobre o futuro continxente: “mañá haberá unha batalla naval/mañá non haberá unha batalla naval” ao partir do cal, a artista crea unha suxestiva paisaxe ao redor da idea de posibilidade. Deste modo, a ilusión volve coarse no seu traballo como concepto, pero nesta volta máis próxima á fatalidade. O Anexo anégase de necesidade pero nada nel é necesario. Articulan o espazo catro pezas que existen nunha eventualidade que actúa fóra, contra e desde cada obxecto. A escultura, unha bicicleta ensimesmada na súa duplicidade especular; o vídeo coa escena dun secador pendurado do seu cable que bate de lado a lado cando se activa; o andamio, instalado sobre pequenas peañas de madeira, serve de corpo para colgar un  pano de tea.

Catro obras coas que logra crear un presente accidental que increpa ao futuro. Certamente este acontecerá? A resposta semella angustiosamente lonxe, abstracta no circunstancial illamento das representacións; petando no ilóxico corpo da bicicleta, na repetición do imprevisible secador, na erótica do pano, na inactividade da estada, co fin de desencadear unha serie de asociacións en confrontación. Seres inquietantes, imperfectos, simbolicamente negros, irónicos co propio espazo. O relato asimílase desde a certeza e a simulación, quizais entendido como metáfora do sistema da arte. Tamén da propia artista autorretratada no desacougante vídeo Self Portrait (2013); traspoñendo o seu propio corpo pendurado dun fío, en risco.

A exposición alterna momentos de dinamismo e de quietude que sitúan ao público nun estado de ansiedade e de estrañeza fronte ao anómalo/descoñecido, coa inestabilidade e a tensión propias dunha acción que non existe máis alá do propio xesto en que se realiza: igual que acontece co sexo, co xénero, cunha discusión, co acto creativo. Mide estruturas ambiguas e imprevisibles. Pezas que inclúen un certo humor a situacións cotiás, que se ensaian e se representan para revelar a conexión de mundos distanciados, nas que a cuestión de xénero segue a ser o pano de fondo como metáfora política de calquera práctica xerada fóra da liña marcada como “normal”.

Esta mostra no MARCO será a súa sexta exposición individual. Na primeira delas, Ridy tu pley (Sala Alterarte, 2006) Mónica Cabo fixo unha declaración de intencións, advertindo que estaba preparada para xogar. Por sorte, desde aquela non parou de facelo. Ten contribuído de xeito excepcional a desenvolver un discurso activo e renovado nas artes visuais desde a perspectiva de xénero, tomando prestados os símbolos e procedementos da teoría queer. Situada desde e fronte o que está á marxe, nos bordos do lexitimado, do correcto, do bo e do homoxéneo. Da singularidade e talento do seu traballo é testemuña esta mostra.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: