A XUNTA DE GALICIA REMITE AO CONCELLO DE VIGO O CONVENIO PARA FORMALIZAR A SÚA ADHESIÓN AO TRANSPORTE METROPOLITANO
- O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e o director xeral de Administración Local, Alberto Pazos, lembraron esta mañá en rolda de prensa que é o trámite que falta tras aprobar a modificación do texto os 14 concellos
- Os dous representantes da Administración autonómica coincidiron en afirmar que se proceda “canto antes” a súa sinatura
Vigo, 02 de maio de 2016.- A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, ven de remitirlle ao Concello de Vigo o texto do convenio co que formalizar a súa adhesión ao Plan de Transporte Metropolitano.
O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e o director xeral de Administración Local, Alberto Pazos, compareceron esta mañá en rolda de prensa para informar deste asunto e dos trámites que faltan para continuar coa tramitación da modificación da Lei da Área Metropolitana de Vigo.
E coma ben lembraron ambos representantes da Administración autonómica, tras a aprobación da modificación do texto polos 14 concellos –o último foi Salceda de Caselas o pasado venres- despois do acordo pactado na reunión do 22 de febreiro, o segundo requisito rubricado pasaba pola incorporación de Vigo ao Transporte Metropolitano. “É polo que estamos a esperar”, sinalou López-Chaves, matizando que “soamente falta Caballero” para que se poida continuar coa tramitación da Lei. “Que ratifique a súa incorporación”, solicitoulle o delegado da Xunta. Na mesma liña se pronunciou o director xeral de Administración Local, quen lle pediu “celeridade” para que proceda “canto antes” a súa sinatura.
Con todo, Alberto Pazos amosou a súa “satisfacción” porque “por fin” os 14 concellos ratificaron de forma efectiva a modificación do texto tras chegar a un “amplísimo consenso” no encontro do pasado 22 de febreiro. Aínda así, lembrou que “tras cumprir” ese primeiro punto da “folla de ruta” pactada, agora estase “pendente” desa segunda parte que pasa pola incorporación de Vigo ao Transporte Metropolitano.
Deste xeito, e tendo en conta dito compromiso asumido polos 14 alcaldes no relativo á incorporación da cidade olívica ao Transporte, a Dirección Xeral de Mobilidade á vista dos últimos avances producidos na tramitación da Lei, decidiu remitir hoxe mesmo o texto do convenio co Concello de Vigo para proceder a súa aprobación polo órgano municipal correspondente.