Archive | mayo 10, 2016

Este sábado en Vigo | Presentación do libro disco «As andanzas de Paio» dos vigueses Oviravai

Un libro disco para nenos e nenas con vocación viaxeira

O grupo vigués Oviravai presenta este sábado, día 14, ás 18h, na Casa do Libro de Vigo o seu primeiro traballo, As andanzas de Paiounnamed

Paio, un teixugo viaxeiro que percorre medio mundo vivindo as máis emocionantes aventuras, é o protagonista de As andanzas de Paio, o primeiro libro-disco do novo grupo vigués Oviravai que se presenta este sábado ás 18h na Casa do Libro de Vigo.

Paio, que xa conquistou ao público vigués hai unhas semanas cun concerto no Auditorio e que acaba de chegar de arrasar en Bos Aires, percorre lugares tan remotos como Madagascar, Canadá, China ou o mesmo fondo do océano, onde coñece a unha boa morea de novos amigos. De regreso á granxa na que se atopa a súa teixugueira, cóntalles e cántalles a todos os animais as peripecias que vén de experimentar na súa particular andaina.

As andanzas de Paio inclúe ademais un conto que acompaña os temas musicais, cunha clara vocación instrutiva. Complétase esta faceta coa incorporación dunha Paiopedia final, na que se desenvolven algúns dos termos e conceptos tratados ao longo do libro.

O grupo Oviravai, de recente creación, é o responsable deste novo álbum no que se fusionan diferentes ritmos e estilos musicais. Laura Iglesias, Verónica Santalices, David Álvarez e Federico Welicki, integrantes da banda, son os autores das letras, músicas e ilustracións de As andanzas de Paio, un libro-disco ateigado de sorpresas e descubrimentos.

#ChequeSocial 2016, o goberno municipal continúa apostando polo asistencialismo

O pasado venres 6 de maio o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicaba as bases do programa municipal de «Axudas extraordinarias a familias para gastos de aloxamento, subministros e alimentación», o que na cidade coñecemos como «Cheque Social». Até o 31 de maio podense presentar as solicitudes perante o Concello de Vigo.

Será a cuarta edición dunha convocatoria que este ano perde 400.000 € en relación á convocatoria de 2015 que deste modo cualificabamos: «restritiva, miserenta e insuficiente». Malia teren aprobados os orzamentos dende finais de 2015, Abel Caballero tarda medio ano en convocar unhas axudas que están dirixidas a cubrir necesidades básicas como: vivenda, alimentación, luz ou gas.

Estes días teremos que aturar declaracións de Caballero nas que volverá a espallar as «bondades» da súas políticas sociais, polo que non queremos desaproveitar a ocasión para sinalar a un dos grandes beneficiados destas políticas, non é outro que Florentino Pérez. Sen facer cola, sen agardar meses mete no peto -a través de CLECE, unha das empresas do seu emporio- máis de 5 millóns de euros, o que é o mesmo, a metade do orzamento para 2016 para políticas sociais en Vigo.

Achegamos as bases desta convocatoria nas que aparecen o modelo de solicitude > http://odscoia.arkipelagos.net/sites/odscoia.arkipelagos.net/files/cheque%20social%202016.pdf

+info: http://odscoia.arkipelagos.net/chequesocial-2016-o-goberno-municipal-contin%C3%BAa-apostando-polo-asistencialismo#sthash.PMJCASHp.dpuf

CORRIXIMOS! As nosas necesidades leváronnos a desbotar un trámite que aínda falta para que poidamos presentar as solicitudes do Cheque Social, até finais de mes non se abrirá o prazo para solicitar ditas axudas. Désculpade o erro 😉

Fica pendente o extracto que segundo informan no 010 atrasará a presentación das solicitudes até finais de mes. O goberno municipal semella que non ten os apuros que teñen os miles de fogares da cidade que sofren o paro, a precariedade e a miseria máis crúa.

«Moito Conto» no Carballiño

redrum

 

Na nosa páxina web podedes acceder a toda a información do espectáculo:

www.redrumproducciones.wix.com/moito_conto

Este domingo 15 de maio, o Auditorio Municipal do Carballiño, acollerá, a partir das 12.00 h, a representación do espectáculo Moito Conto, da compañía de teatro Redrum.

Producida co apoio da Xunta de Galicia, SOGAMA e o Inega, Moito Conto é unha adaptación do coñecido conto Hansel&Gretel en clave de comedia musical que trata de educar e concienciar en valores de respecto ao medio ambiente e hábitos alimenticios saudables. Está protagonizada por Mónica García, Guillermo Carbajo e Tamara Canosa, caras coñecidas polo gran público por ser protagonistas de distintas series da Televisión de Galicia.

A dirección vai a cargo de Alex Sampayo, director tamén coñecido polo seu traballo no sector audiovisual, no que ten dirixido series como El Internado ou Padre Casares. Neste momento vén de presentar en varios festivais de todo o mundo a súa ópera prima Schimbare, unha película protagonizada por Candela Peña e Luis Zahera.

A compañía compostelá Redrum estreou este espectáculo no 2011 no Salón Teatro de Santiago e dende entón non parou de xirar por teatros de toda Galicia cun enorme éxito de público e crítica.

Vai dirixido a público familiar a partires dos 5 anos e as entradas, a un prezo único de 5 euros, poden adquirirse no propio Auditorio desde unha hora antes de que comece a representación.