REY VARELA DEFENDE A COORDINACIÓN E COLABORACIÓN ENTRE AS ADMINISTRACIÓNS AUTONÓMICA, ESTATAL E EUROPEA PARA ABORDAR A CUESTIÓN DEMOGRÁFICA
O responsable da área social do Goberno galego sinalou que “reverter a situación demográfica actual é un auténtico obxectivo de país e unha das tarefas fundamentais de goberno”, xa que “dende a Xunta queremos debuxar un pobo galego con máis nenos, maior esperanza de vida e unha pirámide de poboación renovada”, engadiu
- Na súa intervención, Rey Varela deu conta de actuacións e medidas que a Xunta de Galicia está a desenvolver de maneira transversal neste campo, como o Plan de Dinamización Demográfica de Galicia ou o Plan Estratéxico Rexional de Galicia 2015-2020
- Asemade, referiuse a intervencións de dinamización demográfica que se están a impulsar dende a Consellería de Política Social como a Tarxeta Benvida, as deducións fiscais por nacemento ou adopción, a exención de pago nas escolas infantís para o segundo fillo, o incremento das prazas na rede autonómica de escolas infantís, as Casas Niño no rural, o Bono Concilia, o Bono Coidado ou a incorporación da flexibilidade do horario laboral e o teletraballo na función pública galega
- O conselleiro tamén destacou que Galicia liderará o vindeiro mes de xuño o Foro de Rexións Españolas con Desafíos Demográficos (FREDD), do que forman parte oito Comunidades Autónomas con balances demográficos negativos e que ten por obxectivo “poñer en común experiencias e, en base ao consenso e a coordinación, avanzar fronte ao gran desafío común que supón a cuestión demográfica”, dixo.
Santiago, 10 de maio de 2016.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, valorou hoxe a situación demográfica como “un reto de presente, pero sobre todo de futuro”, que non é exclusivo desta Comunidade Autónoma senón que afecta ao conxunto de España e a outras rexións europeas. Así o fixo na inauguración da xornada titulada “O futuro demográfico, a debate” organizada polo Consello Económico e Social de Galicia (CES) e o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e que se celebrou no Salón de Plenos do CES Galicia. “Reverter a situación demográfica actual é un auténtico obxectivo de país e unha das tarefas fundamentais de goberno”, xa que “dende a Xunta queremos debuxar un pobo galego con máis nenos, maior esperanza de vida e unha pirámide de poboación renovada”, engadiu.
Na súa intervención, o titular da carteira autonómica de Política Social avogou polo consenso, o diálogo e a coordinación entre institucións para abordar a cuestión demográfica, insistindo en que “cómpre que as administracións autonómica, estatal e europea avancemos xuntas da man porque é unha cuestión que nos afecta de maneira conxunta”. E, ao fío disto, sinalou que as actuacións que se leven a cabo neste eido deben ter percorrido a medio e longo prazo, posto que “temos que ser conscientes de que ningún plan ou intervención é a solución e que a situación actual non se superará nun ano”.
Ao respecto, Rey Varela asegurou que a Xunta de Galicia ten asumido o obxectivo de cambiar a tendencia demográfica de maneira transversal, e sinalou as accións e medidas que nos últimos anos se teñen levado a cabo dende o Goberno autonómico. Entre outras referiuse ao Plan de Dinamización Demográfica de Galicia e ao Plan Estratéxico Rexional de Galicia 2015-2020, que aposta por implantar un paquete integral de medidas de revitalización demográfica co obxectivo de que a Comunidade se achegue progresivamente á media de fillos por muller da Unión Europea, que é de 1,59.
Asemade, o conselleiro enumerou outras medidas de dinamización demográfica impulsadas dende a área de Política Social como a Tarxeta Benvida, as deducións fiscais por nacemento ou adopción, a exención de pago nas escolas infantís para o segundo fillo, o incremento das prazas públicas e das financiadas con fondos públicos na rede autonómica de escolas infantís, a posta en marcha das Casas Niño no rural, o Bono Coidado e o Bono Concilia ou a incorporación da flexibilidade do horario laboral e do teletraballo na función pública galega. Estas e outras medidas, explicou Rey Varela, forman parte do Programa de Apoio á Natalidade (PAN Galicia) a través do que “destinamos máis recursos e servizos que nunca para que este país sexa un lugar mellor para ter fillos pero, sobre todo, o mellor lugar posible para ser neno ou nena”, apuntou.
Actuacións con outras rexións
Así mesmo, Rey Varela lembrou que a partir do vindeiro mes de xuño Galicia liderará o Foro de Rexións Españolas con Desafíos Demográficos (FREDD) do que forman parte oito Comunidades Autónomas que presentan balances demográficos negativos: Galicia, Castilla La Mancha, Castilla y León, Extremadura, Asturias, Aragón, Cantabria y La Rioja. Ao respecto desta convocatoria, o responsable da área social do Goberno galego manifestou que a finalidade da mesma “é poñer en común experiencias e, en base ao consenso e a coordinación, avanzar fronte ao gran desafío común que supón para todas estas Comunidades a cuestión demográfica”.
Por último, o conselleiro deu conta da nova medida aprobada o mes pasado polo Consello da Xunta neste ámbito: a próxima creación do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica como centro de referencia a nivel rexional e iniciativa pioneira no Estado. Este observatorio funcionará como un órgano colexiado de consulta, colaboración e participación para o estudo e análise permanente da realidade demográfica de Galicia, así como para o asesoramento aos poderes públicos da Comunidade Autónoma en relación coas políticas de dinamización demográfica.