A XUNTA DE GALICIA MANTÉN ABERTO ATA O VINDEIRO DÍA 30 DE MAIO O PRAZO PARA SOLICITAR O BONO CONCILIA

  • A Coruña A Directora Xeral de Infancia Amparo Gonzalez presenta o Bono Concilia 12/05/2016 Foto: Moncho Fuentes / AGN A Coruña

    A Coruña
    A Directora Xeral de Infancia Amparo Gonzalez presenta o Bono Concilia
    12/05/2016
    Foto: Moncho Fuentes / AGN A Coruña

    Esta axuda consiste nunha cantidade mensual que irá dende os 45 euros aos 250 euros por un período de tempo máximo de 11 meses. A contía da mesma dependerá da renda per cápita da unidade familiar, así como da xornada e dos servizos que se soliciten

  • Unha das principais novidades da convocatoria deste ano é a posibilidade de concesión do Bono Concilia ás persoas solicitantes que obtiveran unha praza pública e o horario demandado non coincide co de apertura da escola infantil porque ambos proxenitores traballan en quendas de tarde ou en quendas rotativas
  • O Goberno galego incrementou en máis dun 105% a partida económica destinada este ano ao Bono Concilia con respecto á convocatoria do pasado exercicio, alcanzando un orzamento global de preto de 3,5 millóns de euros
  • O obxectivo desta medida é ampliar o número de prazas de 0 a 3 anos sostidas con fondos públicos para así ir eliminando as listas de agarda
  • O Bono Concilia insírese nun paquete de medidas máis amplo de apoio á infancia e á familia, así como para a dinamización demográfica: o Programa de Apoio á Natalidade (PAN Galicia)

 

A Coruña, 12 de maio de 2016.- As familias cuxos fillos ou fillas non dispoñan de praza en nunha escola infantil pública téndoa solicitada, o horario demandado por estas non coincida co de apertura da escola infantil ou se modifiquen as condicións en que a praza foi concedida, son considerados solicitantes do bono concilia sen necesidade de presentar nova solicitude. Aquelas que residan en concellos sen escolas de 0 a 3 anos sostidas con fondos públicos e as que foron beneficiarias da axuda no curso 2015/2016, poden solicitar o Bono Concilia ata o vindeiro día 30 de maio. A Consellería de Política Social mantén aberto o prazo para demandar esta axuda económica dirixa aos pais e nais galegos e que consiste nunha cantidade mensual que irá dende os 45 euros aos 250 euros para contribuír ao pago do importe da praza nunha escola infantil non sostida con fondos públicos por un período de tempo máximo de 11 meses.

 

Así o explicou hoxe a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González Méndez, nunha comparecencia ante os medios de comunicación que tivo lugar na delegación territorial da Xunta de Galicia na Coruña, continuando así coa rolda de visitas ás catro provincias galegas iniciada por esta responsable autonómica co obxectivo de dar a coñecer o Bono Concilia e que xa a levou a Pontevedra e Vigo. Amparo González destacou que “con esta medida imos ampliar a oferta de prazas sostidas con fondos públicos para nenos e nenas menores de tres anos coa intención de ir eliminando as listas de agarda na rede autonómica de escolas infantís de 0 a 3 anos”. Con este obxectivo, a partida económica destinada este ano 2016 ao Bono Concilia incrementouse en máis dun 105% con respecto á convocatoria do exercicio anterior, alcanzando un orzamento global de preto de 3,5 millóns de euros.

 

Na rolda de prensa, a directora xeral informou de que os requisitos para beneficiarse do Bono Concilia pasan porque a familia resida en Galicia, con fillos e fillas menores de 3 anos a 31 de decembro de 2016 e teñan solicitado praza nunha escola infantil sostida con fondos públicos para o vindeiro curso 2016-2017 exercendo a opción de Bono Concilia e estean nunha das seguintes situacións: quedar en lista de espera; obter praza pero que o horario demandado non coincida coa apertura da escola infantil porque ambos proxenitores traballan en quenda de tarde ou en quendas rotativas; obter a praza e que se modifiquen considerablemente as condicións en que esta foi concedida; ademais  poden solicitar esta axuda aquelas familias que se teñan beneficiado da axuda do programa cheque infantil no actual curso escolar e pedir a súa renovación ao abeiro da orde do Bono Concilia; así como aquelas que residan en concellos onde non existan escolas infantís para nenos e nenas entre os 0 e os 3 anos sostidas con fondos públicos.

 

A contía da axuda, que se outorgará por un período máximo de 11 meses,  estará en función da renda per cápita da unidade familiar, así como da xornada e dos servizos que se soliciten. Así as cousas, as cantidades a percibir polas familias oscilarán entre os 250 euros mensuais para unha praza en réxime de xornada completa con servizo de comedor para as rendas máis baixas e os 45 euros mensuais para as rendas máis altas.

 

Novidades da convocatoria e prazos

Ademais de destinar maiores recursos económicos que en anos anteriores, a nova orde do Bono Concilia recolle outras melloras que teñen por finalidade que se podan beneficiar desta axuda o maior número de pais e nais. Entre estas novidades destaca a posibilidade de concesión do Bono Concilia ás persoas solicitantes que obtiveran unha praza pública e o horario demandado non coincide co de apertura da escola infantil porque ambos proxenitores traballan en quendas de tarde ou en quendas rotativas ou a posibilidade de que aquelas familias que residan en concellos onde non existan escolas 0-3 sostidas con fondos públicos poidan presentar solicitudes fóra do prazo establecido nesta orde cando nelas se produza un nacemento, acollemento ou adopción con posterioridade a finalización do dito prazo.

 

Así mesmo, a actual convocatoria favorece o dereito á escolarización de irmáns ou irmás no mesmo centro xa que as familias que teñan un fillo ou filla que renova a axuda e á súa vez obteñan praza pública para un irmán (tendo marcada  a opción do Bono Concilia) daráselles directamente a posibilidade de optar ao dito bono para que poidan escolarizar a todos os fillos no mesmo centro.

 

O prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro día 30 de maio. Unha vez notificada a resolución de concesión, as persoas beneficiarias dispoñen dun prazo de quince días naturais para presentar na xefatura territorial da Consellería de Política Social o xustificante de matrícula do centro onde vai acudir a nena ou o neno e a declaración de ter percibido ou non outras axudas para este mesmo fin.

 

Apoio integral á familia e á infancia

O Bono Concilia forma parte dun ambicioso paquete de medidas que está a desenvolver a Consellería de Política Social no eido do apoio ás familias e á infancia: o Programa de Apoio á Natalidade (PAN Galicia), que abrangue axudas directas, accións para o fomento da conciliación e servizos e que tamén ten como obxectivo favorecer a dinamización demográfica.

 

Así, outras medidas incluídas no PAN Galicia e que son complementarias entre elas son: a Tarxeta Benvida; as dedución fiscais por nacemento ou adopción; a exención de pago nas escolas infantís para o segundo fillo e sucesivos; o incremento das prazas na rede pública de escolas infantís; a posta en marcha de Casas Niño no rural; o Bono Coidado ou a incorporación da flexibilidade do horario laboral e o teletraballo na función pública galega.

 

Precisamente, na súa intervención a directora xeral fixo especial fincapé na importancia que teñen as escolas infantís como recurso educativo e para permitir a verdadeira conciliación da  vida familiar e laboral. Neste sentido, o vindeiro curso escolar 2016-2017 Galicia contará con máis de 22.300 prazas públicas ou financiadas con fondos públicos en escolas infantís. Isto supón un aumento de catro puntos da cobertura deste servizo que chegará a máis do 37%, o que sitúa á Comunidade Autónoma por riba da media aconsellada pola Unión Europea.

 

 

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: