REY VARELA ASINA OS CONVENIOS PARA ORGANIZACIÓN DOS CAMPOS DE TRABALLO 2016 NA PROVINCIA DE LUGO COMO DINAMIZADORES DA VIDA XUVENIL NOS CONCELLOS GALEGOS

  • Asináronse acordos cos concellos de Folgoso do Courel, Pantón, Quiroga e Xermade. Ademais, na provincia de Lugo terán lugar outros Campos de traballo xestionados directamente pola Dirección Xeral en Portomarín e Becerreá
  • O titular autonómico afirmou que esta oferta é unha excelente ferramenta de educación non formal para a mocidade que engloba experiencias de participación, de voluntariado e de mobilidade
  • Este ano, os mozos e mozas galegos dispoñen de 575 prazas para participar nos Campos de traballo, das que 120 son para Campos noutras comunidades autónomas, 250 para Campos en 34 países de Europa, Asia, África e América e 205 para Campos en Galicia

 

Lugo, 12 de maio de 2016.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e pola delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, asinou na mañá de hoxe os convenios que permitirán a organización dos Campos de traballo 2016 na provincia de Lugo aos que definiu como “unha excelente ferramenta de educación non formal para a mocidade, xa que engloban experiencias de participación, de voluntariado e de mobilidade”. Concretamente, a Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu a firma dos acordos cos concellos de Folgoso do Courel, Pantón, Quiroga e Xermade. Ademais, na provincia de Lugo terán lugar outros Campos de traballo xestionados directamente pola Dirección Xeral en Portomarín e Becerreá. O conselleiro agradeceu a presenza dos alcaldes dos concellos lucenses que “comparten a preocupación conxunta de ofertar actividades para os mozos de entre 18 e 30 anos o que axuda a dinamizar a vida xuvenil dos concellos galegos”.

 

O responsable de Política Social asegurou que estes campos de traballo “son accións voluntarias, que os mozos e mozas realizan de xeito altruísta e solidario, poñendo o seu gran de area para mellorar a nosa sociedade”. Rey Varela destacou tamén que os campos promoven a participación e implicación da xuventude na sociedade, afondando en materias que  do seu interese e abríndolles novos camiños para a súa realización persoal.

 

Con respecto á mobilidade, o conselleiro dixo que era un dos valores fundamentais promovido por estes campos, xa que “ofrecen aos rapaces e rapazas a oportunidade de tomar parte en campos doutras comunidades axudando ao desenvolvemento de valores de convivencia, tolerancia ou o traballo en equipo”.

 

Catro convenios para catro campos de traballo

Os convenios asinados hoxe permitirán levar a cabo os campos de traballo nos concellos lucenses de Folgoso do Courel, Pantón, Quiroga e Xermade. Todos estes campos son de carácter internacional, para mozos e mozas de entre 18 e 30 anos e cada un conta con 20 prazas.

 

En Folgoso do Courel levarase a cabo un campo medioambiental e arqueolóxico do 14 ao 25 de xullo. Os voluntarios coñecerán a historia do concello e dos lugares onde se vai traballar. Ademais realizarán actividades de limpeza e acondicionamento da zona e do Castro da Torre, revisión e mellora das rutas, intervención arqueolóxica do Castro da Torre e conservación e mellora do contorno do Castro.

 

En Pantón organizarase un campo cultural do 2 ao 16 de agosto. As actividades que desenvolverán os mozos e mozas participantes consistirán na limpeza e acondicionamento exterior da Rota do Románico a través da intervención dos seus monumentos, acondicionamento de diferentes espazos urbanos a través de murais ou graffitis, posta en valor da Rota do Románico coa participación na organización da XXIX Xornada da Rota Románica de Pantón e visualización de dita Rota coas novas tecnoloxías.

 

O campo de Quiroga centrarase na arqueoloxía entre os días 1 e 12 de agosto.Os participantes revisarán a documentación existente sobre o castelo de Novaes para coñecer máis datos sobre a súa historia e analizarán o estado no que se atopa o mesmo. Ademais realizarán un estudo sobre a difusión do Camiño de Inverno no mundo.

 

En Xermade tamén se levará a cabo un campo arqueolóxico entre o 5 e 16 de xullo e os mozos e mozas limparán os arredores da neveira e baleirarán a mesma que contén pezas de cantería.

 

24 campos de traballo nas catro provincias galegas

Os mozos e mozas galegos poderán escoller entre participar nos campos de traballo que se organizan en Galicia, ou ben ir aos que se celebran noutras comunidades españolas ou en 34 países de Europa, Asia, África e América.

 

A Consellería de Política Social organiza un total de 24 campos de traballo na comunidade galega nos meses de verán, que ademais dos concellos lucenses de Folgoso do Courel, Portomarín, Becerreá, Pantón, Quiroga e Xermade, celebraranse nos municipios coruñeses de Outes, A Laracha, Ponteceso, Boqueixón, Rois, Betanzos, Curtis, Vedra, Ribeira e Coirós, nos concellos ourensáns de Muíños, Celanova, Vilamarín, Ourense e A Peroxa, así como nos municipios da provincia de Pontevedra como as Illas Cíes (4 quendas), Cotobade e Vilanova de Arousa.

 

Este ano os mozos e mozas galegos dispoñen de 575 prazas para participar nos Campos de traballo. Destas prazas, 120 son para Campos noutras comunidades autónomas, 250 para Campos en 34 países de Europa, Asia, África e América e 205 para Campos en Galicia. Con estes datos, Galicia é a comunidade española con máis prazas en campos de traballo. O pasado ano, Galicia organizou o 34% dos campos de traballo internacionais que se celebraron en toda España, segundo o balance remitido polo Injuve ás comunidades autónomas.

 

Os campos de traballo enmárcanse dentro da Campaña de Verán 2016 que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Esta campaña é a máis inclusiva e importante dos últimos anos no que se refire a número de prazas ofertadas. En total, son 9.046 as prazas que se ofrecen, o que significa incrementar nun 6% as prazas dispoñibles no ano pasado.

 

Ademais destes campos, a campaña de verán inclúe albergues, campamentos e actividades de ocio e tempo libre para a mocidade. A Consellería de Política Social destina un orzamento de 2,6 millóns de euros a esta campaña.

 

Cómpre destacar que, outro dos aspectos positivos da campaña está no impulso ao emprego que leva aparellada. Grazas ao desenvolvemento destas actividades, as empresas de ocio e tempo libre de Galicia darán traballo a máis de 900 monitores/as e directores/as de campamentos.

 

Os interesados e interesadas nesta campaña, xa poden consultar toda a información relativa á mesma en http://xuventude.xunta.es.

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: