O concelleiro de Deportes fai entrega de material asignado pola Deputación de Pontevedra a clubes deportivos do Porriño
O alcalde accidental e concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, fixo entrega este venres, aos clubes que fixeron a correspondente solicitude, do material deportivo asignado pola Deputación de Pontevedra a entidades deportivas e clubes federados radicados en concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes.
As entidades que recibiron o devandito material foron a Asociación Cultural Deportiva de Atios, o Porriño Baloncesto Base e o Porriño Industrial Club de Fútbol que, dacordo coas bases aprobadas hai meses pola Deputación, solicitaron o mesmo cumprindo a regulamentación.
Manuel Carrera entregou á Asociación Cultural de Atios un total de 50 balóns de fútbol, 60 petos e dúas redes. Pola súa banda, o Porriño Baloncesto Base recibiu 20 balóns de baloncesto, 10 bandas elásticas, 20 conos, 20 cordas de salto, 20 esteiras, 40 petos, 20 picas e 10 redes. Por último, o Porriño Industrial recolleu 50 balóns, 20 conos, 60 petos, 30 picas e 4 redes de fútbol.
O DIRECTOR XERAL DE INCLUSIÓN SOCIAL VISITA O CURSO DE CESTERÍA NA ALDEA DO COUTO EN PONTECESO (A CORUÑA) QUE TEN COMO OBXECTIVO PRINCIPAL LOITAR CONTRA A EXCLUSIÓN TERRITORIAL
- O desenvolvemento deste curso axuda a que esta ocupación se constitúa como actividade laboral e económica para a poboación con dificultade de acceso ao mercado de traballo, xa que hai que destacar que a maioría dos participantes son parados de longa duración ou en risco de exclusión laboral
Ponteceso (A Coruña), 13 de maio de 2016.- O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado Puente, visitou hoxe a aldea de O Couto, en Ponteceso, para coñecer o desenvolvemento do curso de cestería que se está a impartir desde o mes de marzo baixo a dirección da Fundación Eduardo Pondal e coa colaboración da Dirección Xeral de Inclusión Social.
O curso forma parte dun proxecto máis amplo denominado ‘Facer Aldea’, que ten como obxectivo principal o de loitar contra a posible exclusión territorial de determinadas áreas, maiormente rurais, como resultado do declive demográfico e o envellecemento poboacional. Moitas das aldeas do territorio da Comunidade Autónoma, como é o caso da aldea do Couto, están a quedar abandonadas polo que é imprescindible atopar algún xeito de reducir o número de aldeas que sofren ese proceso procurando fórmulas para atallar os efectos da crise demográfica.
A Xunta traballa en facer viables desde o punto de vista social e económico os territorios en declive demográfico e crear as condicións para que as persoas poidan permanecer ou retornar a estes espazos. Como parte deste obxectivo xurde a necesidade de identificar oportunidades socio laborais baseadas nas novas potencialidades económicas do territorio. Algunha destas oportunidades están vinculadas ao mantemento de oficios tradicionais e artesanía propia da zona.
A cestería constitúe unha actividade tradicional na aldea do Couto, en risco de desaparecer pola falta de relevo xeracional entre os seus habitantes. O desenvolvemento dun curso de cestería axuda a que esta ocupación se constitúa como actividade laboral e económica para a poboación con dificultade de acceso ao mercado de traballo, xa que hai que destacar que a maioría dos participantes son parados de longa duración ou en risco de exclusión laboral.
O Teatro Afundación de Vigo acolle o concerto presentación do novo disco de Manu Escudero
O Teatro Afundación de Vigo acolle o vindeiro sábado, 21 de maio ás 20.00 h, o concerto presentación de «Caminando», o segundo álbum do cantautor vigués Manu Escudero. Este novo traballo recolle 12 cancións que falan de diversas realidades actuais, de experiencias persoais e convidan a mirar ao noso ao redor con outros ollos, pero, sobre todo, a non quedar parados e a seguir camiñando nun mundo no que queda moito por cambiar. Ademais, coa canción Algo raro se mueve, incluída no cd, o músico quixo sumarse á celebración do ano mundial das enfermidades raras, dedicándolla dunha maneira especial á Asociación Galega de Fibrose Quística e a fundación AdELA. As entradas para o concerto poden adquirirse na web de Ataquilla.com ou no teléfono 902 504 500.
Afundación celebra con actividades interxeracionais e para escolares o Mes das Letras
A Fundación Galicia Obra Social (Afundación) súmase á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao escritor Manuel María, co seu Mes das Letras, co que se ofrecen actividades para escolares e de carácter interxeracional durante todo este mes de maio co obxectivo de achegar a vida e obra de Manuel María a grandes e pequenos. Así, a área educativa da entidade desenvolveu un completo programa para escolares que se compón de dúas actividades principais: «Conta contos: Os coloridos bigotes de Mimí», dirixida a nenos e nenas desde infantil a terceiro de primaria e «Ilustrando poemas a Manuel María», dirixida a escolares de cuarto de primaria a bacharelato e ciclos formativos. Ademais, escolares e maiores tamén participarán en diferentes actividades interxeracionais, entre elas, teatro lido, actuacións do coro ou lectura de poemas, que se desenvolverán nas sedes de Santiago de Compostela, Pontevedra, Ourense, Ferrol, Vigo e no Centro de Maiores de Monforte.
A Escuela de Negocios de ieside imparte un «Programa especializado en Mindful Stress Management»
A Escuela de Negocios Afundación de ieside presenta un novo programa especializado dirixido a profesionais do sector financeiro e comercial que terá lugar do 23 de maio ao 12 de xullo na Coruña e Vigo. O «Programa especializado en Mindful Stress Management» impartirase todos os luns de 19.00 a 21.30 h e o sábado 2 de xullo de 9.00 a 15.00 h, para A Coruña, e todos os martes de 19.00 a 21.30 h e o sábado 25 de xuño de 9.00 a 15.00 h, para Vigo. O curso, dun total de nove sesións, terá lugar nos campus de ambas as cidades. As inscricións poden realizarse en Business Program.
: Milleiros de persoas mobilízanse en Vigo para reclamar o rescate da sanidade e a xestión pública do hospital Álvaro Cunqueiro

A mobilización, que percorreu as principais rúas do centro da cidade, partiu da Praza dos Cabalos arredor das 20.00 horas e rematou na Porta do Sol, onde o xornalista vigués Eduardo Rolland foi o encargado de ler o manifesto final. Unha faixa da Xunta de Persoal co lema “Pola sanidade pública” abría unha marcha na que se berraron as tradicionais consignas: “A privatización é corrupción”, “Sanidade pública e de calidade”, “Vigo é a tumba do PP” ou “Queremos un hospital e non un centro comercial”.
A continuación da faixa de cabeceira, representantes da plataforma SOS Sanidade Pública -integrada por numerosos colectivos sindicais, políticos e sociais, entre eles a CIG- camiñaban portando unha faixa na que se podía ler “Paremos o desmantelamento da sanidade pública na área de Vigo”.
Ao remate da marcha, xa na Porta do Sol, reclamouse a berros a demisión do xerente da EOXI e deuse lectura ao manifesto conxunto no que se incidía no feito de que os recortes introducidos no proxecto inicial do novo hospital da cidade “acentuaron os déficit sanitarios que levamos padecendo dende hai xa demasiados anos”. Segundo denuncian, con estes recortes, a Xunta do PP renunciou a crear un complexo hospitalario de referencia estratéxica para o sur de Galiza que equilibrase a oferta sanitaria do país.
Ao mesmo tempo, alertan de que a redución de camas no centro médico agravará aínda máis a situación asistencial e unhas listas de espera inaceptábeis: as camas de hospitalización do Álvaro Cunqueiro pasaron de 1450 a 845 e tamén se reduciron no Nicolás Peña. En definitiva, das máis de 2000 camas previstas para o Chuvi haberá finalmente 1260. “Os recortes converteron o novo hospital nunha gran superficie comercial incapaz de satisfacer as necesidades de atención especializada da cidadanía”, critican.
Deterioro da Atención Primaria
Outro dos aspectos que se recollen no manifesto ten que ver co deterioro da Atención Primaria a causa da mala planificación na asignación territorial dos centros de saúde e pola paralización do Plan de Mellora de Atención Primaria. “Esta situación xera unha importante saturación asistencial dado que máis do 50% dos centros de saúde teñen máis de 35.000 tarxetas sanitarias individuais, mentres que a escaseza no equipamento de recursos diagnósticos e terapéuticos reduce a súa capacidade resolutiva”.
Fronte a isto, consideran que a reordenación da área sanitaria debera basearse na integración de todos os recursos asistenciais para evitar a fragmentación e descoordinación entre centros, servizos e niveis asistenciais, así como na creación de novos recursos para completar unha oferta asistencial racional e axustada ás necesidades e ao volume de poboación.
“O peche de centros, as limitacións do novo hospital e a necesidade de completar a oferta asistencial precisan de novos espazos sanitarios na área, polo que se deberan utilizar os que quedaron baleiros no Xeral tras o traslado de recursos ao Cunqueiro”. Lembran que os Anexos I e II están en bo estado de conservación e foron reformados e ampliados hai pouco, polo que non se precisaría grandes investimentos para a súa posta en marcha.
“A boa noticia, diante desta desfeita, é que é posíbel rescatar a nosa sanidade pública se todos/as decidimos facelo posíbel”, sosteñen. Neste senso, consideran que se podería reintegrar o novo hospital ao sistema sanitario público en base ás irregularidades da Lei de Contratos do Estado e da lexislación europea sobre colaboración público-privada.
Para logralo, esixen a creación dunha comisión integrada por todos os sectores implicados (Xunta de Persoal, responsábeis dos servizos asistenciais, persoal sanitario, técnicos/as da Consellería de Sanidade, Comisión de Participación da Área e Concello de Vigo) para avaliar os problemas e deficiencias do edificio, accesos e servizos asistenciais e de apoio, e para elaborar un Plan de Recuperación do Centro a curto e medio prazo, segundo o previsto no Plan Funcional.