O DIRECTOR XERAL DE INCLUSIÓN SOCIAL VISITA O CURSO DE CESTERÍA NA ALDEA DO COUTO EN PONTECESO (A CORUÑA) QUE TEN COMO OBXECTIVO PRINCIPAL LOITAR CONTRA A EXCLUSIÓN TERRITORIAL
- O desenvolvemento deste curso axuda a que esta ocupación se constitúa como actividade laboral e económica para a poboación con dificultade de acceso ao mercado de traballo, xa que hai que destacar que a maioría dos participantes son parados de longa duración ou en risco de exclusión laboral
Ponteceso (A Coruña), 13 de maio de 2016.- O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado Puente, visitou hoxe a aldea de O Couto, en Ponteceso, para coñecer o desenvolvemento do curso de cestería que se está a impartir desde o mes de marzo baixo a dirección da Fundación Eduardo Pondal e coa colaboración da Dirección Xeral de Inclusión Social.
O curso forma parte dun proxecto máis amplo denominado ‘Facer Aldea’, que ten como obxectivo principal o de loitar contra a posible exclusión territorial de determinadas áreas, maiormente rurais, como resultado do declive demográfico e o envellecemento poboacional. Moitas das aldeas do territorio da Comunidade Autónoma, como é o caso da aldea do Couto, están a quedar abandonadas polo que é imprescindible atopar algún xeito de reducir o número de aldeas que sofren ese proceso procurando fórmulas para atallar os efectos da crise demográfica.
A Xunta traballa en facer viables desde o punto de vista social e económico os territorios en declive demográfico e crear as condicións para que as persoas poidan permanecer ou retornar a estes espazos. Como parte deste obxectivo xurde a necesidade de identificar oportunidades socio laborais baseadas nas novas potencialidades económicas do territorio. Algunha destas oportunidades están vinculadas ao mantemento de oficios tradicionais e artesanía propia da zona.
A cestería constitúe unha actividade tradicional na aldea do Couto, en risco de desaparecer pola falta de relevo xeracional entre os seus habitantes. O desenvolvemento dun curso de cestería axuda a que esta ocupación se constitúa como actividade laboral e económica para a poboación con dificultade de acceso ao mercado de traballo, xa que hai que destacar que a maioría dos participantes son parados de longa duración ou en risco de exclusión laboral.