O DIARIO OFICIAL DE GALICIA PUBLICA A ORDE POLA QUE SE INCREMENTA ATA 200 EUROS O BONO DE ALUGUEIRO SOCIAL
- O Bono mensual pasa de 150 a 200 euros nas sete grandes cidades e a 175 euros nas principais vilas
- Tamén se incrementa de 450 a 600 a axuda única que se concede para os gastos derivados da formalización de novos contratos de alugueiro ou para o pago de atrasos
- Finalmente, tamén se poderán beneficiar desta axuda os usuarios adheridos ao programa Aluga que cumpran os requisitos
Santiago, 20 de maio de 2016.- A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o incremento de en ata 200 euros mensuais o importe do Bono de Aluguer Social, segundo establece a Orde que tamén establece modificacións no referido aos colectivos que poden beneficiarse destas axudas. No seguinte enlace pódense consultar todos os datos: http://goo.gl/XUH26H.
Esta medida foi aprobada polo Consello da Xunta do día 4 deste mesmo mes de maio.
En concreto, o importe mensual do Bono de Aluguer pasará dos 150 euros actuais a 200 nos concellos da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. Nestes municipios, os beneficiarios do Bono poderán alugar vivendas cunha renda máxima de 400 euros.
Asemade, o importe do Bono incrementase ata 175 euros mensuais nos concellos de Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culleredo, Fene, Melide, Mugardos, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada e Teo. Burela, Cervo, Chantada, Foz, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba, Viveiro, Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia. A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. Nestes municipios o importe máximo mensual do alugueiro non poderá sobrepasar os 350 euros.
No resto de concellos o importe do Bono de Aluguer Social será de 150 euros mensuais e o importe do alugueiro non poderá superar os 330 euros mensuais.
Máis beneficiarios
A Orde publicada hoxe no DOG tamén amplía os posibles beneficiarios do Bono de Alugueiro Social, incorporando a aquelas persoas que, tendo sido beneficiarias do Programa Aluga, rematasen o período de desfrute desta subvención dentro dos nove meses anteriores á data da presentación da súa solicitude de subvención do programa do Bono Alugueiro Social e acrediten non ter capacidade económica para o pago da vivenda.
Estes solicitantes deberán cumprir dous requisitos:
- Que non se lles interpuxese unha demanda por danos causados na vivenda alugada incorporada ao programa Aluga.
- Que non teñan débedas derivadas de subministracións da vivenda alugada no marco do Programa Aluga por un período superior aos dous meses.
Este novo colectivo vénse sumar aos que xa podían acceder a estas axudas, que eran os seguintes:
- As persoas que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa vivenda por estar inmersas en situacións de especial dificultade que determinaron a interposición pola persoa arrendadora dunha demanda de desafiuzamento por non pagamento das rendas ou que se ditara unha resolución xudicial nun procedemento de similar natureza.
- As vítimas de violencia de xénero con dificultades para asumir o custe do arrendamento dunha vivenda e que no a momento da solicitude se atopen residindo nun recurso de acollida dos integrados na rede galega de acollemento para este colectivo e adscritos a unha administración pública.
- As unidades de convivencia con dificultades para asumir o custe do arrendamento dunha vivenda e que foran privados da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc.
Axuda complementaria
Finalmente, a devandita Orde incrementa de 450 a 600 euros o importe da axuda única que se concede para os gastos derivados da formalización de novos contratos de alugueiro ou para o pago de atrasos no caso de permanecer na vivenda obxecto do procedemento xudicial de desafiuzamento.
A convocatoria de axudas, realizadas pola Orde do 23 de decembro de 2015, ten un importe total de 4,025 millóns de euros. As solicitudes poden presentarse ata o 30 de novembro de 2016, salvo que o crédito se esgote previamente.
A axuda mensual concédese por un período de 12 meses ampliable por outros 12. O IGVS revisará e aplicará estas melloras ás persoas que xa perciben o Bono de Alugueiro Social ao abeiro da actual convocatoria.
A XUNTA LICITA AS OBRAS DE RENOVACIÓN DA DRENAXE NA ESTRADA PO-552, AO SEU PASO POLO CONCELLO DE OIA, POR UN IMPORTE DE PRETO DE 122.000 EUROS
- As actuacións centraranse na optimización do sistema de drenaxe
transversal no PK 30+500, así como a recuperación do dominio público hidráulico do Río Seco, co obxectivo de minimizar o risco de inundacións e afeccións á estrada
- Os traballos consistirán na execución dun novo marco de tamaño superior baixo a estrada e unha canle que teña suficiente capacidade de desaugue no caso de arrastre de material
- O prazo de execución destes traballos é de dous meses aproximadamente
Santiago, 20 de maio de 2016.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación das obras de renovación da drenaxe na estrada Vigo- Tui (PO-552), ao seu paso polo Concello de Oia, por un importe de preto de 122.000 euros.
As empresas interesadas na realización destas actuacións poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 15 de xuño. O prazo de execución destes traballos é de dous meses aproximadamente. No seguinte enlace pode consultarse máis información sobre o anuncio que hoxe publica o DOG: http://goo.gl/WbBTQe
As actuacións centraranse na mellora do sistema de drenaxe transversal da estrada PO-552 no PK. 30+500, así como a recuperación do dominio público hidráulico do Río Seco, co obxectivo de minimizar o risco de inundacións e afeccións á estrada existente.
Os traballos consistirán na execución dun novo marco de tamaño superior baixo a estrada e unha canle que teña suficiente capacidade de desaugue no caso de arrastre de material. Así, construirase unha nova obra de drenaxe transversal que substitúa á existente, cun trazado de planta adaptado ao leito orixinal do río, coa fin de recuperar o dominio público hidráulico.
No seguinte plano amósase o treito da estrada PO-552 obxecto das actuacións de mellora que a Xunta de Galicia licita hoxe.
ONE BEAUTIFUL DAY CONFIRMA SUS HORARIOS
|
O Teatro Afundación de Vigo acolle mañá o concerto presentación do novo disco de Manu Escudero
O Teatro Afundación de Vigo acolle mañá sábado, 21 de maio ás 20.00 h, o concerto presentación de «Caminando», o segundo álbum do cantautor vigués Manu Escudero. Este novo traballo recolle 12 cancións que falan de diversas realidades actuais, de experiencias persoais e convidan a mirar ao noso ao redor con outros ollos, pero, sobre todo, a non quedar parados e a seguir camiñando nun mundo no que queda moito por cambiar. Ademais, coa canción Algo raro se mueve, incluída no cd, o músico quixo sumarse á celebración do ano mundial das enfermidades raras, dedicándolla dunha maneira especial á Asociación Galega de Fibrose Quística e a fundación AdELA. As entradas para o concerto poden adquirirse na web de Ataquilla.com ou no teléfono 902 504 500.
Venres 20 maio estrea video #AugaParaTodas
A auga é un dereito básico. O acceso a este servizo, a este ben, non deberia estar en mans de empresas privadas, que especulan e que non garanten que persoas sen recursos vivan situacións terribeis como a do corte deste subministro.
O venres 20 de maio ás 12 da maña estreamos un video no que falamos con afectadas polos cortes de auga en Vigo, coa Oficina de Dereitos Sociais de Coia, e na que escoitaremos tamén aos responsábeis da empresa Aqualia, que xestiona o acceso ao dereito básico da auga no concello de Vigo.
Queremos escoitar outras voces, visibilizar o que acontece na cidade de Vigo, onde os dinosetos sairon gratis porque foi Aqualia quen os pagou, ademais de se facer cargo de humanizacións de ruas, e onde non existe un protocolo para aquelas persoas que non poden pagar as facturas da auga.
Mañá coa estrea desta peza lanzaremos o hastag #augaparatodas porque é un dereito e porque queremos que rematen os cortes de auga.

A XUNTA REITERA A NECESIDADE DE QUE OS CONCELLOS DA CORUÑA, VIGO E SANTIAGO ACHEGUEN AS SÚAS PRIORIDADES DE RUTAS PARA PODER AVANZAR NA COORDINACIÓN AEROPORTUARIA
- Os municipios comprometéronse hoxe a remitir antes do mes de maio a información relativa ás axudas actuais ás rutas e facer chegar as súas prioridades a Aena antes do 15 de xuño
- Unha vez realizado o estudo técnico por parte de Aena convocaranse aos interesados a una nova reunión
Santiago, 19 de maio de 2016.- A Xunta de Galicia reiterou hoxe a necesidade de que os concellos da Coruña, Santiago e Vigo acheguen propostas e prioridades de rutas para as súas terminais, co fin de poder avanzar na coordinación aeroportuaria na Comunidade autónoma galega. Así o trasladou a directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, na xuntanza do grupo de traballo sobre esta materia que se celebrou esta mañá na Coruña e no que estiveron tamén representados Aena, o Ministerio de Fomento e os Concellos da Coruña, Santiago e Vigo.
Nesa xuntanza, os concellos adquiriron o compromiso de remitir á Xunta de Galicia a información sobre as rutas que actualmente se apoian con fondos públicos antes de que remate este mes de maio e, xa antes do 15 de xuño, trasladar a Aena as liñas que consideran prioritarias ou de interese para a súa terminal. Así, una vez realizado o estudo técnico por parte de Aena convocarase aos interesados a una nova reunión, coa finalidade de trazar un mapa de consenso ao longo deste ano.
O CONSELLEIRO DE POLÍTICA CONTINÚA COA SÚA ROLDA DE ENCONTROS COS ALCALDES GALEGOS PARA COORDINAR A ESTRATEXIA SOCIAL A NIVEL AUTONÓMICO E LOCAL
- Alcaldesa e conselleiro destacan o 100% da ratio de atención do Servizo de Axuda no Fogar e estudan novas vías de colaboración na residencia de maiores
Santiago, 18 de maio de 2016.- A Consellería de Política Social, na figura do seu titular, José Manuel Rey Varela, continúa coa súa rolda de encontros cos representantes das institucións públicas de Galicia para coordinar a atención social dos cidadáns galegos.
O responsable da área social continúa a manter encontros de traballos periódicos cos rexedores para establecer, desde o consenso e a coordinación, as liñas de actuación social que beneficien a todos os cidadáns de Galicia a través da optimización dos recursos locais e autonómicos. A Xunta de Galicia e as entidades locais adquiren o compromiso de acadar unha política social axeitada que se adapte as necesidades de cada municipio. No día de hoxe, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo un encontro de traballo co alcaldesa do municipio ourensán de Parada de Sil, Yolanda Jácome Rodríguez.
Na xuntanza, ambos mandatarios salientaron a importancia do 100% da ratio da atención do Servizo de Axuda no Fogar que este ano mantén as súas horas acadando un total de 3.696 horas anuais. Ademais, alcaldesa e conselleiro estudaron as posibilidades de colaboración na atención a maiores, nomeadamente, na residencia xeriátrica Luces do Sil.
Rexeitan a declaración de Vigo como zona de grande afluencia turística porque permitiría ampliar a liberalización de horarios
Os tres responsábeis sindicais compareceron esta mañá diante dos dos medios de comunicación no local da UGT na cidade para trasladar publicamente a súa oposición a que Vigo sexa declarada como zona de grande afluencia turística (ZGAT), o que permitiría a liberalización dos horarios comercias. Entenden que esta medida, que é posíbel tras a aprobación por parte da Xunta dun real decreto que modifica a lei 1/2004 de horarios comerciais, iría en detrimento do pequeno e mediano comercio e beneficiaría unicamente as grandes superficies e multinacionais.
Neste senso, denuncian que xa teñen amosado o seu rexeitamento a unha normativa que se demostrou negativa tanto para o emprego no sector comercial, permitindo a precarización das súas condicións laborais, como para o pequeno e mediano tecido comercial local. “Tivemos xuntanzas con representantes do sector no que constatamos este extremo, ademais de comprobar que non existe consenso sobre a proposta do Concello”.
Unicamente o casco histórico
Diante disto, entenden que a único ámbito do termo municipal que podería ser declarado como ZGAT, pola súa “proximidade a áreas portuarias nas que operen cruceiros e rexistren unha afluencia significativa de visitantes” (artigo 5.4.g. da lei 1/2004), é o casco histórico do centro da cidade, no treito correspondente á área interior do perímetro que describen as confluencias das rúas Cánovas del Castillo, Carral, Porta do Sol, Elduayen, San Xulián, Perigos, Anguía e Real.
Dentro desta superficie non existe ningunha grande área comercial, unicamente negocios de menos de 300 metros cadrados, que en virtude la lei de comercio autonómica xa poden establecer os horarios que consideren oportunos.
Consideran que ningunha outra zona da ciade cumpre os requisitos legais establecidos para a declaración de ZGAT, ademais de que suporía un grave prexuízo económico e competitivo ao pequeno e mediano comercio “que constitúe o groso do noso tecido comercial, ameazando a continuidade da súa actividade e o mantemento do emprego”.
Así, adiantan a convocatoria de mobilizacións no caso de que finalmente se opte por incluír o ámbito onde se ubica o centro comercial A Laxe e anuncian que a primeira das protestas podería ser este mesmo luns diante do Concello, cando está previsto que o Goberno local entregue a proposta aos distintos grupos municipais antes da aprobación definitiva no pleno do vindeiro día 30.
A CONSELLEIRO DE POLÍTICA SOCIAL ASISTIRÁ AO CONGRESO GALEGO DE VOLUNTARIADO NO QUE PARTICIPARÁN ENTIDADES DE ACCIÓN VOLUNTARIA E INSTITUCIÓNS EDUCATIVAS
- Celebrarase o vindeiro venres 20 de maio no Centro de Innovación e Servizos de Galicia en Ferrol
Santiago, 19 de maio de 2016.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela asistirá ao Congreso Galego de Voluntariado que se celebrará este venres día 20 de maio no Centro de Innovación e Servizos de Galicia en Ferrol e no que se darán cita a administración autonómica, as entidades de acción voluntaria e as institucións educativas, así como persoas voluntarias e técnicos de promoción e xestión do voluntariado.
O obxectivo desta xornada é dar visibilidade ás experiencias e boas prácticas relacionadas con diferentes tipos de acción voluntaria e promocionar a labor das persoas e das entidades que realizan accións de voluntariado. Para elo, levaranse a cabo diferentes actividades como o visionado da curtametraxe “Vida” que trata o mundo das persoas con capacidades distintas; ou como a presentación do Proxecto de voluntariado miúdo “Móvete” na que participarán o CEIP A Lomba (Vilagarcía de Arousa), CPI Virxe da Cela (Monfero) e CEIP das Fontiñas (Santiago de Compostela). Así mesmo, o congreso contará con dous espazos interactivos: un no que se poderán coñecer os proxectos solidarios e de acción voluntaria máis relevantes e outro no que se os e as participantes desenvolverán un traballo a prol da solidariedade a través de diferentes formatos creativos.
O Congreso dará comezo ás 10:30 horas coa conferencia “As ferramentas do Voluntariado” a cargo do doutor en Socioloxía César García- Rincón de Castro.
REY VARELA ASINA OS CONVENIOS PARA ORGANIZACIÓN DOS CAMPOS DE TRABALLO 2016 NA PROVINCIA DE OURENSE COMO UNHA EXCELENTE FERRAMENTA DE EDUCACIÓN NON FORMAL PARA A MOCIDADE
Asináronse acordos cos concellos de Ourense e Celanova. Ademais, na provincia terán lugar outros Campos de traballo xestionados directamente pola Dirección Xeral en Muíños, Vilamarín e A Peroxa
- O titular autonómico afirmou que esta oferta é unha excelente ferramenta de educación non formal para a mocidade que engloba experiencias de participación, de voluntariado e de mobilidade
- Este ano, os mozos e mozas galegos dispoñen de 575 prazas para participar nos Campos de traballo, das que 120 son para Campos noutras comunidades autónomas, 250 para Campos en 34 países de Europa, Asia, África e América e 205 para Campos en Galicia
Ourense, 19 de maio de 2016.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e pola delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, María Sol Díaz, asinou os convenios que permitirán a organización dos Campos de traballo 2016 na provincia de Ourense aos que definiu como “unha excelente ferramenta de educación non formal para a mocidade, xa que engloban experiencias de participación, de voluntariado e de mobilidade”. Concretamente, a Delegación Territorial da Xunta en dita provincia acolleu a firma dos acordos cos concellos Ourense e Celanova. Ademais, na provincia terán lugar outros Campos de traballo xestionados directamente pola Dirección Xeral en Muíños, Vilamarín e A Peroxa. O conselleiro agradeceu a presenza dos alcaldes dos concellos ourensáns que “comparten a preocupación conxunta de ofertar actividades para os mozos de entre 18 e 30 anos o que axuda a dinamizar a vida xuvenil dos concellos galegos”.
O responsable de Política Social asegurou que estes campos de traballo “son accións voluntarias, que os mozos e mozas realizan de xeito altruísta e solidario, poñendo o seu gran de area para mellorar a nosa sociedade”. Rey Varela destacou tamén que os campos promoven a participación e implicación da xuventude na sociedade, afondando en materias que do seu interese e abríndolles novos camiños para a súa realización persoal.
Con respecto á mobilidade, o conselleiro dixo que era un dos valores fundamentais promovido por estes campos, xa que “ofrecen aos rapaces e rapazas a oportunidade de tomar parte en campos doutras comunidades axudando ao desenvolvemento de valores de convivencia, tolerancia ou o traballo en equipo”.
Os convenios asinados hoxe permitirán levar a cabo os campos de traballo nos concellos Ourense e Celanova. Ambos campos son de carácter internacional, para mozos e mozas de entre 18 e 30 anos e contan con 20 e 25 prazas respectivamente.
En Ourense levarase a cabo un campo medioambiental e social do 1 ao 11 de agosto. As actividades que desenvolverán os mozos e mozas participantes consistirán no acondicionamento de terreos para uso agroecolóxico, dotación de elementos de apoio como a construción dun pequeno pendello para almacenaxe, deseño de hortas, plantación de verduras de outono- inverno e formación e asesoramento na comercialización de produtos agrícolas.
En Celanova organizarase un campo cultural do 15 ao 26 de xullo, no que o alumnado participará de forma prácticas en obradoiros de formación sobre as distintas disciplinas que se conxungan para poder levar a cabo un audiovisual, dende a redacción do guión ata, incluso, os principios da interpretación, pasando loxicamente pola produción, a rodaxe ou a posprodución entre outros procesos dunha curta, dun documental, un anuncio publicitario, animación por stop-motion, etc.
24 campos de traballo nas catro provincias galegas
Os mozos e mozas galegos poderán escoller entre participar nos campos de traballo que se organizan en Galicia, ou ben ir aos que se celebran noutras comunidades españolas ou en 34 países de Europa, Asia, África e América.
A Consellería de Política Social organiza un total de 24 campos de traballo na comunidade galega nos meses de verán, que ademais dos concellos ourensáns de Celanova, Ourense, Muíños, Vilamarín e A Peroxa, celebraranse nos municipios lucenses de Folgoso do Courel, Portomarín, Becerreá, Pantón, Quiroga e Xermade, nos concellos coruñeses de Outes, A Laracha, Ponteceso, Boqueixón, Rois, Betanzos, Curtis, Vedra, Ribeira e Coirós, así como nos municipios da provincia de Pontevedra como as Illas Cíes (4 quendas), Cotobade e Vilanova de Arousa.
Este ano os mozos e mozas galegos dispoñen de 575 prazas para participar nos Campos de traballo. Destas prazas, 120 son para Campos noutras comunidades autónomas, 250 para Campos en 34 países de Europa, Asia, África e América e 205 para Campos en Galicia. Con estes datos, Galicia é a comunidade española con máis prazas en campos de traballo. O pasado ano, Galicia organizou o 34% dos campos de traballo internacionais que se celebraron en toda España, segundo o balance remitido polo Injuve ás comunidades autónomas.
Os campos de traballo enmárcanse dentro da Campaña de Verán 2016 que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Esta campaña é a máis inclusiva e importante dos últimos anos no que se refire a número de prazas ofertadas. En total, son 9.046 as prazas que se ofrecen, o que significa incrementar nun 6% as prazas dispoñibles no ano pasado.
Ademais destes campos, a campaña de verán inclúe albergues, campamentos e actividades de ocio e tempo libre para a mocidade. A Consellería de Política Social destina un orzamento de 2,6 millóns de euros a esta campaña.
Cómpre destacar que, outro dos aspectos positivos da campaña está no impulso ao emprego que leva aparellada. Grazas ao desenvolvemento destas actividades, as empresas de ocio e tempo libre de Galicia darán traballo a máis de 900 monitores/as e directores/as de campamentos.
Os interesados e interesadas nesta campaña, xa poden consultar toda a información relativa á mesma en http://xuventude.xunta.es.