REY VARELA ASINA OS CONVENIOS PARA ORGANIZACIÓN DOS CAMPOS DE TRABALLO 2016 NA PROVINCIA DE OURENSE COMO UNHA EXCELENTE FERRAMENTA DE EDUCACIÓN NON FORMAL PARA A MOCIDADE

  • DSC_0270Asináronse acordos cos concellos de Ourense e Celanova. Ademais, na provincia terán lugar outros Campos de traballo xestionados directamente pola Dirección Xeral en Muíños, Vilamarín e A Peroxa
  • O titular autonómico afirmou que esta oferta é unha excelente ferramenta de educación non formal para a mocidade que engloba experiencias de participación, de voluntariado e de mobilidade
  • Este ano, os mozos e mozas galegos dispoñen de 575 prazas para participar nos Campos de traballo, das que 120 son para Campos noutras comunidades autónomas, 250 para Campos en 34 países de Europa, Asia, África e América e 205 para Campos en Galicia

 

Ourense, 19 de maio de 2016.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e pola delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, María Sol Díaz, asinou os convenios que permitirán a organización dos Campos de traballo 2016 na provincia de Ourense aos que definiu como “unha excelente ferramenta de educación non formal para a mocidade, xa que engloban experiencias de participación, de voluntariado e de mobilidade”. Concretamente, a Delegación Territorial da Xunta en dita provincia acolleu a firma dos acordos cos concellos Ourense e Celanova. Ademais, na provincia terán lugar outros Campos de traballo xestionados directamente pola Dirección Xeral en Muíños, Vilamarín e A Peroxa. O conselleiro agradeceu a presenza dos alcaldes dos concellos ourensáns que “comparten a preocupación conxunta de ofertar actividades para os mozos de entre 18 e 30 anos o que axuda a dinamizar a vida xuvenil dos concellos galegos”.

 

O responsable de Política Social asegurou que estes campos de traballo “son accións voluntarias, que os mozos e mozas realizan de xeito altruísta e solidario, poñendo o seu gran de area para mellorar a nosa sociedade”. Rey Varela destacou tamén que os campos promoven a participación e implicación da xuventude na sociedade, afondando en materias que  do seu interese e abríndolles novos camiños para a súa realización persoal.

 

Con respecto á mobilidade, o conselleiro dixo que era un dos valores fundamentais promovido por estes campos, xa que “ofrecen aos rapaces e rapazas a oportunidade de tomar parte en campos doutras comunidades axudando ao desenvolvemento de valores de convivencia, tolerancia ou o traballo en equipo”.

Os convenios asinados hoxe permitirán levar a cabo os campos de traballo nos concellos Ourense e Celanova. Ambos campos son de carácter internacional, para mozos e mozas de entre 18 e 30 anos e contan con 20 e 25 prazas respectivamente.

 

En Ourense levarase a cabo un campo medioambiental e social do 1 ao 11 de agosto. As actividades que desenvolverán os mozos e mozas participantes consistirán no acondicionamento de terreos para uso agroecolóxico, dotación de elementos de apoio como a construción dun pequeno pendello para almacenaxe, deseño de hortas, plantación de verduras de outono- inverno e formación e asesoramento na comercialización de produtos agrícolas.

 

En Celanova organizarase un campo cultural do 15 ao 26 de xullo, no que o alumnado participará de forma prácticas en obradoiros de formación sobre as distintas disciplinas que se conxungan para poder levar a cabo un audiovisual, dende a redacción do guión ata, incluso, os principios da interpretación, pasando loxicamente pola produción, a rodaxe ou a posprodución entre outros procesos dunha curta, dun documental, un anuncio publicitario, animación por stop-motion, etc.

 

24 campos de traballo nas catro provincias galegas

Os mozos e mozas galegos poderán escoller entre participar nos campos de traballo que se organizan en Galicia, ou ben ir aos que se celebran noutras comunidades españolas ou en 34 países de Europa, Asia, África e América.

 

A Consellería de Política Social organiza un total de 24 campos de traballo na comunidade galega nos meses de verán, que ademais dos concellos ourensáns de Celanova, Ourense, Muíños, Vilamarín e A Peroxa, celebraranse nos municipios lucenses de Folgoso do Courel, Portomarín, Becerreá, Pantón, Quiroga e Xermade, nos concellos coruñeses de Outes, A Laracha, Ponteceso, Boqueixón, Rois, Betanzos, Curtis, Vedra, Ribeira e Coirós, así como nos municipios da provincia de Pontevedra como as Illas Cíes (4 quendas), Cotobade e Vilanova de Arousa.

 

Este ano os mozos e mozas galegos dispoñen de 575 prazas para participar nos Campos de traballo. Destas prazas, 120 son para Campos noutras comunidades autónomas, 250 para Campos en 34 países de Europa, Asia, África e América e 205 para Campos en Galicia. Con estes datos, Galicia é a comunidade española con máis prazas en campos de traballo. O pasado ano, Galicia organizou o 34% dos campos de traballo internacionais que se celebraron en toda España, segundo o balance remitido polo Injuve ás comunidades autónomas.

 

Os campos de traballo enmárcanse dentro da Campaña de Verán 2016 que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Esta campaña é a máis inclusiva e importante dos últimos anos no que se refire a número de prazas ofertadas. En total, son 9.046 as prazas que se ofrecen, o que significa incrementar nun 6% as prazas dispoñibles no ano pasado.

 

Ademais destes campos, a campaña de verán inclúe albergues, campamentos e actividades de ocio e tempo libre para a mocidade. A Consellería de Política Social destina un orzamento de 2,6 millóns de euros a esta campaña.

 

Cómpre destacar que, outro dos aspectos positivos da campaña está no impulso ao emprego que leva aparellada. Grazas ao desenvolvemento destas actividades, as empresas de ocio e tempo libre de Galicia darán traballo a máis de 900 monitores/as e directores/as de campamentos.

 

Os interesados e interesadas nesta campaña, xa poden consultar toda a información relativa á mesma en http://xuventude.xunta.es.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: