Archive | mayo 21, 2016

REY VARELA PRESIDE A INAUGURACIÓN DO II ENCONTRO NACIONAL DE MOZOS DOWN DE ESPAÑA AO QUE DEFINE COMO “UNHA OCASIÓN INMELLORABLE PARA QUE TODOS MEDREMOS COMO PERSOAS”

  • Apunta que neste 2016, a Xunta de Galicia vén de aumentar nun 10% a contía do convenio coa Federación Down Galicia ata os 446.838 euros
  • Sinala que por primeira vez persoas con síndrome de Down están a realizar prácticas  formativas na administración autonómica ao abeiro dun proxecto piloto de realización de actividades e de aprendizaxe e integración
  • Lembra que a Oferta de Emprego Público da Xunta de Galicia para 2016 incluirá no eido da Administración xeral 35 prazas reservadas para persoas con discapacidade

 

Santiago, 20 de maio de 2016.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, presidiu no serán de hoxe o segundo Encontro Nacional de Mozos Down de España ao que definiu como “unha ocasión inmellorable para que todos medremos como persoas, independentemente dos pares de cromosomas que teñamos”. Deste xeito, Varela insistiu na condición de iguais das persoas con síndrome de Down e sinalou que “diversidade e pluralidade son as características esenciais da sociedade que vivimos hoxe en día”. “O colectivo de persoas con síndrome de Down, non é máis que outro grupo que configura o noso mundo actual, cos mesmos dereitos e os mesmos deberes”, engadiu.

 

No acto celebrado no Colexio Lasalle de Santiago e que tamén contou coa participación da directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro, o responsable da área social do Goberno galego subliñou que o obxectivo do seu departamento é que “todos os colectivos, especialmente aqueles que pasan maiores necesidades, melloren a súa calidade de vida”. Neste sentido, no eido da discapacidade e da síndrome de Down, Rey Varela apuntou que neste 2016, a Xunta de Galicia vén de aumentar nun 10% a contía do convenio coa Federación Down Galicia ata os 446.838 euros.

 

Esta axuda compleméntase, dixo o responsable da carteira social, “con outros investimentos en asociacións similares e sobre todo, cunha acción pioneira que sitúa á Xunta de Galicia á vangarda das administracións”. Por primeira vez persoas con síndrome de Down están a realizar prácticas  formativas na administración autonómica ao abeiro dun proxecto piloto de realización de actividades e de aprendizaxe e integración asinado entre a Consellería de Política Social e a Fundación Down Compostela.

 

Rey Varela tamén destacou a Oferta de Emprego Público da Xunta de Galicia que para 2016 incluirá no eido da Administración xeral 35 prazas reservadas para persoas con discapacidade. Dentro delas, haberá 12 prazas para discapacidade intelectual que se unirán a outras 17 que ofertará o Servizo Galego de Saúde.

 

En síntese, o conselleiro sentenciou que “neste 2016 cun dos maiores orzamentos cos que nunca antes contaramos para a discapacidade”. “Un crecemento do 24% nos dous últimos anos co que acadamos estar moi preto dos 100 millóns de euros”, concluíu.

 

O representante da Consellería de Política Social rematou a súa intervención animando aos mozos e mozas con síndrome de Down a aproveitar este tempo de mocidade e a medrar “como persoas e como profesionais” xa que “en ambos os dous camiños a Xunta de Galicia estaravos acompañando para o que precisedes”.

 

Persoal de Seaga denuncia que a Xunta usa a empresa pública como ETT cunha marcha de Pontecesures a Compostela

No percorrido reclamaron condicións laborais dignas e que se aplique a LOFAXGA na compañía
Traballadores/as de Seaga de Pontevedra percorreron este venres a pé os case 37 quilómetros que separan Pontecesures de Santiago de Compostela. A marcha reivindicativa iniciouse pasadas as 6:00 horas e ás 12:15 xa estaban concentrados en San Caetano, diante das dependencias da Consellaría de Medio Rural. A mobilización desta xornada rematou cunha asemblea na que as e os presentes acordaron continuar desenvolvendo accións en denuncia das precarias condicións laborais que sofren malia traballar para unha empresa 100% pública.
16-05-20 Marcha Seaga Pontevedra 007

Ao longo da marcha, convocada polo comité de Seaga de Pontevedra, os traballadores/as corearon consignas como “Queremos traballar e non mendigar” ou “Quen apaga o lume?, nós e non a UME”. O seu obxectivo era chamar, máis unha vez, a atención sobre unha problemática que arrastran desde hai anos e que a administración non dá solucionado.

De feito denunciaron que a Xunta de Galiza chega a incumprir a súa propia lexislación para manter nunhas condicións laborais “vergoñentas” aos apenas 500 empregados/as que aínda quedan en Seaga dos 2.000 que chegou a ter hai sete anos. Traballadores/as que só son contratados durante tres meses ao ano, o que impide que acumulen tempo de traballo abondo para ter dereito a subsidios ou axudas familiares.

A este respecto, e tal e como xa explicara o día anterior o secretario nacional da CIG-Servizos, Paulo Rubido, denunciaron que a LOFAXGA, lei de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galiza, establecía un período de dous anos para que todos os entes e empresas públicas adaptaran o seu marco normativo e condicións ao contemplado no V Convenio. Adaptación que non se fixo en Seaga e que permitiría mellorar substancialmente as condicións do conxunto do seu persoal.

Isto levounos a presentar demandas individuais reclamando dereitos que aparecen recollidos no V Convenio e que tiñan que ter sido recoñecidos por Seaga en aplicación da LOFAXGA, como o dereito a ter retribuída a nocturnidade, a gozar de licenzas e permisos e á cuantificación de horas extra. Dereitos que están a ver recoñecidos nas sucesivas sentenzas que se van emitindo.

Xunto a isto, están agora pendentes da celebración dun xuízo, o vindeiro 9 de xuño, pola presentación de conflito colectivo, porque segundo se establece nos seus contratos, ademais dos tres meses da campaña de verán, deberían ser contratados/as en todos os períodos de alto risco que decrete a Xunta. Unha situación que non se dá e que, de así o considerar o Xulgado, obrigará a Xunta a pagar por un mínimo de dous meses a maiores aos 500 empregados/as.

Tamén explicaron que as negociacións polo convenio colectivo están rotas ao considerar inasubíbel a proposta de rebaixa salarial de 100 euros que lles presentou a empresa, para manter así a masa salarial e pagar con esa cantidade a nocturnidade gañada por sentenza xudicial.

Canda isto denunciaron o caos do operativo da Xunta, xa que hoxe pódense atopar nos montes galegos para tarefas de extinción máis de 11 entes de diverso tipo: medios propios da Xunta, Concellos, Tragsa e Natutecnia, entre outros.

Por iso exixiron que desde a administración se defina unha política de montes e prevención e extinción que remate con esta situación e que permita ao persoal de Seaga acceder a unas condicións laborais e salariais dignas.

POLÍTICA SOCIAL EXPÓN AS NOVAS MEDIDAS DE CONCILIACIÓN QUE ESTÁ A IMPULSAR NUN FORO DE BOAS PRÁCTICAS EN COIDADOS FAMILIARES

  • Na súa intervención, a directora xeral destacou o incremento de prazas en escolas infantís sostidas con fondos públicos e a posta en marcha de novos recursos como as Casas Niño no rural ou o Servizo de Axuda no Fogar Infantil (SAFI)-Bono Coidado, entre outros
  • A Xunta de Galicia destinará este ano de 2016 máis de 66 millóns de euros a iniciativas que faciliten a conciliación e que contribúan ao desenvolvemento afectivo, psicolóxico e físico das e dos menores

 

Madrid, 20 de maio de 2016.- Os novos recursos e liñas de financiamento que está a desenvolver a Xunta de Galicia para favorecer a conciliación foron obxecto de debate da Xornada de Boas Prácticas en Coidados Familiares organizada hoxe en Madrid polo Instituto Internacional de Estudos sobre a Familia `The Family Watch Fundación´. A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social, Amparo González Méndez, foi a encargada de expoñer neste foro as actuacións que impulsa o Goberno autonómico para avanzar no obxectivo de xerar un ambiente social favorable no que sexan compatibles as responsabilidades de coidado dos fillos/as co acceso e permanencia no mercado de traballo.

 

No seu relatorio, González Méndez destacou a mellora da rede autonómica de escolas infantís como un dos piares fundamentais para facer posible unha verdadeira conciliación. Así, Galicia alcanzará o vindeiro curso 2016-2017 unha cobertura superior ao 37% en prazas sostidas con fondos públicos. Esta ratio supón poñer a disposición das familias galegas con nenos/as de 0 a 3 anos de idade máis de 22.300 prazas, superando en catro puntos a aconsellada pola Unión Europea (UE). Asemade, este aumento e diversificación de recursos no ámbito do apoio ás familias e á infancia tradúcese en accións como a posta en marcha das Casas Niño, de escolas infantís en contornos empresariais e do Servizo de axuda no fogar infantil (SAFI)-Bono Coidado ou a reserva dunha partida orzamentaria específica para apoiar aos concellos na conservación e mellora das escolas infantís e dos puntos de atención á infancia da súa titularidade.

 

A directora xeral referiuse máis polo miúdo ás Casas Niño, sobre as que explicou que constitúen  un novo recurso para os pais e nais que residen en núcleos rurais onde se proporcionará atención aos nenos e nenas de ata tres anos de idade en pequenos grupos, de xeito flexible e con garantías de seguridade e calidade. O Goberno galego planifica a entrada en servizo, de maneira experimental, dun máximo de 30 Casas Niño que proporcionarán 150 novas prazas de atención a menores no territorio. E no que atinxe a outras das novas liñas de actuación –as achegas para financiar a construción de escolas infantís en polígonos industriais ou parques empresariais, encargándose a asociación empresarial da súa xestión- González Méndez indicou que a Xunta prevé financiar a posta en marcha cando menos sete escolas infantís nestes centros empresariais, sendo cada unha delas dun mínimo de 3 unidades -41 prazas por escola-.

 

Atención de menores nas súas casas

Dentro da nova política social do Goberno galego para facilitar a conciliación e a responsabilidade compartida na vida familiar e laboral, así como, ao mesmo tempo, mellorar os recursos de atención á infancia, a titular de Familia, Infancia  e Dinamización Demográfica deu conta da próxima posta en funcionamento do Servizo de Axuda no Fogar Infantil (SAFI)-Bono Coidado. Trátase dun recurso complementario de apoio ás familias para a atención e coidado puntual no domicilio familiar dos e das menores de 12 anos cando circunstancias imprevistas e debidamente xustificadas impidan ou dificulten a súa realización ás persoas que habitualmente desenvolven esta función. As persoas usuarias do SAFI serán incluídas automaticamente no programa do Bono Coidado, unha axuda económica directa que cubrirá unha porcentaxe do custe do servizo e cuxa contía se fixará en función da renda per cápita da unidade familiar podendo chegar ao 100% do prezo por hora no caso das rendas máis baixas.

 

Por último, González Méndez indicou que a atención á infancia e ás familias constitúen unha das liñas estratéxicas da acción da Xunta de Galicia en materia social. De feito, o Goberno autonómico destinará a este ámbito máis de 66 millóns de euros ao longo deste ano 2016. Ao respecto, sinalou que estas medidas forman parte da área de conciliación do Programa de Apoio á Natalidade (PAN Galicia), un ambicioso paquete integral de actuacións que, ademais das antes citadas, contempla outras como o Bono Concilia; a Tarxeta Benvida; a dedución fiscal por nacemento ou adopción; o pago único pon neno ou nena menor de tres anos ou o impulso de medidas de conciliación e do teletraballo na función pública.

 

Compartir experiencias

O obxectivo desta xornada organizada polo Instituto Internacional de Estudos sobre a Familia `The Family Watch Fundación´ foi compartir boas prácticas en políticas de familia e estivo dirixida a políticos, concelleiros e xestores de concellos, comunidades autónomas, Organizacións Non Gobernamentais, fundacións e asociacións.

 

Ademais da directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, neste encontro tamén participaron como relatores responsables das áreas de Familia e Benestar dos concellos de Madrid, Fuenlabrada, Avilés e Valdemoro; ademais de profesionais e persoas expertas procedentes dos ámbitos da psicoloxía, a socioloxía e traballo social.

REY VARELA DESTACA O VOLUNTARIADO COMO “UN VALOR EN ALZA INDICATIVO DO GRAO DE SOLIDARIEDADE DA NOSA SOCIEDADE”

  • O obxectivo da xornada é dar visibilidade ás experiencias e boas prácticas relacionadas con diferentes tipos de acción voluntaria e promocionar a labor das persoas e das entidades que realizan accións de voluntariado
  • A acción voluntaria en Galicia incrementa ano tras ano o número de voluntarios e o número de entidades inscritas no Rexistro da Acción Voluntaria de Galicia

 

Ferrol (A Coruña), 20 de maio de 2016.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela asistiu esta mañá ao VI Congreso Galego de Voluntariado que se está a celebrar ao longo desta xornada no Centro de Innovación e Servizos de Galicia en Ferrol e no que se dan cita a administración autonómica, as entidades de acción voluntaria e as institucións educativas, así como persoas voluntarias e técnicos de promoción e xestión do voluntariado. “O voluntariado é un valor en alza na nosa sociedade e un dos mellores indicadores do seu grao de solidariedade”, afirmou o titular autonómico.

 

O obxectivo desta xornada é dar visibilidade ás experiencias e boas prácticas relacionadas con diferentes tipos de acción voluntaria e promocionar a labor das persoas e das entidades que realizan accións de voluntariado. Así mesmo, este Congreso busca poñer en valor o traballo de acción voluntaria desenvolto nestes últimos anos entre os membros da comunidade educativa, que incorporaron valores cívicos en todo o ciclo educativo e convertendo aos centros de ensino infantil primario e secundario, e converténdose en actores clave no fomento do voluntariado.

 

Para acadar estes obxectivos, leváronse a cabo diferentes actividades como a conferencia sobre “As ferramentas do Voluntariado”, a cargo do doutor en Socioloxía César García- Rincón de Castro; o visionado da curtametraxe “Vida” que trata o mundo das persoas con capacidades distintas; ou como a presentación do Proxecto de voluntariado miúdo “Móvete” na que participarán o CEIP A Lomba (Vilagarcía de Arousa), CPI Virxe da Cela (Monfero) e CEIP das Fontiñas (Santiago de Compostela). Así mesmo, o congreso conta con dous espazos interactivos: un no que se poderán coñecer os proxectos solidarios e de acción voluntaria máis relevantes e outro no que se os e as participantes desenvolverán un traballo a prol da solidariedade a través de diferentes formatos creativos.

A XUNTA DE GALICIA E ABANCA RENOVAN O CONVENIO PARA O IMPULSO DO CARNÉ XOVE QUE CONTA CON PRETO DE 50.000 BENEFICIARIOS

   A finalidade do Carné Xove é facilitar á xente nova de 12 a 30 anos (ambos incluídos) o acceso a diferentes bens e servizos no ámbito cultural, aloxamento, transportes, ocio, comercial, ensino, etc; nunhas condicións máis favorables mediante vantaxes e descontos

§   Estas vantaxes non se limitan aos máis de 3.000 establecementos de Galicia adheridos a este programa, senón que tamén se obteñen no resto das comunidades autónomas e nos 40 países europeos que forman parte do mesmo

§   O acordo de colaboración ten unha vixencia de dous anos e inclúe unha achega total da entidade financeira de 180.000 euros -a razón de 90.000 euros por exercicio- e a subscrición dun seguro de asistencia en viaxe para todos os posuidores do Carné Xove.

Rey Varela explicou que a finalidade do Carné Xove é facilitar á xente  nova con idades comprendidas entre os 12 e os 30 anos (ambos incluídos) o acceso a bens e servizos en tódolos ámbitos: cultural, aloxamento, transportes, comercial, ocio, ensino, etc.; nunhas condicións máis favorables mediante descontos e outras vantaxe. Así mesmo, os titulares teñen dereito a rebaixas nas iniciativas que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, tales como a Campaña de Verán, programas de mobilidade e ocio alternativo; actividades na neve e diferentes cursos e accións formativas. Ademais, estas vantaxes non se limitan aos 3.040 establecementos de Galicia apuntados a este programa, senón que tamén se obteñen no resto das comunidades autónomas e nos 40 países europeos que forman parte do mesmo. E, ao fío do carácter europeo deste programa, o responsable de Política Social lembrou que esta iniciativa conta con 29 anos de historia dende a súa orixe no Protocolo de Lisboa de 1987, no que se sinala como beneficiarios aos mozos e mozas europeos de entre 16 e 26 anos, se ben en Galicia esta franxa estendeuse ata os 30 anos.