POLÍTICA SOCIAL EXPÓN AS NOVAS MEDIDAS DE CONCILIACIÓN QUE ESTÁ A IMPULSAR NUN FORO DE BOAS PRÁCTICAS EN COIDADOS FAMILIARES
- Na súa intervención, a directora xeral destacou o incremento de prazas en escolas infantís sostidas con fondos públicos e a posta en marcha de novos recursos como as Casas Niño no rural ou o Servizo de Axuda no Fogar Infantil (SAFI)-Bono Coidado, entre outros
- A Xunta de Galicia destinará este ano de 2016 máis de 66 millóns de euros a iniciativas que faciliten a conciliación e que contribúan ao desenvolvemento afectivo, psicolóxico e físico das e dos menores
Madrid, 20 de maio de 2016.- Os novos recursos e liñas de financiamento que está a desenvolver a Xunta de Galicia para favorecer a conciliación foron obxecto de debate da Xornada de Boas Prácticas en Coidados Familiares organizada hoxe en Madrid polo Instituto Internacional de Estudos sobre a Familia `The Family Watch Fundación´. A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social, Amparo González Méndez, foi a encargada de expoñer neste foro as actuacións que impulsa o Goberno autonómico para avanzar no obxectivo de xerar un ambiente social favorable no que sexan compatibles as responsabilidades de coidado dos fillos/as co acceso e permanencia no mercado de traballo.
No seu relatorio, González Méndez destacou a mellora da rede autonómica de escolas infantís como un dos piares fundamentais para facer posible unha verdadeira conciliación. Así, Galicia alcanzará o vindeiro curso 2016-2017 unha cobertura superior ao 37% en prazas sostidas con fondos públicos. Esta ratio supón poñer a disposición das familias galegas con nenos/as de 0 a 3 anos de idade máis de 22.300 prazas, superando en catro puntos a aconsellada pola Unión Europea (UE). Asemade, este aumento e diversificación de recursos no ámbito do apoio ás familias e á infancia tradúcese en accións como a posta en marcha das Casas Niño, de escolas infantís en contornos empresariais e do Servizo de axuda no fogar infantil (SAFI)-Bono Coidado ou a reserva dunha partida orzamentaria específica para apoiar aos concellos na conservación e mellora das escolas infantís e dos puntos de atención á infancia da súa titularidade.
A directora xeral referiuse máis polo miúdo ás Casas Niño, sobre as que explicou que constitúen un novo recurso para os pais e nais que residen en núcleos rurais onde se proporcionará atención aos nenos e nenas de ata tres anos de idade en pequenos grupos, de xeito flexible e con garantías de seguridade e calidade. O Goberno galego planifica a entrada en servizo, de maneira experimental, dun máximo de 30 Casas Niño que proporcionarán 150 novas prazas de atención a menores no territorio. E no que atinxe a outras das novas liñas de actuación –as achegas para financiar a construción de escolas infantís en polígonos industriais ou parques empresariais, encargándose a asociación empresarial da súa xestión- González Méndez indicou que a Xunta prevé financiar a posta en marcha cando menos sete escolas infantís nestes centros empresariais, sendo cada unha delas dun mínimo de 3 unidades -41 prazas por escola-.
Atención de menores nas súas casas
Dentro da nova política social do Goberno galego para facilitar a conciliación e a responsabilidade compartida na vida familiar e laboral, así como, ao mesmo tempo, mellorar os recursos de atención á infancia, a titular de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica deu conta da próxima posta en funcionamento do Servizo de Axuda no Fogar Infantil (SAFI)-Bono Coidado. Trátase dun recurso complementario de apoio ás familias para a atención e coidado puntual no domicilio familiar dos e das menores de 12 anos cando circunstancias imprevistas e debidamente xustificadas impidan ou dificulten a súa realización ás persoas que habitualmente desenvolven esta función. As persoas usuarias do SAFI serán incluídas automaticamente no programa do Bono Coidado, unha axuda económica directa que cubrirá unha porcentaxe do custe do servizo e cuxa contía se fixará en función da renda per cápita da unidade familiar podendo chegar ao 100% do prezo por hora no caso das rendas máis baixas.
Por último, González Méndez indicou que a atención á infancia e ás familias constitúen unha das liñas estratéxicas da acción da Xunta de Galicia en materia social. De feito, o Goberno autonómico destinará a este ámbito máis de 66 millóns de euros ao longo deste ano 2016. Ao respecto, sinalou que estas medidas forman parte da área de conciliación do Programa de Apoio á Natalidade (PAN Galicia), un ambicioso paquete integral de actuacións que, ademais das antes citadas, contempla outras como o Bono Concilia; a Tarxeta Benvida; a dedución fiscal por nacemento ou adopción; o pago único pon neno ou nena menor de tres anos ou o impulso de medidas de conciliación e do teletraballo na función pública.
Compartir experiencias
O obxectivo desta xornada organizada polo Instituto Internacional de Estudos sobre a Familia `The Family Watch Fundación´ foi compartir boas prácticas en políticas de familia e estivo dirixida a políticos, concelleiros e xestores de concellos, comunidades autónomas, Organizacións Non Gobernamentais, fundacións e asociacións.
Ademais da directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, neste encontro tamén participaron como relatores responsables das áreas de Familia e Benestar dos concellos de Madrid, Fuenlabrada, Avilés e Valdemoro; ademais de profesionais e persoas expertas procedentes dos ámbitos da psicoloxía, a socioloxía e traballo social.