REY VARELA DESTACA O VOLUNTARIADO COMO “UN VALOR EN ALZA INDICATIVO DO GRAO DE SOLIDARIEDADE DA NOSA SOCIEDADE”
- O obxectivo da xornada é dar visibilidade ás experiencias e boas prácticas relacionadas con diferentes tipos de acción voluntaria e promocionar a labor das persoas e das entidades que realizan accións de voluntariado
- A acción voluntaria en Galicia incrementa ano tras ano o número de voluntarios e o número de entidades inscritas no Rexistro da Acción Voluntaria de Galicia
Ferrol (A Coruña), 20 de maio de 2016.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela asistiu esta mañá ao VI Congreso Galego de Voluntariado que se está a celebrar ao longo desta xornada no Centro de Innovación e Servizos de Galicia en Ferrol e no que se dan cita a administración autonómica, as entidades de acción voluntaria e as institucións educativas, así como persoas voluntarias e técnicos de promoción e xestión do voluntariado. “O voluntariado é un valor en alza na nosa sociedade e un dos mellores indicadores do seu grao de solidariedade”, afirmou o titular autonómico.
O obxectivo desta xornada é dar visibilidade ás experiencias e boas prácticas relacionadas con diferentes tipos de acción voluntaria e promocionar a labor das persoas e das entidades que realizan accións de voluntariado. Así mesmo, este Congreso busca poñer en valor o traballo de acción voluntaria desenvolto nestes últimos anos entre os membros da comunidade educativa, que incorporaron valores cívicos en todo o ciclo educativo e convertendo aos centros de ensino infantil primario e secundario, e converténdose en actores clave no fomento do voluntariado.
Para acadar estes obxectivos, leváronse a cabo diferentes actividades como a conferencia sobre “As ferramentas do Voluntariado”, a cargo do doutor en Socioloxía César García- Rincón de Castro; o visionado da curtametraxe “Vida” que trata o mundo das persoas con capacidades distintas; ou como a presentación do Proxecto de voluntariado miúdo “Móvete” na que participarán o CEIP A Lomba (Vilagarcía de Arousa), CPI Virxe da Cela (Monfero) e CEIP das Fontiñas (Santiago de Compostela). Así mesmo, o congreso conta con dous espazos interactivos: un no que se poderán coñecer os proxectos solidarios e de acción voluntaria máis relevantes e outro no que se os e as participantes desenvolverán un traballo a prol da solidariedade a través de diferentes formatos creativos.