REY VARELA PRESIDE A INAUGURACIÓN DO II ENCONTRO NACIONAL DE MOZOS DOWN DE ESPAÑA AO QUE DEFINE COMO “UNHA OCASIÓN INMELLORABLE PARA QUE TODOS MEDREMOS COMO PERSOAS”
- Apunta que neste 2016, a Xunta de Galicia vén de aumentar nun 10% a contía do convenio coa Federación Down Galicia ata os 446.838 euros
- Sinala que por primeira vez persoas con síndrome de Down están a realizar prácticas formativas na administración autonómica ao abeiro dun proxecto piloto de realización de actividades e de aprendizaxe e integración
- Lembra que a Oferta de Emprego Público da Xunta de Galicia para 2016 incluirá no eido da Administración xeral 35 prazas reservadas para persoas con discapacidade
Santiago, 20 de maio de 2016.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, presidiu no serán de hoxe o segundo Encontro Nacional de Mozos Down de España ao que definiu como “unha ocasión inmellorable para que todos medremos como persoas, independentemente dos pares de cromosomas que teñamos”. Deste xeito, Varela insistiu na condición de iguais das persoas con síndrome de Down e sinalou que “diversidade e pluralidade son as características esenciais da sociedade que vivimos hoxe en día”. “O colectivo de persoas con síndrome de Down, non é máis que outro grupo que configura o noso mundo actual, cos mesmos dereitos e os mesmos deberes”, engadiu.
No acto celebrado no Colexio Lasalle de Santiago e que tamén contou coa participación da directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro, o responsable da área social do Goberno galego subliñou que o obxectivo do seu departamento é que “todos os colectivos, especialmente aqueles que pasan maiores necesidades, melloren a súa calidade de vida”. Neste sentido, no eido da discapacidade e da síndrome de Down, Rey Varela apuntou que neste 2016, a Xunta de Galicia vén de aumentar nun 10% a contía do convenio coa Federación Down Galicia ata os 446.838 euros.
Esta axuda compleméntase, dixo o responsable da carteira social, “con outros investimentos en asociacións similares e sobre todo, cunha acción pioneira que sitúa á Xunta de Galicia á vangarda das administracións”. Por primeira vez persoas con síndrome de Down están a realizar prácticas formativas na administración autonómica ao abeiro dun proxecto piloto de realización de actividades e de aprendizaxe e integración asinado entre a Consellería de Política Social e a Fundación Down Compostela.
Rey Varela tamén destacou a Oferta de Emprego Público da Xunta de Galicia que para 2016 incluirá no eido da Administración xeral 35 prazas reservadas para persoas con discapacidade. Dentro delas, haberá 12 prazas para discapacidade intelectual que se unirán a outras 17 que ofertará o Servizo Galego de Saúde.
En síntese, o conselleiro sentenciou que “neste 2016 cun dos maiores orzamentos cos que nunca antes contaramos para a discapacidade”. “Un crecemento do 24% nos dous últimos anos co que acadamos estar moi preto dos 100 millóns de euros”, concluíu.
O representante da Consellería de Política Social rematou a súa intervención animando aos mozos e mozas con síndrome de Down a aproveitar este tempo de mocidade e a medrar “como persoas e como profesionais” xa que “en ambos os dous camiños a Xunta de Galicia estaravos acompañando para o que precisedes”.