XUNTA, CONCELLOS E ENTIDADES REFORZAN A SÚA COLABORACIÓN CONTRA A POBREZA E A EXCLUSIÓN NA NOVA AXENDA SOCIAL DE GALICIA

  • O responsable da área social do Goberno galego salientou a importancia desta proposta dirixida aos colectivos máis vulnerables e que se fundamento na cooperación entre as administracións e o tecido social
  • O documento recolle unha serie de medidas e intervencións de apoio á renda, de abordaxe da pobreza enerxética e infantil, de atención á inclusión residencial, de promoción de programas e proxectos de inclusión social tanto dos concellos como de entidades e doutros axentes, de atención á dependencia, e de apoio á contratación de persoal para os servizos sociais comunitarios
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, comparecerá en sede parlamentaria para avanzar as principais liñas de traballo da Nova Axenda Social de Galicia. No Pazo do Hórreo foto xoán crespo 24/05/16

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, comparecerá en sede parlamentaria para avanzar as principais liñas de traballo da Nova Axenda Social de Galicia. No Pazo do Hórreo
foto xoán crespo
24/05/16

Santiago, 24 de maio de 2016.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, compareceu esta tarde no Pleno do Parlamento autonómico para dar conta da nova Axenda Social de Galicia, unha proposta elaborada para garantir a atención das persoas e familias con menos recursos e que están nunha situación ou risco de exclusión social; e que se fundamenta na colaboración e cooperación entre as administracións e o tecido social. Neste sentido, destacou que o documento é o resultado do traballo conxunto e o diálogo cos concellos, representados a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), e coas entidades e Organizacións non Gobernamentais (ONG´s) agrupadas na Rede Galega contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN-Galicia). “Esta proposta amosa o compromiso da Xunta, dos concellos e das entidades de coordinar  esforzos para tecer unha gran rede de apoio que permita combater a exclusión social de moitos colectivos e, moi especialmente, dos máis vulnerables”; dixo Rey Varela, que anunciou a súa intención de que o documento quede aprobado nas próximas semanas para posteriormente referendalo coa Fegamp e as entidades da EAPN-Galicia..

 

No seu relatorio, o titular de Política Social explicou as medidas que se promoven no marco desta nova Axenda Social clasificándoas nas seguintes grandes áreas atendendo á súa finalidade: medidas de apoio á renda, de abordaxe da pobreza enerxética e infantil, de atención á inclusión residencial, de promoción de programas e proxectos de inclusión social, de atención á dependencia, de apoio á contratación de persoal para os servizos sociais municipais, dirixidas a entidades sociais e de colaboración con outros axentes. Asemade, subliñou que o investimento das diferentes Consellerías do Goberno galego neste ámbito da inclusión acadará este ano os 162 millóns de euros. E no que atinxe a accións concretas que recolle o documento, Rey Varela resaltou as axudas existentes para mellorar a renda das persoas con dificultades e apuntou cara un feixe de medidas que inclúe accións para paliar as dificultades de pago da tarifa eléctrica, medidas para evitar os desafiuzamentos, a Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA), así como novas liñas de subvención dirixidas aos concellos e ás entidades que traballan no ámbito social.

 

Máis polo miúdo, Rey Varela resaltou algunhas das iniciativas contempladas na axenda. Así, no ámbito da abordaxe da pobreza enerxética proponse unha mellora no tícket eléctrico consistente en que os concellos das sete grandes cidades complementen a achega realizada pola Xunta e a Administración Xeral do Estado para apoiar a cobertura dos gastos derivados da subministración eléctrica. En canto a medidas de atención á inclusión residencial, destacou o Programa de Vivendas Baleiras para incentivar que se poñan a disposición dos concellos vivendas desocupadas coa finalidade de poñelas no mercado de aluguer e que poidan acceder a elas, en condicións moi favorables, as persoas que perdan a súa única vivenda nun procedemento de execución hipotecaria.Neste mesmo campo de actuación, a nova Axenda Social de Galicia contempla a ampliación do programa Reconduce ao incorporar como posibles beneficiarios do mesmo as persoas afectadas por non pagamentos de aluguer; e que os concellos das sete grandes cidades complementen a achega económica do Bono Aluguer que concede a Xunta.

 

Pobreza infantil e servizos comunitarios

Para prever e actuar fronte a pobreza infantil, o conselleiro indicou que a Axenda Social recolle o programa de intervención cos menores e as súas familias que a Consellería de Política Social e a Fundación La Caixa están a desenvolver nas sete grandes cidades coa implicación dos servizos sociais comunitarios, e do que se beneficiarán máis de 1.000 familias. Ademais deste proxecto, outra acción que se destaca neste eido é a axuda para o pago de medicamentos para as persoas e familias con ingresos por rendemento de traballo inferiores aos limiares da RISGA, e nomeadamente aquelas con menores de 16 anos a cargo.

 

Por outra banda, na súa intervención Rey Varela detívose nunha serie de medidas de reforzo dos servizos sociais a implantar este mesmo ano. As principais son: a mellora do Plan Concertado mediante unha subida do 12% no gasto autonómico correspondente ao financiamento do persoal dos servizos sociais comunitarios; o reforzo dos equipos destes servizos coa incorporación de novos profesionais en concellos de máis de 20.000 habitantes; e a implantación dunha Rede Galega de Atención Temperá para dar resposta  o ates posible ás necesidades que presentan os nenos/as de 0 a 6 anos con trastornos no desenvolvemento ou con risco de padecelos.

 

Importancia dos concellos

Durante a súa comparecencia, Rey Varela insistiu en destacar o importante papel dos concellos na elaboración e desenvolvemento desta nova Axenda Social de Galicia, xa que “son as institucións máis próximas á cidadanía e, polo tanto, están en condicións de avaliar en mellores condicións o grao e a diversidade da demanda de atención social, artellar a oferta e optimizar os recursos para avanzar na procura dunha mellora da calidade da atención presada no ámbito dos servizos sociais”, manifestou.

 

Neste sentido, o conselleiro apuntou que “a cuestión de fondo non é delimitar competencias nin a cuestión monetaria; o verdadeiramente importante é prestar o mellor servizo á cidadanía”.  E ao fío disto, fixo algunhas propostas en materia de inclusión a aplicar dende o ámbito municipal, como a exención total ou parcial de impostos e taxas de titularidade municipal; afrontar o gasto da factura derivada do abastecemento de auga; facilitar o acceso gratuíto a servizos de titularidade municipal tipo pavillóns deportivos, transporte urbano, escolas infantís municipais, actividades de conciliación…; ou complementar as axudas de inclusión dadas pola administración autonómica. “Trátase de coordinar esforzos conscientes de que mentres haxa unha soa persoa en situación de exclusión non seremos quen de falar dunha sociedade de igualdade real e efectiva”.

 

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: