LÓPEZ-CHAVES PREGÚNTASE “QUEN CRE XA A ABEL CABALLERO NA CIDADE” POLAS SÚAS CONTINUAS MENTIRAS, AGORA CO SERVIZO DO 112
O delegado territorial da Xunta en Vigo sinala que as transcricións do 112 acreditan que o alcalde da cidade olívica “non di a verdade”
Vigo, 27 de maio de 2016.- O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, preguntouse hoxe “quen cre xa a Abel Caballero na cidade” polas súas continuas mentiras, agora relativas ao servizo de emerxencias do 112 no operativo do incendio de Fandicosta.
López-Chaves considerou que os vigueses e viguesas “xa estamos acostumados á catarata de mentiras” do rexedor olívico que, segundo dixo o delegado, chega incluso “a mentir sobre unha conversa cando esa mesma está gravada”, facendo referencia as transcricións do servizo de emerxencias do 112 relativas ao acaecido no incendio de Fandicosta, en Moaña. “Nelas queda acreditado que Caballero non di a verdade”, explicou López-Chaves matizando que os acontecementos se sucederon tal e coma afirmou onte o Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, no Parlamento.
Neste senso, preguntouse “quen cre xa” ao alcalde en Vigo considerando por último que tanto o seu comportamento “coma as continuas cataratas de mentiras” amosan que o rexedor “deixa a educación na casa cando sae dela polas mañás”.
MEMBROS DA ASOCIACIÓN DE PAIS E TITORES DE PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL DE LUGO COMPLETAN A SÚA PEREGRINACIÓN A SANTIAGO DE COMPOSTELA
- A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro Vázquez, deu a benvida na praza do Obradoiro a este colectivo formado por 32 persoas
Santiago, 27 de maio de 2016.- A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro Vázquez, deu a benvida esta mañá a súa chegada á praza do Obradoiro a un grupo de membros da Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo (ASPNAIS). Este grupo estivo formado por 32 persoas que o pasado domingo, día 22, iniciaban a peregrinación a Santiago saíndo do hospital San José de Lugo.
ASPNAIS realizou o chamado Camiño Primitivo a Santiago de Compostela, e antes de chegar á catedral fixeron paradas en San Román da Retorta, Melide, Arzúa, Pedrouzo e Monte do Gozo. O obxectivo fundamental desta entidade é integrar social, educativa e laboralmente ás persoas con algún tipo de discapacidade intelectual.
A XUNTA REMATA AS OBRAS DE REFORZO DE FIRME DA VÍA PO-505 ENTRE MIRADOIRO E O FORMIGUEIRO NO TREITO QUE DÁ ACCESO Á AP-53, NO CONCELLO DA ESTRADA
Estas actuacións, que se levaron a cabo desde o punto quilométrico 2+700 ata a entrada da autoestrada, foron adxudicadas a empresa F. Gómez e CIA S.L.
- O Goberno galego continúa a traballar na conservación da rede viaria coa fin de mellorar a calidade de vida dos cidadáns, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios
Santiago, 27 de maio de 2016.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, rematou as obras de reforzo de firme ao longo dun quilómetro na vía Miradoiro-O Formigueiro (PO-505), que dá acceso á AP-53 ao seu paso polo concello da Estrada. A actuación nesta vía inclúese no Plan de actuación deseñado pola Xunta para mellorar a seguridade viaria e conta cun orzamento de preto de 33.000 €.
Estas actuacións leváronse a cabo concretamente desde o punto quilométrico 2+700 ata a entrada da autoestrada e foron adxudicadas a empresa F. Gómez e CIA S.L. e teñen como obxectivo principal mellorar o estado do firme dun treito antigo da PO-505. As obras que se levarán a cabo consistirán na colocación dunha capa de rodadura no mencionado trazado.
Esta estrada foi obxecto dunha mellora de trazado desde o punto quilométrico 2+070, pero o trazado antigo desde este punto, que cruza a autoestrada AP-53 mediante un paso superior, se sigue empregando de modo residual.
O Goberno galego continúa a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.
No seguinte plano amósase o tramo no que a Xunta levou a cabo as actuacións de mellora.
MARCO: inauguración CABELLO/CARCELLER – Vigo
Borrador para unha exposición sen título
27 maio – 25 setembro 2016
Salas de exposición do 1º andar
Martes a sábados (festivos incluídos), de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00 / Domingos, de 11.00 a 14.30
Comisariado: Manuel Segade
Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo / CA2M Centro de Arte Dos de Mayo, Móstoles
Síntese do proxecto expositivo
A partir do 27 de maio, os espazos do primeiro andar do MARCO acollen o proxecto de CABELLO/CARCELLER, Borrador para unha exposición sen título, realizado en coprodución co CA2M Centro de Arte Dos de Mayo, Móstoles, e comisariado por Manuel Segade. Unha mostra concibida como retrospectiva, que se formula como revisión do traballo das artistas dende hai máis de dúas décadas.
Dende 1992, Cabello/Carceller (París, 1963/Madrid, 1964) desenvolven un proxecto artístico común centrado nunha crítica da cultura visual hexemónica. Ferramentas da teoría feminista, queer e decolonial, os estudos visuais e culturais servíronlles ao longo dos anos para produciren un corpo de traballo que pon en cuestión o modelo neoliberal de produción social. Mediante prácticas interdisciplinares ofrecen alternativas aos relatos convencionais sobre as minorías políticas, incluíndo nelas a discusión sobre o papel da produción artística contemporánea. O seu método, baseado na colaboración mutua e na incorporación de actores e axentes externos, permitiulles dar representación a desprazamentos e desaxustes que revelan resistencias e diverxencias fronte aos valores establecidos
Despois da súa presenza no Pavillón Español da última Bienal de Venecia, esta exposición é a primeira revisión retrospectiva da súa traxectoria, que permite situar os seus últimos proxectos dentro dun contexto que arrinca nas Guerras Culturais de finais dos oitenta —a súa época de formación— ata as revoltas sociais contra o regreso á orde neoliberal dos últimos anos
Seguindo a lóxica do traballo de Cabello/Carceller, a exposición está concibida como unha infiltración, contaminando a institución cun tipo de discursos que normalmente permanecen ocultos. Os diferentes espazos expositivos superpoñen diversos momentos da súa traxectoria para restaurar a complexidade temporal alén da idea dun progreso lineal: as obras refírense unhas a outras nun sentido cronopolítico, onde as pezas máis antigas poidan entenderse como comentarios ou referencias para a construción do sentido das máis recentes.
Nun xogo que se repite ao longo de toda a exposición, as pezas máis antigas ou de menor duración funcionan en certo modo como apuntes ou notas ao pe doutras obras, pero sobre todo, como un medio para acurtar distancias e afondar no concepto de retrospectiva non como evolución ou progreso, senón como un traballo continuado e intermitente.
Borrador para unha exposición sen título
Como primeiro enunciado sobre a obra de Cabello/Carceller, o vestíbulo de acceso á mostra preséntase como sala de lectura, incluíndo documentación e referencias bibliográficas, acompañadas dunha cronoloxía subxectiva e militante en relación cos movementos e a teoría do xénero a escala internacional.
Este arranque da exposición, ao estilo das grandes retrospectivas, ha de ser entendido como unha declaración de intencións. Por unha parte, indica a necesidade dun espectador activo como lector, disposto a “perder o tempo” no museo, sabendo ademais que toda lectura é unha mala lectura, xa que crea unha diferenza significativa con respecto ás intencións das súas autoras; unha desviación estimulada e acrecentada polo resto da exposición.
Por outra, a cronoloxía salienta feitos do pasado con respecto ao presente, xustapoñe os “fitos” dunha traxectoria ao cotián das conquistas e decepcións das políticas de xénero e as súas manifestacións culturais, nun sentido cronopolítico que rompe co progreso evolutivo, coa orde produtiva imparable do capitalismo tardío, e reforza a visión da cronoloxía como unha espiral na que o futuro afecta ao pasado para construír o presente.
A partir de aí, a exposición presenta as obras como un dispositivo de representación: un espazo teatralizado baseado na repetición, a mismidade e o xogo de dobres, centrais na súa estética militante, onde as obras e os tempos se xustapoñen para facer énfase na actualidade permanente do seu aparato crítico.
A idea de temporalidade está presente na proxección The End (despois e antes), e no Arquivo Drag Models, despregado sobre as paredes das salas frontais, que funcionan aquí como dous lados case reflexos, como espazos especulares, poñendo de relevo a idea de dobres sobre a que as artistas traballaron de forma insistente. Deste modo, as salas-corredor que as conectan entre si recollen obras máis antigas, fundamentais para entender a xenealoxía da súa construción como artistas, e as frontais para contextualizar todo o relacionado coa súa concepción das políticas drag.
No corredor perimetral, aberto nesta ocasión como tránsito entre as salas frontais e os espazos posteriores, o vídeo Libre produción de sentido rexistra a destrución por parte de Cabelllo/Carceller, na Bienal de Bucarest, das fotografías enmarcadas do Arquivo Drag Models, alertando así sobre posibles sorpresas, e acentuando o sentido de construción/destrución/reconstrución da obra e da propia mirada do espectador.
O ámbito da Galería, no que se exhibe a serie fotográfica de piscinas baleiras Sin título (Utopía), expándese tamén a través da sala do fondo, convertida agora en espazo diáfano que completa a mostra con varias obras especialmente relevantes: por un lado, a instalación Suite Rivolta. Unha proposta estética para a acción —co grafitti branco sobre branco, a referencia a González-Torres e a coreografía do vídeo— e, ao fondo, a proxección Off Escena: se eu fose…, o proxecto realizado coas internas en Matadero Madrid, que sitúa en primeiro plano o cárcere como lugar de memoria. Xunto a esta proxección, unha versión actualizada de Come y calla (presentada no Círculo de Bellas Artes en 1993) que mostra en pequenas fotografías polaroid o retrato do persoal de limpeza do MARCO, todas elas mulleres, subliñando a idea de infiltración. Obras, en suma, que funcionan como peche/comezo da exposición, pregando os tempos e unindo con brillantez as liñas entrecruzadas da historia.
A epidemia de significación queer do espazo do MARCO supera as salas de exposicións convencionais e infíltrase en espazos subsidiarios e na biblioteca. Como nun cartón corrugado —onde dúas finas láminas de cartón adquiren unha resistencia singular grazas a outra pregada en zigzag no seu interior —, é nos seus baleiros estruturais, intersticiais, na lectura entre liñas, onde a exposición desenvolve a súa narrativa, permitindo a aparición de discursividades que normalmente se someten á ocultación. Ese é o espazo para o gozo e a sorpresa e de aí o provisional do seu título indefinido: a exposición como un espazo onde calquera punto de referencia sexa un novo centro dende o que o conxunto teña que articularse de novo, unha e outra vez, onde o queer non veña dado senón que aconteza como o indicio dun utópico chegar a ser.
Manuel Segade
Sobre Cabello/Carceller
Cabello/Carceller é o equipo formado en 1992 por Helena Cabello e Ana Carceller (París, 1963 / Madrid, 1964). Viven e traballan en Madrid. Actualmente son profesoras na Facultade de Belas Artes de Cuenca, UCLM, España.
Cabello/Carceller inician a súa colaboración a principios dos noventa e dende entón desenvolven un traballo interdisciplinar que utiliza diferentes medios de expresión — instalación, performance, vídeo, escritura, debuxo… — coa intención de interrogar os modos de representación hexemónicos nas prácticas visuais e propoñer alternativas críticas. Partindo dun enfoque conceptual, politicamente comprometido, usan estratexias como a apropiación, a performance ou o relato de ficción para cuestionar as narrativas modernistas que ignoran ás minorías políticas mentres finxen recorrentemente acudir a elas.
Nun intento por desvelar estas contradicións, buscan colaboradores externos, normalmente amateurs, aínda que ocasionalmente tamén profesionais, para confrontalos con situacións ou textos estraños ou dislocados —que poderían cualificarse como queer. Illados e fóra de contexto, estes protagonistas experimentan un desaxuste creado arredor seu, un dislocamiento que é potenciado pola narración e as estruturas narrativas nas que esta se apoia, e que contribúe frecuentemente a activar ou expandir os significados establecidos.
O seu traballo foi incluído recentemente en Art and Queer Culture, unha revisión histórica publicada por Phaidon Press e escrita por Catherine Lord e Richard Meyer. Tamén foi analizado por Judith Halberstam en The Queer Art of Failure, publicado en Duke University Press, así como no prólogo da versión española de Female Masculinity (Masculinidade feminina) da mesma autora.
Algunhas exposicións colectivas: 56ª Bienal de Venecia, Pavillón español (Italia), Global Feminisms, Brooklyn Museum, New York e Davis Museum, Wellesley College, Massachusetts, EEUU – Fiction and Reality, MMOMA, Moscu Museum of Modern Art, Moscú – BB4 Bucharest Biennale: On Producing Possibilities, Bucarest, Rumanía – Bienal Latinoamericana de Artes Visuales, Curitiba, Brasil – re.act feminism. A Performing Archive, Akademie der Künste, Berlín, e itinerancias – Nuevas Historias. A New View of Spanish Photography and Video, Stenersen Museum, Oslo, Noruega / Kuntsi Museum of Modern Art, Vaasa, Finlandia / Kulturhuset, Stockholm, Suecia / Royal Library, Dinamarca – Genealogías Feministas, MUSAC, León (España) – The Screen Eye or The New Image, Casino Luxembourg, Luxemburgo – Cooling Out, Lewis Glucksman Gallery, Cork, Irlanda, En todas partes, CGAC, Santiago de Compostela (España) – Rencontres Internationales Paris/Berlin/Madrid, Centre Pompidou, París (Francia).
Exposicións individuais recentes: MicroPolíticas, MicroPoéticas, Sala La Patriótica/CCEBA Bonos Aires, Arxentina – Off Escena; Si yo fuera…, Abierto X Obras, Matadero Madrid, España – Archivo:Drag Modelos, Galería Joan Prats, Barcelona e CAAM, Las Palmas de Gran Canaria, España – Suite Rivolta, Galería Elba Benítez, Madrid, España ou A/O (Caso Céspedes), CAAC Sevilla, España –Rapear Filosofía: Foucault, Sontag, Butler, Mbembe. Galería Elba Benítez, Madrid, España
Sobre Manuel Segade
Manuel Segade (A Coruña, 1977) é licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. A súa investigación predoutoral centrouse na revisión da teatralidade e as estruturas lingüísticas alegóricas na escultura da década dos oitenta a través da obra de Juan Muñoz. Dende 1998 traballa en fragmentos dunha historia cultural das prácticas estéticas de finais do século XIX, en torno á produción dunha subxectividade somática e sexualizada, sobre o que publicou o ensaio Narciso fin de siglo (Melusina, 2008).
Durante 2005 e 2006, foi coordinador de contidos de Metrònom Fundació Rafael Tous d’Art Contemporani de Barcelona. Entre 2007 e 2009 foi comisario no CGAC Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela. A partir de 2009 retomou o seu traballo como comisario independente, realizando proxectos para a Fundació Joan Miró, La Casa Encendida, ARCO, MUSAC, Centre d’Art La Panera, Pavillon Vendôme (Francia), Kadist Foundation (Francia), Bienal de Cuenca (Ecuador), ArteBA (Buenos Aires) TENT, (Róterdam) ou o CA2M Centro de Arte Dos de Mayo, Móstoles (Madrid). Foi profesor de prácticas curatoriais en diferentes programas de postgrao e máster como Honnours in Curatorship de la Michaelis University en Cidade do Cabo (Sudáfrica) ou o Programa de Estudos Independentes do MACBA e actualmente é titor da École du Magasin de Grenoble (Francia).Nos seus últimos proxectos intenta ofrecer formas de achegamento gestual ao comisariado como outros modos de distribución discursiva, en formatos de pedagoxía e educación e en accións curatoriales próximas á performance.
Actualmente reside en Madrid onde dirixe o Centro de Arte Dos de Mayo (CA2M) de la Comunidad de Madrid.
Mostra bibliográfica/documental
Durante estes meses, a Biblioteca-Centro de documentación do MARCO acolle unha mostra bibliográfica e documental con selección de catálogos e publicacións de Cabello/Carceller. No dossier documental, accesible para consulta no apartado «Biblioteca-Noticias» da web do MARCO, reúnense enlaces a entrevistas, artigos, vídeos, etc. das artistas, xunto a unha selección de catálogos e publicacións sobre arte e xénero/feminismo.
Información e visitas guiadas
O persoal de salas está a disposición dos visitantes para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:
Todos os días ás 18.00
Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita no tel. 986 113900/11
Cortes de tráfico e limitacións de estacionamento pola disputa do IV Triatlón Concello do Porriño
A Policía Local do Porriño informa que pola disputa do IV Triatlón Concello do Porriño, este sábado día 28 de maio, queda prohibido aparcar, dende as 14:00 h. e córtase o tráfico dende as 16:00 ata as 18:30 h. nas rúas Domingo Bueno, dende Aloques ata a gasolineira de Atios- A Guía, prohibido circular nos dous sentidos e aparcar en dirección Tui-O Porriño; rúa Fernández Areal, non se poderá circular entre Manuel Rodríguez e Cruceiro e non estará permitido estacionar entre Domingo Bueno e Cruceiro, á altura do Cristo do Cachos; na rúa Cruceiro estará prohibido aparcar e circular, o mesmo que en Enrique Peinador, Tranvía e Paz Varela.
O 092 engade que non se poderá aparcar nin circular na rúa Pinar, entre Codesal e Cruceiro (na marxe do supermercado Aquí); tampouco poderase circular por Fernández López, Pio XII e Fontevella; en Manuel Rodríguez estará cortado o tráfico e non se poderá aparcar dende o cruzamento da Pontenova ate a Panadería Chinchilla; tampouco na rúa San Sebastián dende Manuel Rodríguez ate a Praza de San Sebastián, o mesmo que nas rúas Cando e Leandro Diz.
Por último, non se poderá transitar pola rúa Xogo da Ola, Peña, onde tamén se impedirá aparcar, Ramiranes, dende a Praza Central á Baixada Estación, e rúa Estación.
Hai que lembrar que o triatlón, que dende as 4 da tarde disputarán 300 deportistas, empezará cunha proba de natación de 750 metros, no río Miño, para continuar cun percorrido de 20,2 quilómetros en bicicleta dende Tui ata a rúa Domingo Bueno, no Porriño, onde os participantes iniciarán a carreira de 5 quilómetros a pé polo casco urbano da vila.
CASE 14.000 PERSOAS ESTÁN CONVOCADAS ESTA FIN DE SEMANA EN SILLEDA ÁS OPOSICIÓNS DA XUNTA E O SERGAS
- 12.699 persoas aspiran a categorías sanitarias como logopeda, fisioterapeuta, técnico en farmacia ou técnico en coidados auxiliares de enfermaría
- Outras 1.147 están chamadas ás probas de acceso ao corpo administrativo da Administración Xeral
- Os exercicios realízanse entre hoxe e o domingo no recinto feiral
Santiago, 27 de maio de 2016.- Case 14.000 persoas están convocadas a realizar esta fin de semana oposicións de acceso á Xunta, que se celebran no recinto da Feira Internacional de Galicia, na localidade pontevedresa de Silleda. Un total de 12.699 aspiran a diversas categorías do Servizo Galego de Saúde (SERGAS); e 1.147 para o corpo administrativo da Administración Xeral, pola quenda de promoción interna.
Os exercicios celébranse entre hoxe e este domingo 29 de maio. As probas comezarán hoxe pola mañá, co primeiro exercicio da oposición para o corpo administrativo da Administración da Comunidade Autónoma (subgrupo C1), pola quenda de promoción interna.
Trátase dunha oposición restrinxida a funcionarios, que lles permite acceder a un posto de maior categoría; e que garante a promoción profesional cunha oposición menos esixente que a que afronta unha persoa non funcionaria para o mesmo posto. O exame consistirá nun test de 60 preguntas.
Na xornada de mañá sábado, pola mañá desenvolveranse as probas do SERGAS correspondentes ás categorías de logopeda, técnico en farmacia e técnico superior en radioterapia. Este mesmo día pola tarde tamén se realizarán as probas da categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermaría.
Finalmente, o domingo 29 pola mañá terán lugar os exercicios das categorías de fisioterapeuta; técnico superior en hixiene bucodental; e técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico. Xa pola tarde, desenvolveranse as probas para as categorías de enfermeiro especialista en obstetricia e xinecoloxía; técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía; técnico superior en imaxe para o diagnóstico; e terapeuta ocupacional.
Corpo auxiliar subgrupo C2
Ademais, esta fin de semana 322 aspirantes están chamados tamén a realizar oposicións ao corpo auxiliar da Administración subgrupo C2 pola quenda de promoción interna. O primeiro exercicio terá lugar mañá en Santiago, e consistirá nun test de 50 preguntas. A proba celébrase na facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago.
UN TOTAL DE 20 MOZOS E MOZAS REVALORIZARÁN A FONTE DAS CATRO ESTACIÓNS DO PARQUE DO PASATEMPO NO MARCO DUN CAMPO DE TRABALLO PROMOVIDO POLA DIRECCIÓN XERAL DE XUVENTUDE
Os voluntarios realizarán unha valoración e diagnose do estado da fonte das catro estacións dos Xardíns do Pasatempo e redactarán un proxecto de restauración, con limpeza e consolidación preventiva da fonte
- A Consellería de Política Social organiza un total de 24 campos de traballo na comunidade galega nos meses de verán e ofrece aos mozos e mozas galegos 575 prazas para participar nos que se realizan en Galicia, no resto de España e noutros países
- Galicia é a comunidade de referencia na materia e o ano pasado organizou o 34% dos campos de traballo internacionais que se celebraron en toda España
- Esta actividade enmárcase na Campaña de Verán 2016, que oferta 9.046 prazas para albergues, campamentos e actividades de ocio e tempo libre para a mocidade e na que a Xunta de Galicia inviste 2,6 millóns de euros
Betanzos (A Coruña), 27 de maio de 2016.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentou esta mañá o Campo de Traballo Internacional de Betanzos que se celebrará na localidade entre o 15 e o 26 de xullo. Este campo terá unha temática moi ligada a un dos maiores activos turísticos e culturais de Betanzos, como é o Parque do Pasatempo.
Os voluntarios realizarán unha valoración e diagnose do estado da fonte das catro estacións dos Xardíns do Pasatempo e redactarán un proxecto de restauración, con limpeza e consolidación preventiva da fonte, e levarán a cabo a limpeza e acondicionamento dos xardíns que a rodean, así como actividade de difusión e divulgación do proxecto.
Nesta iniciativa conxunta entre a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e o Concello de Betanzos, participarán un total de 20 voluntarios de entre 18 e 30 anos, procedentes de Galicia, do resto de España e doutros países de todo o mundo.
Cecilia Vázquez destacou que “os proxectos de voluntariado xuvenil, como este campo de traballo, supoñen unha magnífica ferramenta de educación non formal para a nosa mocidade”. En concreto, os campos de traballo contribúen á difusión de valores como a participación, a solidariedade, o coñecemento do contorno e o traballo en equipo entre os participantes. Así mesmo, fomentan a mobilidade, pois ofrecen aos mozos e mozas a oportunidade de tomar parte en campos doutras Comunidades e países.
Son polo tanto recursos de gran valor xuvenil, nos que Galicia é a comunidade de referencia na materia. Cómpre destacar que o ano pasado Galicia organizou o 34% dos campos de traballo internacionais que se celebraron en toda España, segundo o balance realizado polo Injuve.
A Consellería de Política Social organiza un total de 24 campos de traballo na comunidade galega nos meses de verán nos concellos coruñeses de Outes, A Laracha, Ponteceso, Boqueixón, Rois, Betanzos, Curtis, Vedra, Ribeira e Coirós e nos concellos ourensáns de Celanova, Ourense, Muíños, Vilamarín e A Peroxa. Así mesmo, celebraranse nos municipios lucenses de Folgoso do Courel, Portomarín, Becerreá, Pantón, Quiroga e Xermade, así como en localidades da provincia de Pontevedra como as Illas Cíes (4 quendas), Cotobade e Vilanova de Arousa.
Este ano os mozos e mozas galegos dispoñen de 575 prazas para participar nos Campos de traballo. Destas prazas, 120 son para Campos noutras comunidades autónomas, 250 para Campos en 34 países de Europa, Asia, África e América e 205 para Campos en Galicia. Con estes datos, Galicia é a comunidade española con máis prazas en campos de traballo.
Campaña de verán 2016
Cecilia Vázquez lembrou que os campos de traballo enmárcanse dentro da Campaña de Verán 2016 que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. “Esta campaña é a máis inclusiva e importante dos últimos anos no que se refire a número de prazas ofertadas. En total, son 9.046 as prazas que se ofrecen, o que significa incrementar nun 6% as prazas dispoñibles no ano pasado”, explicou a directora xeral.
Ademais destes campos, a campaña de verán inclúe albergues, campamentos e actividades de ocio e tempo libre para a mocidade. A Consellería de Política Social destina un orzamento de 2,6 millóns de euros a esta campaña.
Cómpre destacar que, outro dos aspectos positivos da campaña está no impulso ao emprego que leva aparellada. Grazas ao desenvolvemento destas actividades, as empresas de ocio e tempo libre de Galicia darán traballo a máis de 900 monitores/as e directores/as de campamentos.
Os interesados e interesadas nesta campaña, xa poden consultar toda a información relativa á mesma en http://xuventude.xunta.es.
A CIG denuncia que a compañía viguesa Dinak está a despedir persoal que reclama o cumprimento do convenio colectivo
- ao non aceptar que se celebren asembleas no centro de traballo
Vigo/27-05-2016
A federación de Industria da CIG de Vigo denuncia que Dinak, empresa dedicada á fabricación de chemineas metálicas con sede en Teis, está a despedir ao persoal que reclama o cumprimento do convenio colectivo, nomeadamente en materia de categorías laborais e de xornada. Dende a central acusan a maioría do comité (CCOO) de colaborar coa dirección ao non aceptar que se celebren asembleas no centro de traballo para informar sobre a situación e tomar decisións ao respecto.
Segundo explican dende a CIG-Industria, os últimos despedimentos en Dinak producíronse a semana pasada, cando se lle rescindiu o contrato a catro traballadores, mais lembran que o pasado mes de decembro rexistráronse outros dous despidos. En todos os casos tratábase de empregados que reclamaran o cumprimento do convenio colectivo -o provincial do sector do Metal-, especialmente en materia de categorías laborais e xornada de traballo. Os seis despedimentos producíronse no taller, onde a central nacionalista ten a maioría, mentres que CCOO foi a forza máis votada entre o persoal de técnicos/as e administrativos/as.
Na central entenden que se trata dun claro caso de represión sindical -a pesar de que a empresa argumente que os despidos foron por causas organizativas- e anuncian que abordarán co cadro de persoal a convocatoria de paros e mobilizacións. Ao mesmo tempo, acusan á maioría do comité (6 delegados/as de CCOO e 3 da CIG) de colaborar coa dirección ao non aceptar a realización de asembleas no centro de traballo para informar da situación e tomar decisións ao respecto.
Lembran tamén que nos últimos anos a empresa xa modificara as condicións laborais do conxunto do cadro de persoal, reducindo os salarios e modificando a xornada. Os cambios incluíron a desaparición da prima de produción e a ampliación do tempo de traballo en quince minutos diarios, que era o tempo do que dispoñían os traballadores/as para o bocadillo. Con anterioridade ás modificacións computábase como xornada efectiva, pero agora eses quince minutos trasladáronse aos sábados, cando a xornada laboral era de luns a venres.
Dinak é unha empresa dedicada á fabricación de chemineas metálicas con sede no camiño do Laranxo, na Riouxa, en Teis, que na actualidade emprega arredor de 200 persoas.