A CIG denuncia que a compañía viguesa Dinak está a despedir persoal que reclama o cumprimento do convenio colectivo

 

  • ao non aceptar que se celebren asembleas no centro de traballo

 

Vigo/27-05-2016

A federación de Industria da CIG de Vigo denuncia que Dinak, empresa dedicada á fabricación de chemineas metálicas con sede en Teis, está a despedir ao persoal que reclama o cumprimento do convenio colectivo, nomeadamente en materia de categorías laborais e de xornada. Dende a central acusan a maioría do comité (CCOO) de colaborar coa dirección ao non aceptar que se celebren asembleas no centro de traballo para informar sobre a situación e tomar decisións ao respecto.

 

Segundo explican dende a CIG-Industria, os últimos despedimentos en Dinak producíronse a semana pasada, cando se lle rescindiu o contrato a catro traballadores, mais lembran que o pasado mes de decembro rexistráronse outros dous despidos. En todos os casos tratábase de empregados que reclamaran o cumprimento do convenio colectivo -o provincial do sector do Metal-, especialmente en materia de categorías laborais e xornada de traballo. Os seis despedimentos producíronse no taller, onde a central nacionalista ten a maioría, mentres que CCOO foi a forza máis votada entre o persoal de técnicos/as e administrativos/as.

 

Na central entenden que se trata dun claro caso de represión sindical -a pesar de que a empresa argumente que os despidos foron por causas organizativas- e anuncian que abordarán co cadro de persoal a convocatoria de paros e mobilizacións. Ao mesmo tempo, acusan á maioría do comité (6 delegados/as de CCOO e 3 da CIG) de colaborar coa dirección ao non aceptar a realización de asembleas no centro de traballo para informar da situación e tomar decisións ao respecto.

 

Lembran tamén que nos últimos anos a empresa xa modificara as condicións laborais do conxunto do cadro de persoal, reducindo os salarios e modificando a xornada. Os cambios incluíron a desaparición da prima de produción e a ampliación do tempo de traballo en quince minutos diarios, que era o tempo do que dispoñían os traballadores/as para o bocadillo. Con anterioridade ás modificacións computábase como xornada efectiva, pero agora eses quince minutos trasladáronse aos sábados, cando a xornada laboral era de luns a venres.

 

Dinak é unha empresa dedicada á fabricación de chemineas metálicas con sede no camiño do Laranxo, na Riouxa, en Teis, que na actualidade emprega arredor de 200 persoas.

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: