LÓPEZ-CHAVES PREGÚNTASE “QUEN CRE XA A ABEL CABALLERO NA CIDADE” POLAS SÚAS CONTINUAS MENTIRAS, AGORA CO SERVIZO DO 112
O delegado territorial da Xunta en Vigo sinala que as transcricións do 112 acreditan que o alcalde da cidade olívica “non di a verdade”
Vigo, 27 de maio de 2016.- O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, preguntouse hoxe “quen cre xa a Abel Caballero na cidade” polas súas continuas mentiras, agora relativas ao servizo de emerxencias do 112 no operativo do incendio de Fandicosta.
López-Chaves considerou que os vigueses e viguesas “xa estamos acostumados á catarata de mentiras” do rexedor olívico que, segundo dixo o delegado, chega incluso “a mentir sobre unha conversa cando esa mesma está gravada”, facendo referencia as transcricións do servizo de emerxencias do 112 relativas ao acaecido no incendio de Fandicosta, en Moaña. “Nelas queda acreditado que Caballero non di a verdade”, explicou López-Chaves matizando que os acontecementos se sucederon tal e coma afirmou onte o Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, no Parlamento.
Neste senso, preguntouse “quen cre xa” ao alcalde en Vigo considerando por último que tanto o seu comportamento “coma as continuas cataratas de mentiras” amosan que o rexedor “deixa a educación na casa cando sae dela polas mañás”.