IV TRIATLON CONCELLO DO PORRIÑO
Martin Carrera campión absoluto do IV Tríatlon Concello do Porriño
Uns 250 triatletas competiron esta tarde na edición máis dura da proba debido ás condicións meteorolóxicas
A deportista local Iria Rodríguez impúxose na categoría feminina facendo gala do seu título de campiona de España
Martín Carrera do Club Natación Riveira proclamouse campión absoluto do IV Triatlon Concello do Porriño. Na proba participaron 250 triatletas, dos 298 inscritos en total, que retaron ao mal tempo grazas ao seu espíritu deportivo.
En total foron 209 os que finalizaron correctamente a proba, xa que o río Miño tornouse este ano costa arriba para a proba de natación, xa que no momento da primeira saída comezou a caer unha tromba de auga que dificultou o desenrelo da mesma, provocando o abandono de varios participantes.
O traxecto en bicicleta transcorreu sen contratempos, encabezada en todo momento polo vencedor absoluto Martín Carrera (Club Natación Riveira), que facía a súa entrada en meta cun tempo total de 1:01:46; seguido do seu compañeiro de equipo Jorge González cun crono de 1:02:19; e en terceiro lugar Ismael López (Tríatlon Vilagarcía /Aten) que rexistrou 1:02:23.
Na categoría feminina na que a nova triatleta do Club Atletismo Porriño e Campiona de España non defraudou. Iria Rodríguez, foi a gañadora cun tempo de 01:09:25, seguida de Inés Castaño (Arcade Inforhouse Santiago) con 1:13:54 e de Carmen Belo (Cidade Lugo Fluvial) con 1:19:24 de tempo total.
Sorprendía tamén outro deportista porriñés, xa que estamos máis afeitos velo sobre unha moto, Xacob Agra entraba polo arco de meta en décimo cuarta posición cun tempo 1:06:57.
Os encargados de entregar os trofeos aos vencedores foron os concelleiros de Deportes do Porriño e Tui, Manuel Carreira e Laureano Alonso, respectivamente; e o Comandante Naval do Miño, Enrique García.
Velando pola seguridade de todos os participantes na proba, contouse con 200 voluntarios entre O Porriño e Tui, situados nos distintos puntos de acceso ao vias polas que transcorría o circuíto.
Xornadas sobre a recuperación da Praza de Abastos do Porriño
Os vindeiros xoves e venres, días 2 e 3 de xuño, ás 20:00 h., na Praza de Abastos Municipal do Porriño, os arquitectos Jaime Blanco, Jesús Irisarri e Guadalupe Piñera, ofrecerán sendas conferencias, dentro das xornadas ‘Praza de Abastos, proxecto dun espazo público’, para explicar o plan de recuperación desta praza no centro mesmo da vila e dar a coñecer as particularidades do edificio mesmo, deseñado por Xosé Bar Bóo, un dos arquitectos referentes en Galicia durante a segunda metade do século pasado.
Ademais do edificio do Mercado de Abastos do Porriño (1970)-no que entre outras características destaca a falla de pilares- Bar Bóo é o autor do Policlínico Cíes (1967), a torre da Illa de Toralla, a Igrexa Parroquial da nosa Señora de As Neves (1968), o Edificio Vicente Suárez, e Vigo (1972), a Casa Gerardo Martín, catalogada como Ben de Interés Cultural, ou os Xulgados de A Coruña (1985).
Sobre a técnica e as características do edificio do Mercado falará, o xoves, día 2, Jaime Blanco, doutor arquitectura cum laude, coa súa tese doutoral ‘A obra de Xosé Bar Bóo: obxectividade e dimensión colectiva’, e socio fundador do estudo Mestura Arquitectos, con sede en Barcelona. Blanco é autor da Xefatura da Garda Urbana de Lleida, o Centro de Alto Rendemento de Vela de Cataluña, o edificio destinado a Policía Local e Protección Civil de Lugo ou Centro de Biomedicina Experimental de Galicia.
O día 3, Jesús Irisarri, e Guadalupe Piñera, explicarán o proxecto da mellora da Praza de Abastos que ten coma obxectivo conformar o espazo exterior do mercado como un espazo público e multifuncional que permitirá a expansión do propio mercado. Irisarri e Piñera explicarán polo miudo cómo unha marquesiña, a modo de loxia ou soportal tradicional, ademais de adecuarse ao clima do Porriño, definirá un ámbito peonil ao redor do edificio.
Os arquitectos tamén falarán sobre o feito de que a recuperación do mercado e o seu espazo público sumaranse, así, a un conxunto que abrangue o atrio da Igrexa, a Praza do Concello e o conxunto penalizado no centro do Porriño.
Iso permitirá que a vila teña unha nova praza, no centro mesmo, conectada coa rúa comercial-a peonil- e co Concello, e que na mesma sexa posible organizar eventos que dinamicen a Praza do Mercado e a consoliden coma un lugar de encontro. A elo engádese o feito de que a praza servirá de ‘soporte’ para múltiples actividades comerciais, recuperando o espazo dos soportais, incentivando o consumo e dando pulo económico a un lugar clave para os porriñeses.
Corte do tráfico da rúa Manuel Rodríguez durante dúas semanas
O Concello do Porriño informa de que dende o luns, día 30 de maio, e durante dúas semanas, córtase ao tráfico a rúa Manuel Rodríguez. O corte prodúcese para acometer a reparación do pavimento.
Os vehículos non poderán circular polo treito de Pío XII á Igrexa se Santa María durante a realización da mellora do firme que, da cordo cos prazos da Concellería de Vías e Obras, estará rematada na primeira quincena do mes de xullo.
A Policía Local sinala que mantense as zonas de carga e descarga da rúa Pío XII, e da contorna da Igrexa ademais, polo que atangue a Pío XII si será posible estacionar e circular pola mesma ata o cruzamento de Manuel Rodríguez no que se iniciarán as obras.
ABANCA reúnese na Habana coas comunidades galegas no exterior
Francisco Botas: “Este encontro permitiunos coñecer mellor e trasladarlles todo o noso apoio aos miles de galegos e galegas que residen e traballan noutros países”
· A iniciativa forma parte da estratexia desenvolvida por ABANCA para contribuír a estreitar os lazos económicos entre Galicia e os países de destino da súa emigración
· ABANCA ten clientes activos en 150 países
28.05.2016. Representantes de ABANCA, encabezados polo seu conselleiro delegado, Francisco Botas, mantiveron onte un encontro coa emigración galega na Habana no marco da celebración do XI Plenario do Consello de Comunidades Galegas. “Este encontro permitiunos coñecer mellor e trasladarlles todo o noso apoio aos miles de galegos e galegas que residen e traballan noutros países”, sinalou Francisco Botas.
A iniciativa forma parte da estratexia desenvolvida por ABANCA para contribuír a estreitar os lazos entre Galicia e as comunidades galegas residentes no exterior. A través da súa actividade como entidade financeira, ABANCA presta apoio á actividade económica dos emigrantes galegos en diferentes países, fomenta a internacionalización das empresas galegas e contribúe á dinamización das relacións entre os empresarios galegos residentes en Galicia e outros países. A entidade financeira galega ten clientes repartidos por 150 países.
No atril, Francisco Botas, conselleiro delegado de ABANCA. De pié de esquerda a dereita: Alberto Cacharrón, director de No Residentes de ABANCA e Alfonso Caruana, director xeral de Internacional de ABANCA.