A alcaldesa garantiza aos praceiros o mantemento do aparcamento na Praza de Abastos
Asegurar o aparcamento que hai na contorna da Praza de Abastos. Esa é, segundo subliñou a alcaldesa, o primeiro obxectivo da reforma que se realizará na mesma. Eva García de la Torre comprometeuse cos praceiros a que non se reducirán os estacionamentos e que “haberá unha mellora nos accesos ao mercado” ampliando a rúa Cando.
Ista foi unha das principais conclusións do segundo día das xornadas de arquitectura ‘Praza de Abastos. Proxecto dun Espazo Público’, que se desenrolaron o xoves e venres para que a mesma alcaldesa e os arquitectos puidesen explicar aos veciños, usuarios e comerciantes o proxecto de reforma do exterior da mercado.
Os autores deste proxecto, Jesús Irisarri e Guadalupe Piñera, amosaron en que consistirá o cambio que, repetiron, amosando distintos exemplos doutras cidades e vilas que veñen de aplicar solucións anovadoras para a recuperación de entornos urbanas, ten coma obxectivo facer posible o emprego desta zona para numerosos usos, coma actividades culturais, deportivas, expositivas, lúdicas ou cidadáns, que “convivirán” con comercios, negocios e a actividade cotiá do mesmo mercado.
Rematada a exposición e durante o quenda de preguntas, os arquitectos e alcaldesa atenderon ás dúbidas dos participantes, en especial dos praceiros quenes amosaron a súa preocupación polo mantemento dos aparcamentos e a mellora das entradas e saídas dos clientes que se achegan en coche ao mercado.
Neste sentido, Eva García de la Torre sinalou que o proxecto se desenrolará en varias fases e admitiu, como sinalou algún dos asistentes, que “non tivemos unha boa comunicación cos praceiros, teño que facer autocrítica”, polo cal, indicou, “un dos obxectivos destas xornadas é o de recuperar ese contacto, despexar as principais dúbidas e coñecer directamente as propostas e opinións dos veciños e os usuarios do mercado”.
A alcaldesa adiantou que o proxecto na praza “está moi adiantado” e sinalou que o mesmo pasa pola ampliación da rúa Cando, o cal permitirá manter o actual espazo de estacionamento e, mesmo, mellorar a circulación.
Eva García de la Torre sinalou que xa se deron os “primeiros pasos” para declarar varios terreos da rúa Cando como de interese público e que está en estudo a posibilidade de establecer un tempo máximo de parada para a subida e baixada das persoas que vaian ou veñan de facer as súas compras no mercado.
A alcaldesa repetiu que a finalidade da mellora da praza é o de “integrar esta parte da vida diaria dos veciños no centro do Porriño, nun espazo moi preto da rúa peonil, aproveitar este espazo tamén cando non hai actividade no mercado, facilitando que haxa terrazas, negocios e que os rapaces xoguen aquí”.
A XUNTA TRASLÁDALLE AO CONCELLO DE VIGO A SÚA DISPOSICIÓN A MANTER XA A VINDEIRA SEMANA A REUNIÓN SOBRE A MELLORA DO SERVIZO MUNICIPAL DE AUTOBÚS AO AEROPORTO DE PEINADOR SE ACHEGA A DOCUMENTACIÓN REQUIRIDA
- A Consellería de Infraestruturas, nunha misiva remitida onte, solicitoulle ao Concello información como os estudos de demanda de tráficos para analizar o servizo coa fin de acadar unha optimización nos desprazamentos dos cidadáns
- Na convocatoria de onte a Xunta propuxo a celebración dunha reunión de traballo para a semana do 20 de xuño co obxectivo de proporcionarlle o tempo necesario ao Concello para recabar a información solicitada
Santiago, 3 de xuño de 2016.- A Xunta de Galicia trasladoulle hoxe ao Concello de Vigo a súa disposición a manter xa o vindeiro luns a reunión solicitada pola Xunta para concretar o apoio autonómico á mellora do servizo municipal de autobús ao aeroporto de Peinador. A directora xeral de Mobilidade convidou á concelleira de Transportes da cidade a manter a devandita reunión o día 6 de xuño ás 12 horas na Delegación Territorial da Xunta na cidade.
Hai que lembrar que o Goberno galego lle remitiu onte unha misiva ao Concello na que reiteraba a súa vontade de artellar un reforzo do servizo que permita a atención aos viaxeiros da totalidade de voos ou a intermodalidade coa conexión cos principais nós de transporte.
A Xunta, a través desta convocatoria, propuxo a celebración dunha reunión de traballo para a semana do 20 de xuño co obxectivo de proporcionarlle o tempo necesario ao Concello para que recabara a información solicitada.
Neste documento indicábase que os técnicos da Dirección Xeral de Mobilidade consideran que para analizar de xeito rigoroso o servizo proposto coa fin de acadar unha mellora nos desprazamentos dos cidadáns, cómpre unha maior concreción de diferentes aspectos. Neste sentido, solicitouse información complementaria empregada para a elaboración da proposta, como por exemplo, estudos de demanda de tráficos ou a análise comparativa respecto da liña Express preexistente.
A Xunta tamén concretou que se deberían analizar certos aspectos da proposta do Concello como por exemplo, o plantexamento de se un autobús circular con frecuencias dunha hora sería axeitado cando xa está funcionando na actualidade a liña L9A con intervalos de media hora.
Sen embargo, ante a urxencia manifestada polo Concello de Vigo para a celebración da reunión, a Xunta trasladou a súa plena disposición a adiantar esa xuntanza ao luns, entendendo que os representantes municipais asistirán á xuntanza coa información necesaria.
MARCO: inauguración O MUNDO FLÚE (Fundación ONCE): exposición + obradoiros de verán
Dúas miradas sobre unha mesma realidade
Datas 3 xuño – 4 setembro de 2016
Lugar Laboratorio das Artes (1º andar)
Horario Martes a sábados (festivos incluídos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00
Domingos, de 11.00 a 14.30
Comisariado Mercé Luz Arqué, xefa do Departamento de Cultura e Ocio de Fundación ONCE
Organizada por
O MUNDO FLÚE
Dúas miradas sobre unha mesma realidade
Miguel Agudo, Eugene Bavčar, Miguel Ángel Campano, Pete Eckert, Sebastián Ferreira, Cristina García Rodero, Germán Gómez, Dan Miller, Donald Mitchell, Paloma Navares, Gerardo Nigenda, Carme Ollé i Coderech, Ofelia Ontiveros, Luis Pérez-Mínguez, Rodrigo Raimondi, Ricardo Rojas, Ángel Rojo, Rafael Sanz Lobato, Judith Scott, Belén Serrano, Gonzalo Torné, Juan Torre
A exposición ‘O MUNDO FLÚE. Dúas miradas sobre unha mesma realidade’ reúne unha selección de obras da Colección de Arte Contemporánea da Fundación ONCE, que formaron parte das Bienais Internacionais de Arte Contemporánea organizadas pola devandita entidade.
A partir do 3 de xuño e ata o 4 de setembro, o espazo denominado ‘Laboratorio das Artes’, situado no primeiro andar do MARCO, acolle esta mostra, acompañada dun programa educativo que se desenvolverá en paralelo á exposición.
Con esta exposición, Fundación ONCE pretende divulgar a obra de artistas con discapacidade entre aquelas persoas relacionadas profesionalmente co mundo da arte ou que non tiveron a oportunidade de visitar a Bienal de Arte Contemporánea que organiza a entidade.
A mostra está formada por unha selección de obras de artistas con algún tipo de discapacidade (física, sensorial, intelectual e enfermidade mental) ou ben de creadores que, sen teren discapacidade, utilizan esta como tema de inspiración e motor das súas creacións, incidindo deste modo na lexitimidade da diferenza e o matiz enriquecedor que esta dualidade leva consigo, de onde xorde o subtítulo “dúas miradas sobre unha mesma realidade”. Así, a selección de obras e artistas presenta ao espectador unha multiplicidade de puntos de vista na interpretación da discapacidade.
Os visitantes poderán gozar dunha mostra que xa percorreu cidades como Barcelona, Alacante, San Sebastián, A Coruña ou Badaxoz, cunha selección de obras de artistas que ofrecen un discurso estético plural e sensible.
No caso do MARCO, grazas ao patrocinio da Fundación ONCE, durante os meses de xuño e xullo desenvolverase, paralelamente á mostra, un programa educativo dirixido nunha primeira fase a grupos de escolares, e a partir do 23 de xuño —unha vez finalizado o curso escolar— ao público infantil e ás súas familias.
+ INFO obras e artistas en http://www.elmundofluye.es/
+ INFO expo en MARCO en http://www.marcovigo.com/content/o-mundo-fl-e-d-miradas-sobre-unha-mesma-realidade-0
Bienal de Arte Contemporánea Fundación ONCE
Un dos obxectivos da Fundación ONCE dende a súa creación hai máis de 25 anos, é conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade en todas as ordes da vida. A Fundación ONCE centra grande parte dos seus esforzos na inserción laboral das persoas con discapacidade, sendo consciente de que non poden esquecer outros ámbitos como a cultura para conseguir a total normalización na vida das persoas que conforman este colectivo.
Por esta razón a Fundación ONCE organizou en Madrid, no ano 2006 a I Bienal Internacional de Arte Contemporánea Fundación ONCE, un ambicioso proxecto cuxo obxectivo primordial é recoñecer e difundir a obra de artistas con algún tipo de discapacidade, así como potenciar o seu acceso e participación no mercado da arte.
Esta misión está en liña cos dous obxectivos claves de Fundación ONCE: a accesibilidade, traballando polo concepto de accesibilidade universal e polo goce da cultura en igualdade de condicións; e a inclusión, procurando o acceso dos artistas con discapacidade ao circuíto do mercado da arte, e conseguindo así a súa integración social e laboral.
Pero tamén se pretendía provocar a atención do mundo da cultura e a arte sobre a realidade do mundo da discapacidade e o seu enorme potencial. Debido ao éxito obtido na I Bienal, e co ánimo de continuar cos obxectivos previstos, a Fundación ONCE volveu apostar pola organización de novas edicións. Así, a VI Bienal de Arte Contemporánea foi xa inaugurada en varios espazos de Madrid, onde se poderá visitar do 25 de maio ao 11 de setembro de 2016.
Esta VI Bienal, cuxo fío condutor é a tecnoloxía na arte, vertébrase en torno a unha exposición de artes plásticas (CentroCentro Cibeles) e unha serie de actividades paralelas que inclúe ciclos de artes escénicas con teatro, danza e música (La Casa Encendida, Teatro Valle-Inclán); cinema (Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas) e obradoiros de formación artística, en calquera das súas disciplinas.
+ INFO en http://bienal.fundaciononce.es/vi-bienal
O MUNDO FLÚE
Dúas miradas sobre unha mesma realidade
Programa de visitas e obradoiros no MARCO
O programa educativo que acompaña e complementa esta mostra está dirixido, nunha primeira fase, a grupos de escolares (Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato), centros de ensino e asociacións, e a partir do 23 de xuño —unha vez finalizado o curso escolar— ao público infantil e as súas familias.
FASE 1
Do venres 3 ao mércores 22 de xuño
Visitas e obradoiros para grupos de escolares e asociacións
Horarios: de martes a venres, de 11.00 a 12.15 (1ª quenda) / de 12.15 a 13.30 (2ª quenda)
Máximo aproximado: 50 alumnos por quenda
Previa cita no teléfono 986 113904 / 113900
FASE 2
Do xoves 23 de xuño ao venres 29 de xullo
Actividades para público familiar: nenos/as a partir de 3 anos, sós ou acompañados de persoas adultas
Horarios: de martes a venres, de 12.00 a 14.00
Entrada libre ata completar aforo
Posibilidade de reserva anticipada para grupos, ata un máximo de 15 participantes por obradoiro
Información e visitas
Alén do programa específico de visitas-obradoiro, o persoal de salas está a disposición dos visitantes para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:
Todos os días á 18.00
Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita no tel. 986 113900
REY VARELA ENTREGA O GALARDÓN COFER 2016 Á PROMOCIÓN DA RESPONSABILIDADE SOCIAL EMPRESARIAL Á FUNDACIÓN MAPFRE, A FEDERACIÓN DOWN GALICIA E TEIMA DOWN FERROL POLO PROGRAMA DE EMPREGO “XUNTOS SOMOS CAPACES”
- O titular da área social do Goberno galego destacou o compromiso das entidades distinguidas “coa igualdade de oportunidades e de dereitos, así como coa necesidade de avanzar na procura dunha sociedade plenamente integradora, sen barreiras e máis rica; xa que na diversidade está a riqueza”
- A iniciativa “Xuntos somos capaces” ofrece ás empresas asesoramento e acompañamento durante todo o proceso de integración nas mesmas de persoas con discapacidade intelectual coa finalidade de garantir o éxito da inserción laboral
- Francisco Conde destaca a alianza de Navantia e Windar Renovables como símbolo da diversificación industrial, e resalta a aposta da Xunta pola formación dos traballadores cara a eólica mariña e o Naval 4.0
Ferrol (A Coruña), 3 de xuño de 2016.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou hoxe na entrega dos Galardóns COFER 2016 en recoñecemento á contribución de empresas e entidades á dinamización, modernización e crecemento do tecido económico, así como da súa responsabilidade social corporativa. No acto tamén estivo presente o titular autonómico da carteira de Emprego, Economía e Industria, Franscisco Conde. A Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer) organizou este acto que se desenvolveu no Parador de Turismo de Ferrol e no que foron distinguidos o grupo Cándido Hermida, pola súa traxectoria empresarial; Navantia e Windar, pola súa aposta emprendedora na eólica mariña; e a Fundación Mapfre, a Federación Down Galicia e Teima Down Ferrol, polo programa “Xuntos somos capaces” para a inserción laboral de persoas con discapacidade.
Rey Varela foi o encargado de dar o premio á promoción da responsabilidade social empresarial á Fundación Mapfre, a Federación Down Galicia e Teima Down Ferrol polo programa de emprego “Xuntos somos capaces”, que ten como principal obxectivo a incorporación no mercado de traballo de persoas con especiais dificultades, como son as persoas con discapacidade intelectual e enfermidade mental. Así, esta iniciativa ofrece ás empresas interesadas asesoramento e acompañamento durante todo o proceso de integración nas mesmas coa finalidade de garantir o éxito da inserción laboral.
O titular da carteira autonómica de Política Social destacou o compromiso dos galardoados “coa igualdade de oportunidades e de dereitos, así como coa necesidade de avanzar na procura dunha sociedade plenamente integradora, sen barreiras e máis rica; xa que na diversidade está a riqueza”. E, ao fío disto, engadiu que “contribuír a mellorar a calidade de vida destas persoas é unha liña de actuación prioritaria nas políticas sociais en Galicia”.
Ao respecto, o conselleiro destacou que o Goberno galego reforzou este ano o seu compromiso con estas persoas, asinando un total de 11 convenios con federacións que traballan no eido da diversidade. No que atinxe ao colectivo de afectados de Down, Política Social aumentou nun 10% a contía do convenio coa Federación Down Galicia até chegar esta anualidade aos 446.838 euros. Así mesmo, referiuse á iniciativa pioneira posta en marcha pola Xunta de Galicia e a Fundación Down Compostela que fai posible que tres persoas con discapacidade intelectual realicen prácticas formativas na administración autonómica, no marco dun convenio de colaboración para a realización de actividades, aprendizaxe e integración laboral deste colectivo.
E, nesta liña, Rey Varela recordou que a Oferta Pública de Emprego da Xunta de Galicia para 2016 inclúe no eido da administración xeral 35 prazas reservadas para persoas con diversidade. “Penso que este o camiño que debemos facer entre todos, e para que chegue a bo fin é imprescindible a participación das empresas. Porque a inserción laboral é a mellor maneira de conseguir a plena integración de calquera persoa, favorecer o seu desenvolvemento e autonomía, e mellorar a súa calidade de vida”, concluíu o titular de Política Social.
Crecemento empresarial e emprego
Mentres, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, resaltou que todos os premiados “simbolizan unha forma de crecer esforzada, innovadora e responsable” que ten feito posible que entre xaneiro e abril se crearan nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal un 18% máis de empresas que no mesmo mes do ano pasado; e que ten permitido que Ferrol teña un 7,8% menos de paro que en 2015. Conde entregou o Premio ao Proxecto Emprendedor a Navantia e Windar Renovables, cuxo esforzo compartidos nos proxectos Wikinger e Hywind, defendeu, “representa a capacidade dos nosos sectores estratéxicos, neste caso o naval, para diversificarse, poñéndose á vangarda europea dun eido que non é o da súa actividade principal”.
Esta alianza para a fabricación de jackets non só devolveu a actividade ao estaleiro de Fene, sumando un investimento de máis de 100 millóns, 1.300.000 horas de traballo, e máis de 400 empregos directos, senón que, salientou Conde, “é o punto de partida dun traballo que fará a Ferrol e Fene unha referencia a nivel internacional do sector”. Esa meta, dixo, pasa por unha permanente actualización do capital humano, que contará co apoio da Xunta a través da Axenda 20 para o Emprego.
Así, apuntou que o Goberno galego está activando un programa de Unidades de Formación, para atender de forma concreta as necesidades de capacitación dos cadros de persoal das compañías que operan en Galicia. Ademais, e no marco da axenda, sinalou que a Xunta porá a disposición das compañías medidas específicas de formación para colaborar con elas, non só no impulso á diversificación, senón na necesaria adaptación ao Naval 4.0, que necesitará de especialistas en tecnoloxías como robótica, virtualización ou Big Data.
José González, Melandrómeda y Bala nuevas confirmaciones de Atlantic Fest
|
|
O PARO DESCENDEU NO PORRIÑO EN 146 PERSOAS NO ÚLTIMO ANO, 41 DELAS O PASADO MES DE MAIO
O número de desempregados descendeu no Porriño en 41 persoas en maio, segundo os datos difundidos polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social, pasando de 2.127 desempregados en abril a 2.086 a día 31 pasado.
A baixada do desemprego no concello non é, segundo os devanditos datos, un feito illado: o número de porriñesas e porriñeses que buscaban traballo pasou de 2.232 cando o actual goberno local tomou posesión, hai un ano, a 2.086 o mes pasado, o que supón 146 parados menos e un descenso do 25,35 ao 23,77% na porcentaxe de veciñas e veciños que están na procura de emprego e non o atopan.
A este número, segundo apunta a concelleira de Emprego, Soledad Girón, hai que engadir ás 30 persoas que dende hai un mes poideron voltar a traballar coa posta en marcha no Porriño do Plan de Práctica Laboral da Deputación.
Girón subliña o “enorme esforzo” realizado polos integrantes da Concellería de Emprego. “Maila a que en materia de persoal estamos baixo mínimos, con dous auxiliares administrativos, a xestión de ofertas de emprego tivo bastante éxito, conquerindo que empresas que deixaran de colaborar co Concello volvesen a facelo, demandándonos os traballadores que precisan e, en varios casos, asinando os correspondentes contratos laborais”.
A concelleira salienta a importancia que ten a formación impulsada dende o Concello nos pasados doce meses, con cursos de atención a maiores, referidos ao eido socio sanitario, para emprendedores, fitosanitario, “no que rematamos coa lista de agarda que había para completar a formación que permite obter o permiso para, por exemplo, dar sulfatos ou mercalos”, reparación de teléfonos móbiles e tabletas, realización de eventos ou maquillaxe e perruquería aplicados ao ámbito sociocultural.
Soledad Giron pide, neste esforzo que están a facer as diferentes administracións para mellorar a empregabilidade e conquerir que máis veciñas e veciñas atopen traballo, a colaboración do Goberno de Galicia. Neste senso, a concelleira critica que a administración galega non concedese ao Porriño “nin unha soa” Acción Formativa para Desempregados (AFD), que permite a quen a completa obter un certificado da propia Xunta, “o que é de vital importancia para persoas con baixa formación”.
Girón, logo de lembrar que as competencias en materia de emprego corresponden á Xunta, sinala que hai dous anos que a administración galega non conceden un so AFD ao Porriño, “maila a que os solicitamos” e lamenta que a Xefatura Territorial da Xunta nin se dignase a respostar ás chamadas feitas dende o Concello.
A concelleira tamén denuncia que a Xunta so concedeu a Porriño 10 contratos dos que poden beneficiarse veciñas e veciños que perciben unha Renda de Inserción Social (RISGA), aínda que ao concello corresponderíanlle 20. Soledad Girón lembra que hai un total de 136 solicitudes aprobadas para optar a este tipo de contratos e que as 10 concedidas “son totalmente insuficientes”.
No mesmo sentido, a concelleira lamenta que o Goberno galego tampouco aprobase unha so contrato de Colaboración Social, que permite a persoas que están percibindo unha prestación por desemprego completar a mesma, ao tempo que se reintegran ao mercado de traballo. “Solicitamos 25 e non se nos concedeu ningún, algo que non ten explicación a cal, asimesmo, por desgracia, tampouco tivemos ocasión de recibir dado que non obtivemos resposta da Xefatura Territorial da Xunta as nosas peticións para manter unha xuntanza”.