A CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL SEGUE A APOSTAR POLO VOLUNTARIADO CO PROGRAMA PASAPORTE SOLIDARIO QUE PROMOVE OS VALORES DE SOLIDARIEDADE, PARTICIPACIÓN E COMPROMISO SOCIAL
- O programa favorece que os escolares se comprometan como voluntarios a través dunha metodoloxía activa e participativa, que achega ao alumnado á realidade do voluntariado
Arzúa (A Coruña), 8 de xuño de 2016.- Os alumnos do CPR Nosa Señora do Rosario de Arzúa que participaron no programa Pasaporte Solidario recibiron hoxe os certificados acreditativos de mans da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez. Os principais obxectivos deste programa da Consellería de Política Social son os de promover valores de solidariedade, participación, compromiso social e voluntariado entre a comunidade educativa (pais, nais, profesorado e alumnado) e favorecer que os e as escolares se comprometan como voluntarios e voluntarias a través dunha metodoloxía activa e participativa, que achega ao alumnado á realidade do voluntariado.
O Pasaporte Solidario é un documento que contén páxinas con propostas de actividades solidarias pensadas tanto para alumnos de Primaria como da ESO. Coordinados polos centros educativos, cada participante ten que encher o seu pasaporte con certificados que acrediten o cumprimento da actividade solidaria. Entre as accións que hai que certificar para cubrir o Pasaporte atópanse tarefas como acompañar aos maiores, colaborar na casa ou axudar aos compañeiros de clase.
Cecilia Vázquez foi recibida polo equipo directivo do centro, onde escoitou as súas suxestións e propostas para mellorar o Pasaporte Solidario, unha iniciativa que cumpre o seu quinto ano de vida. A continuación saudou aos alumnos e alumnas participantes e puido coñecer de primeira man como se foron desenvolvendo as distintas actividades. Personificando neses alumnos e profesores, a directora xeral agradeceu a participación neste programa aos máis de 1.900 alumnos de 18 centros de Galicia que están a traballar co Pasaporte Solidario desde o pasado mes de outubro.
A directora xeral tamén destacou que con este proxecto a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ofrece unha programación para que os mozos e mozas galegos teñan a posibilidade de que desenvolvan un itinerario voluntario completo e continuo, que comeza en primaria con Móvete, segue co Pasaporte Solidario, dirixido a mozos de ata 12 anos, continúa coa Rede de Centros Solidarios para estudantes de secundaria, e complétase co Servizo de Voluntariado Xuvenil, que se prolonga ata os 30 anos.