ESCRITO DO COLECTIVO DE XUBILADOS/AS E PENSIONAISTAS DA CIG Á DIRECCIÓN PROVINCIAL DO INSS DE VIGO

No Colectivo de Xubilados/as da CIG temos constancia de que esa Dirección Provincial do INSS lles comunicou aos emigrantes retornados galegos que perciben pensións de Suíza que deixaban de ter dereito á asistencia sanitaria da Seguridade Social por seren perceptores dunha prestación estranxeira e que, se desexaban continuar gozando do dereito á atención médica, deberían ou ben afiliarse á Institution Commune LAMAL suíza ou ben subscribir o Convenio especial para a cobertura da asistencia sanitaria a emigrantes traballadores e pensionistas dun sistema de previsión social estranxeiro…

 

Deste xeito, os afectados, fronte á inseguridade en que se encontraron con esta notificación, víronse irrevogabelmente obrigados a desembolsar ao INSS unha prima mensual de 87 euros para poder seren atendidos nas súas necesidades médicas e farmacéuticas. Deuse mesmo o caso de que unha señora cunha pensión mensual de 150 francos suízos, equivalentes a 135,22 euros, tivese que dedicar o 64,34 por cento dos seus xa moi reducidos ingresos para, pagando ese convenio, poder ter dereito á asistencia sanitaria da Seguridade Social.

 

Tamén somos sabedores de que existen xa numerosas resolucións xudiciais que consideran que o INSS está procedendo ilegalmente ao denegarlles o dereito á asistencia sanitaria ás/aos galega/os que perciben pensións suízas e ao esixirlles a subscrición do convenio de asistencia sanitaria.

 

Ignora sistemática e obstinadamente o INSS o dereito comunitario porque o Acordo sobre a libre circulación de persoas entre a Comunidade Europea e os seus Estados membros, por unha banda, e a Confederación Suíza, por outra, feito en Luxemburgo o 21 de xuño de 1999 (Anexo II, Sección A), regula a afiliación obrigatoria ao réxime de enfermidade suízo en catro supostos, en ningún dos cales se encontran os nosos emigrantes retornados dese país.

 

Ignora tamén o INSS a Lei Federal Suíza do Seguro de Enfermidade, que no seu artigo terceiro indica que deben estar obrigatoriamente incluídos neste seguro tan só as persoas que teñen a súa residencia en Suíza.

 

Por isto, todas as sentenzas xudiciais, e son numerosas, lles dan a razón aos demandantes excluídos do dereito á asistencia sanitaria. Á mesma conclusión chega tamén a Defensora del Pueblo na súa categórica resolución do 9 de xullo de 2014 en resposta a unha queixa sobre esta cuestión. Así, literalmente, acorda «restablecer o dereito á asistencia sanitaria con cargo ao Sistema Nacional de Saúde a todos os perceptores de pensión da Seguridade Social suíza, residentes en España, aos que se lles comunicou a perda da súa condición de beneficiarios, ao resultarlles de aplicación o artigo 3 do Real Decreto 1192/2012, de 3 de agosto, polo que se regula a condición de asegurado e de beneficiario, por non teren a consideración de persoas aseguradas en Suíza e careceren de cobertura sanitaria obrigatoria por outra vía».

 

Malia recoñecerlles este dereito as normas xurídicas, as resolucións xudiciais e a Defensora del Pueblo, os nosos emigrantes retornados de Suíza continúan abocados por esta inxusta decisión do INSS a recorrer aos tribunais para poderen gozar da asistencia sanitaria pública.

 

Por todo isto, desde o Colectivo de Xubilados/as da CIG da Unión Comarcal de Vigo esiximos que o INSS restitúa con toda urxencia o dereito á asistencia sanitaria dos nosos emigrantes retornados que cobran pensións de Suíza e que lles reintegre a totalidade do importe por eles satisfeito indebidamente a causa da subscrición do convenio especial para esta cobertura.

 

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: